Anécdotas dun conta contos

(...) Nunca, nunca xa un neno puro, compañeiro. De repente fixéronte home, botáronte para sempre do paraíso (...). Xoguetes pra un tempo prohibido.

Esta obra, xunto con outras moitas, foron analizadas o pasado luns, día 20, na celebración da vixésima edición das Xornadas de Cultura e Literatura Galegas, organizadas polo departamento de Filología Románica, Italiana, Gallego-Portuguesa y Catalana da Universidad de Granada, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este ano as xornadas estiveron dedicadas integramente á figura homenaxeada nas Letras Galegas, o escritor, profesor e político, Carlos Casares. Esta é unha figura ben querida dentro da nosa literatura, será por iso que se apuran até o final do ano os derradeiros actos conmemorativos que recordan a súa longa traxectoria, tanto na literatura como no eido  xornalístico. Granada, mesmo estando a 1000 quilómetros de distancia de terras galegas, quixo unirse a estas celebracións que veñen a recoñecer o labor educativo e cultural de Carlos Casares. Foi así como Anxo Tarrío (profesor da USC), Armando Requeixo (investigador Ramón Piñeiro), Eduardo López Pereira (Director da ACSUG) e Luis Alonso Girgado (Catedrático ensino medio en Lingua española) quixeron ser partícipes desta sentida homenaxe, lembrado os mellores fragmentos e anécdotas, mais tamén a vida persoal do autor, as súa relación con outros escritores e escritoras contemporáneos ou as súas vivencias máis persoais e íntimas. Saltaron así á palestra divertidas historias que fixeron rir a unha ateigada sala de conferencias da Universidad de Filosofía y Letras de Granada.

O alumnado da materia de Gallego Inicial I da Universidad de Granada, que formou parte dos asistentes do simposio, está a estudar estes días que son as Letras Galegas, quen foi Carlos Casares e como a súa figura e a dos seus compañeiros e compañeiras da Nova Narrativa influíron na literatura e cultura galegas. Eles veñen de diferentes partes do territorio español: Ceuta, Jaén, Murcia, Sevilla, Xinzo da Limia, Málaga, Oviedo e Granada. Son rapaces e rapazas de entre 18 e 24 anos que non tiveron contacto co galego anteriormente, mais que queren aprender todo o que estivera relacionado coa cultura galega. Son curiosos, inquedos, analíticos e desde hai uns días, tamén pequenos investigadores. Mal pasaron dous meses e xa son capaces de manter conversas simples, de explicar os mitos e lendas máis populares de Galiza, de entender certos procesos de evolución fonética, e por suposto, xa comezan a ser uns grandes coñecedores dos escritores que forman parte da nosa historia.

Non sei se Carlos Casares estaría moi orgulloso de que as escolas infantís se rebautizaran co título do seu libro: A galiña azul, mais do que si estou segura é de que vendo estes rapaciños e rapaciñas que comezan a ser neofalantes, asisten á súa homenaxe, devecendo por saber máis do que, do como, do quen e do cando, posiblemente como chave para descifrar o cara a onde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.