0 Gardados para despois

María Xosé Queizán

París Foto

A fotografía emerxe, asistida pola técnica, na esfera artística do S.XIX. Aporta un novo xeito de ver a vida e unha creatividade que non cesa de evolucionar. Daría lugar ao cine e ao vídeo. En París celébrase un gran encontro anual para dar conta dos milleiros de posibilidades que ofrecen as olladas xa avaladas de grandes nomes da profesión, xunto a outras novas que ensaian diversos enfoques.

Debaixo das bóvedas marabillosas de ferro e vidro do Gran Palais, pérdome entre os 190 expositores con fotos procedentes de 30 países que me obrigan a redifinirme continuamente, a repoñer a miña mirada ante as direccións e intereses de olladas globais, ante suxeitos, paisaxes, persoas, historias, ben europeas, norteamericanas, suramericanas, africanas, asiáticas, unha melée fantástica que me permite abarcar unha creatividade múltiple, unha xungla humana tan diversa como achegada, unha paisaxe cultural que nos informa, nos ensina e nos comprace conxuntamente.

Avanzando en plena mutación de seres e ideas, ao longo dunha escenografía concibida por Karl Lagarfeld, repóñome das emocións aborixes, pailarocas que inzan a política nos lares dos que procedo, con ideas demagóxicas, acurrunchadas, egoístas que pretenden illarnos do mundo. Ese mundo que se me ofrece como un rico galano este Novembro na 21 edición de París Foto. Unha revelación que espalla as fronteiras tanto conceptuais, como físicas ou políticas. Unha invasión de imaxes que me axudan a comprender as perspectivas alleas, desde as miñas.

Hai tempo que tiven unha galería de arte, Roizara, en Vigo. Daquela sabía algo máis do mercado, no relativo a pintura e escultura. Perdín ese contacto, pero ben sei que está suxeito á especulación, e ás veces escoito os prezos millonarios que poden chegar a acadar certos cadros nas subastas. Seica o mercado da arte é a terceira industria máis utilizada para branquear diñeiro, despois da droga e o mercado das armas. Isto débese a ausencia de regulación que se presta á evasión fiscal.  A compre venda de algo tan “sublime” é como unha feira do far west!

Aínda que  fotografía está suxeita a unha especulación menor que a pintura, nos últimos dez anos adquiriu un maior peso económico. En 2005 unha foto (Cowboy) de Richard Prince foi a primeira que chegou a superar o millón de dólares. Neste momento o prezo medio dunha foto oscila entre 10.000 e 15.000 euros. Parece que a especulación na fotografía nunca chegará á da pintura ou escultura. Estará freada por unha simple e elemental condición: a multiplicidade das tiradas. É unha característica específica da fotografía no medio moderno. Mentres que na pintura, os coleccionistas lle conceden valor a unha obra pola súa rareza.

Este ano 2017, no París Foto destaca a fotografía documental, así como os dramas humanos. Os campos de refuxiados, as escenas de miseria en diversas áreas e atmosferas. Ucraína, a Rusia, abrupta contrastando coa Rusia moderna e actual. A vida cotiá da xente afro-americana nos 60 e 70, no cerne da loita dos Black Panther, ou a dos nosos tempos. O lume de ideas, documentos que nos introducen de cheo no 68, un tempo non coñecido polas novas xeracións. Múltiples ambientes, revolucións, dramas, misoxinias, torturas…, e as correspondentes denuncias. Grande é a capacidade da fotografía para facernos ver con ollos empáticos realidades diversas que procesamos e asimilamos.

Nun canto reclama a atención, como un golpe de efecto, o rostro desmiolado de Patti Smith, unha testemuña certa. Tanto como comprobar o extenso número de mulleres que asinan as fotos penduradas nos paneis, un 45% do conxunto. Case equitativo. As mulleres están enchendo os espazos culturais como mostra da irrupción no mundo público.

Tanto nas esferas do poder, como é o caso de Marta Gili, directora do Jeu de Paume, que desde hai 11 anos xoga un rol activo na modernidade, no descubrimento de grandes obras, e na visibilidade das artistas. Son moitas as que lle deben, a súa primeira exposición. Comprobamos a eficacia da existencia de mulleres nos espazos do poder para axudar a mulleres na base, para darlles unha oportunidade. O mesmo podemos dicir das galeristas, como Françoise Paviot, única entre varias que participou no xurado de París Foto defendendo a representación das súas conxéneres. Tamén a directora do departamento de Estampas e da Fotografía da Biblioteca nacional de Francia, goberna a máis importante colección fotográfica de Francia e vela polo seu enriquecemento.

Non é menos provocadora que as fotos, a cidadanía que cruzamos nos stands. Mulleres altas, cunha beleza constituída durante séculos; negras e negros coa característica elegancia, que alanca sobre os anos de escravitude dos antepasados e se adapta como unha luva á moda actual; mulleres e homes cunha indumentaria estrafalaria coa que pretenden impactar e demostrar que son “artistas”; afectados compradores, críticas que se moven con aspecto de coñecer ben o camiño por onde van, e centos de persoas que imos dun lado ao outro como miradas curiosas. É só o alcance do pensamento o que nos diferencia, así como  a capacidade de gozo. 

Serían precisas máis horas, días para engulir tantas conciencias.

Acerca de María Xosé Queizán