Glifosato, industria química e UE

Nos últimos vinte anos a utilización de pesticidas estendeuse no agro europeo. Práctica importada desde os USA que a Unión Europea foi incapaz de controlar ou frear. As grandes empresas que controlan a produción alimentaria mundial, a través de lobbies asentados en Bruxelas, operan como lanzadeiras para introducilos na axenda da PAC (Política Agraria Común Europea). Hai que recordar que a utilización de produtos herbicidas, onde o glifosato é o compoñente esencial, é a principal causa da contaminación das fontes e acuíferos de auga potable, da redución dos paxaros insectívoros, e da morte das abellas en amplas zonas de Europa.

Amais, o glifosato non é neutro para as persoas, xa que foi clasificado como probable axente canceríxeno polo Centro Internacional contra o Cancro (CIC), axencia da Organización Mundial da Saúde (OMS), encargada de inventariar os detonantes canceríxenos. Aparecido nos anos setenta o seu uso leva aparellado a redución da biodiversidade agrícola e botánica xa que mata sen distinción toda a materia verde como si fose un lanzachamas. A Comisión Europea despois de propoñer a súa re homologación por quince anos máis atópase hoxe debatendo autorizalo só para os próximos dezaoito meses, mentres procura acordar a súa total prohibición na agricultura da Unión Europea. O prazo acábase o 15 de decembro e os países están moi enfrontados nesta cuestión aínda que o Parlamento Europeo avoga por vetalo no espazo agrícola comunitario. Na última reunión, oito de novembro, catorce países, entre eles España, defenderon prorrogar o uso durante cinco anos máis. En contra pronunciaronse nove e abstiveronse cinco. Francia segue a ser o país máis que máis se opón tal é así que o presidente Macron comprometeuse na campaña electoral a suprimilo no seu territorio.

O veto de uso é fortemente rexeitada polos medianos e grandes propietarios agrarios europeos que pensan que a supresión levaría consigo unha drástica redución das colleitas e poría a auto suficiencia alimentaria na man das empresas exportadoras americanas que non estarían sometidas a esta norma. Complementariamente están en xogo os beneficios da multinacional americana Monsanto que ten a patente. Segundo La Voz de Galicia só na comunidade úsanse máis dun millón de quilos ao ano para unha  superficie potencial de arredor de 650.000 hectáreas agrícolas cun custo que supera os dez millóns de euros. 

Pola contra un recente estudo aparecido no número de febreiro da revista Nature Plants desmonta o argumento sobre a diminución dos rendementos agrarios. Durante tres anos traballaron nunha base de datos con información de un millar de grandes granxas agrarias francesas e compararon a produtividade coas explotacións lindeiras que mantiñan a mesma produción e o mesmo clima. O análises estatístico demostrou que só no 6% delas hai unha correlación directa entre o aumento da produción e o uso da química agraria. E que unha diminución do 30% no uso da química de sentises non tería efectos negativos sobre a colleita. O estudo vai máis alá e aclara que poderíase manter a produción agraria actual reducindo o 37% dos herbicidas, o 47% dos funxicidas, e o 60% dos insecticidas.

O traballo vén confirmar as conclusións análogas de outras investigacións recentes. Como o estudo publicado en xullo de 2016 na revista Scientific Reports, sobre os rendementos de 150 campos de trigo franceses.

Mais o problema reside na dificultade de convencer aos labregos para que cambien o modelo para favorecer a rotación de cultivos, a diversidade biolóxica, e a limpeza mecánica dos campos. Neste eido a cidadanía europea tamén xoga un papel determinante para obrigar á Unión Europea a desenvolver unha PAC que potencie unha agricultura biolóxica, sen pesticidas, e con planificación ecolóxica global. E no que os concellos poden xogar un importante papel de concienciación. Municipios como os de A Coruña, Ourense ou Santiago xa aprobaron declaracións que prohiben o uso do glifosato nas tarefas de mantemento de parques e xardíns e no referente á limpeza da maleza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.