0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

O bloqueo das solucións políticas

O proceso de debate do novo Estatut catalán de 2006 e máis o talante supostamente autonomista do Goberno de ZP sementaron en moitos a idea de que a Constitución española de 1978 era quen de evoluír cara un Estado plurinacional onde encaixaramos diversas nacións do Estado. Na Galicia tamén se avanzou substancialmente cara un novo Estatuto no 2006. Até o extremo que xa estaba consensuado un texto ao 95% entre PP, PSdeG e BNG.

Mais o PP optou por rachar os consensos, xerar división social e defender unha idea de España anacrónica, autoritaria e uninacional. Feijóo bloqueou o novo Estatuto na súa xuntanza a tres co Vicepresidente Anxo Quintana e co Presidente Touriño. Mentres, Rajoy, xa líder do PP recorría perante o Tribunal Constitucional (TC) o Estatut catalán , avivaba o lume da catalanofobia recollendo sinaturas nas praias e bloqueaba o anovamento do TC para evitar unha sentenza que declarase inconstitucional o Estatut.

En xuño do 2010 o TC “mandó a parar”  cunha sentenza que declarou inconstitucionais as principais solucións para avanzar no autogoberno catalán, sendo a primeira vez que se anulaba un texto ratificado antes pola cidadanía. Rachouse, pois, o pacto estatutario  entre o Estado e Catalunya e implícítamente a propia Constitución, demostrándose que a interpretación dominante da Constitución impedía a evolución de España cara á plurinacionalidade.

Esta dinámica separadora fixo abrollar o independentismo catalán, até entón en niveis do 10%. O President Mas tentou en setembro de 2012 un pacto sobre financiamento que substituíse a normativa económica do Estatut do 2006, declarada inconstitucional, mais a resposta de Rajoy foi de rexeitar calquera solución negociada.

Dende aquí o Goberno do Estado  seguiu na súa teima de negar toda solución política, quer unha reforma constitucional que ratificase os avances estatutarios do 2006, quer  un  referendo consultivo, que máis do 70% dos cataláns pedían. Un plebiscito perfectamente constitucional consonte co artigo 92 da Carta Magna.

O bloqueo das solucións políticas permitiu rearmar o nacionalismo español, ariete dunha recentralización que interesa a grande parte do Madrid financeiro, económico e mediático e non interesa nada a Galicia. O bloqueo ás solucións políticas está a prexudicar a convivencia, quizais de xeito irreparábel.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema