0 Gardados para despois

Sara Torreiro

Se te violaron, ten que parecelo

Hai un ano máis ou menos, cinco homes violaron a unha rapaza nun portal. Eles din chamarse “la manada” e seica desde adolescentes se chamaban uns a outros lobitos. Cada un flípase co que quere (ou co que pode).

Ben, estes cinco homes colleron a unha rapaza e fixeron con ela o que lles deu a gana. Pero seguro que ela o estaba pasando pipa. E seguro que ía medio destapada, ensinando perna e escote. E comprenderán que iso é pouco decoroso e que ademais, nun San Fermín, cun montón de borrachos che pode pasar calquera cousa. Se cadra bicou a algún dos agresores. Vaia, en resumo, que o que lle pasou, pasoulle por puta. E aquí vén o primeiro xuízo que se lles fai ás vítimas da violación. Que facían no intre previo a que pasase.

A proba definitiva de que lle encantou o que lle fixeron é que non se defendeu. Ou, polo menos, iso parece. Porque para unha rapaza de 18 anos e complexión feminina debe ser moi sinxelo arrepoñerse a cinco… CINCO homes que a rodean para dispoñer dela ao seu gusto. E aquí vén o seguinte xuízo: que fai a vítima durante a violación: berra? deféndese?  arreponse? pecha as pernas o suficiente? tivo a precaución de saír da casa con algún tipo de arma defensiva porque era visto que nun San Fermín a ían violar?

E logo vén o xuízo final: está a vítima sendo unha boa vítima? Está metida na casa cunha pañoleta negra na cabeza, saia ata os pés e ollos semianegados en bágoas todo o tempo?  Ou, pola contra, anda por aí coas súas amigas como se nada pasase? Se isto último é o que está a facer, igual é que non o está pasando tan mal, non? Non só tes que ser unha violada, tes que parecelo.

Este último xuízo é o que recolle a defensa dun dos, seica, lobitos. A familia del contratou un detective para que seguise os movementos da rapaza. E claro, compartiu unha publicación de “carácter festivo” nas súas redes sociais. Vaia, que xa andaba pendoneando por aí adiante tras unha violación.

Nese xuízo definitivo entra a consideración social de que unha violación é algo horrible do que nunca te vas poder recuperar. Pois ben, unha sociedade responsable ensinaría a cinco homes que non se pode meter a unha rapaza nun portal para facer con ela o que lles pete. Ensinaría aos homes activamente que non se pode violar. E tamén ás vítimas a defenderse, porque eu mesma podo intuír que é horrible que che abran as pernas pola forza, pero gustaríame ter as ferramentas para que iso non pasase. Unha sociedade responsable non preguntaría a unha vítima se pechou as pernas o suficiente nin por que compartiu unha publicación alegre no seu facebook. Porque o único que provoca este xuízo sumarísimo é desincentivar a outras mulleres na mesma situación a denunciala. Sinalamos á vítima, non ao agresor.

Pois vaia, non sei, igual a quen a sociedade tiña que xulgar é a cinco homes que violaron a unha rapaza de 18 anos. Dous deles, por certo, garda civil e militar. No xuízo pediron que non se difundisen imaxes deles porque atentaba contra a súa intimidade. Eles non tiveron problema en gravar o que lle facían a ela e envialo a un grupo no que había 21 –creo recordar- lobitos máis. VINTEÚN homes que non xuntaron entre todos o sentido preciso para denunciar o que os seus compinches acababan de facer. E a eses 21 tamén hai que xulgalos socialmente. Porque quen cala, outorga, polo tanto é cómplice.  Ou sexa que eu case prefiro saber cales son as caras destes cinco individuos, nunca sabes cando podes cruzarte con eles pola rúa.

Acerca de Sara Torreiro