1917 e o espírito revolucionario

“Podrán cortar todas las flores, pero no podrán detener la primavera”. Pablo Neruda

Como licenciada en Historia, durante a miña formación tiven que estudar a miúdo o quebro radical entre o pobo e os privilexiados de tal ou cal sociedade. Non unha, nin dúas, senón moitas, moitas veces, os abusos de poder foron contestados en forma de estoupido, acadando dende uns poucos éxitos nalgúns casos, á mudanza completa da sociedade noutros: o conflito plebeios-proletarios da República Romana, a Jacquerie francesa, os Palleses de Remença cataláns e a Irmandiñada galega, ou a “Gloriosa” dirixida por Cromwell na Gran Bretaña, son só uns poucos dos exemplos, previos á mesma Revolución Francesa, que demostran que a meirande parte dos cambios e conquistas sociais da Historia non se conseguiron rogando por elas cun sorriso. Isto se debe a que as sociedades xeran un sistema ideolóxico arredor do status quo imperante (coa relixión por exemplo) para que a poboación o acepte como natural, necesario e inevitable, pero que chegado un punto rompe, e non sempre de xeito sosegado; así, a máxima de que “as cousas sempre foron así” pódese rebater co convencemento dos campesiños antes da Revolución Francesa de que os privilexios de nobreza e clero eran inmutables e “cousa de Deus”... ata que deixaron de selo ó chegar a París madame Guillotine. Podo afirmar por tanto, como persoa que algo sabe de evolución histórica, que todo o “normal” realmente é mudable, con suficiente vontade e enerxía, e que ningunha sociedade está, nin estivo, libre desa reviravolta social chamada revolución.

A última destas grandes, trascendentais revolucións estivo esta semana de aniversario: o 7 de Novembro (25 de Outubro naquel Calendario Xuliano que a Rusia ortodoxa aínda estaba a usar daquela) cumpríronse 100 anos da toma do Pazo de Inverno de Petrogrado polos bolxeviques, culmen deses “dez días que tremeron ao mundo” dos que falara o comunista ianqui John Reed. Este acontecemento que mudou radicalmente a vida de Rusia marcaría para sempre o devir do século XX: derrota do nazismo, Guerra Fría, carreira espacial... son fitos que non se entenden sen a existencia da URSS creada tras a Revolución de Outubro (Novembro) de 1917.

O proceso para chegar á Revolución non foi breve. Todo o século XIX foi un caldo de cultivo para as ideoloxías revolucionarias (socialismo, marxismo, anarquismo), unha época que asistiu ao inicio da unión organizada dos traballadores, os cales empezaron a mostrar a forza que tiña o asociacionismo obreiro con exemplos como o da Trade Union, e de loita como a dos Mártires de Chicago pola xornada dos “tres oitos”. Todas estas ideas chegaron a unha Rusia atrasada, nobiliar e profundamente empobrecida, onde calaron abofé entre a poboación principalmente campesiña e miserenta. Os zares e os seus cortellos miraban antes para Francia que para os seus propios súbditos, e obsesionábanlles máis os delirios imperiais de estender o seu territorio que o desenvolvemento da terra que xa posuían. Xa tiveran que lidiar co fartazgo do pobo en 1905 naquela protesta de bravas mulleres que pedían “pan”, e a brutal represión do que se acabou coñecendo como “Domingo Sanguento” non só non persuadiu á xente, senón que a rabia contida se enquistou e se estendeu. As levas obrigatorias da I Guerra Mundial e a sensación xeral da absurdez dese conflito non axudaron a calmar ao pobo. E foi entón, na primavera de 1917, cando estes zares foron expulsados das súas poltronas e, algo máis de medio ano despois, serían os burgueses afrancesados do Goberno de Kerensky os que se verían sobrepasados pola forza da Historia, unha forza que non se vira dende 1789 e que, como en 1789, fixo tremer de temor e estupor os aceitados bigotes de todo acaudalado monsieur arredor do mundo. Ao berro de “todo o poder para os soviets”, e co sincero entusiasmo de estar por fin cambiando as cousas, os esquecidos do sistema tomaron o ceo por asalto, cambiaron o mundo de base e demostraron que nada pode parar a vontade dos traballadores organizados, que un faiado non pode deter ao mar.

Os primeiros meses deste novo réxime foron de continua construción: declaración da paz e retirada das tropas da Gran Guerra, reparto da terra dos antigos terratenentes, sanidade e educación gratuítas, igualdade entre mulleres e homes... Sería a posterior guerra civil e inxerencia do Exército Branco europeo o que poría a zancadilla a tan adiantados avances. Sen meternos nos devires da historia posterior, que precisaría dunha análise francamente profunda, o motivo polo que o pasado martes moitos na esquerda recordamos este acontecemento non é só, digamos, “folklórico”. Non. O que nós reivindicamos é a lección de heroicidade que aqueles loitadores e loitadoras nos envían dende o pasado: a unión de campesiños, obreiros e soldados, homes e mulleres, que se alzaron contra a rancia opresión baixo a consigna da paz, terra, traballo e liberdade, enfrontándose a un sistema inxusto, decimonónico e caduco na busca da mellora da vida de todos eles, deixando atrás ese escuro pasado para sempre. Xentes cargadas de ideais, de ilusión e de forza, que non se amilanaron ante os ataques do poder e do capital, e que foron quen de unirse na tentativa de crear un mundo novo.

Porque para nós iso é socialismo: a toma do poder pola maioría social, coa ansia de edificar unha sociedade máis xusta para todos fronte á “lei do embudo” na que uns poucos teñen moito e os moitos teñen pouco. Para nós, o socialismo non pode existir sen as máximas de democracia, paz, feminismo e liberdade, tal como aqueles ousados revolucionarios de hai 100 anos quixeron facer ver ao mundo naquel outono europeo.

E se algo aprendimos deses “belos tolos”, foi o poderoso que pode ser o pobo cando se organiza, e o forte que pode ser a súa voz cando berran todos ao mesmo tempo. O éxito da Revolución de 1917 sentou a semente na nosa mente e corazón da verdadeira capacidade que tiñamos por cambiar as cousas se nolo propuñamos: revoltas estudiantís que nalgún caso destituíron reitores (Compostela, 1968), consecución de conquistas feministas e de dereitos do colectivo LGBTI, protección do medioambiente e parón de leis ou convenios laborais draconianos, valentes resistencias aos fascismos das últimas décadas do s.XX en Latinoamérica e Europa e todo tipo de protestas contra guerras, ditaduras e inxustizas arredor do globo.  a historia recente, dende as sufraxistas ata o 15M, pasando polos estudantes dos 70 ou os obreiros dos 80, está enchida de exemplos nos que a loita do pobo en conxunto fai temblar e dar pasos atrás ás autoridades, sempre que se une, sempre que non se rinde e sigue adiante sen dúbidas nin medo.

Porque, como amosan as leccións da Historia, a revolución social non é só un fito estraño e anecdótico, senón unha forma de transformación continua, natural e necesaria.

“La Historia es nuestra, y la hacen los pueblos”. Salvador Allende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.