0 Gardados para despois

Jorge Linheira

Tres lustros dunha gran Burla Negra: Produción artística e cultural en torno ao Nunca Máis

Tal día coma hoxe, hai quince anos, nacía a Plataforma contra a Burla Negra. O 25 de novembro do 2002 nacía e bautizábase no compostelán Auditorio de Galicia a plataforma que englobaba as xentes do mundo da cultura, que na maioría dos casos apenas podía –seguimos igual- vivir do seu traballo como artistas profesionais, dentro de ese gran movemento-acontecemento que foi o Nunca Máis.

O deixamento da clase política provocou que se revolvesen as forzas da cultura de base cunha efervescencia comparable aos últimos anos do franquismo e inicios da “Transacción”

Burla Negra non afloraba pola catástrofe en si, emerxía pola nefasta xestión por parte das autoridades. Tan nefasta, miserable e indigna que motivara aquel nome tan directo e contundente. Porque o acontecido fora unha burla monumental, e tan negra como o piche espallado polas nosas costas. Debemos ter claro, que a Burla Negra foi un fenómeno sen parangón a nivel estatal que se desenvolveu por todo o territorio galego. O deixamento da clase política provocou que se revolvesen as forzas da cultura de base cunha efervescencia comparable aos últimos anos do franquismo e inicios da “Transacción”; nun momento, o de finais do 2002, no que rendido e desarmado o caciquismo mutante, Galiza iniciaba a súa verdadeira Transición. 

Burla Negra foi unha experiencia interxeneracional e que para multitude de mozas e mozos supuxo a súa primeira experiencia política transformadora; e que por outra parte, trouxo a produción dunha cultura -unha cultura de protesta- ao redor dun movemento cidadán de autoorganización nun contexto de parálises informativa e do estado. Unha revolución cultural acompañando a un movemento ecolóxico, cooperativo, horizontal e de protesta que trouxo unha cultura nova que por desgraza non está suficientemente consolidada no imaxinario popular como si outros acontecementos similares.

Todo o sucedido ao redor da Burla Negra foi unha gran (R)evolución cultural producida de abaixo arriba, pero a día de hoxe podemos observar como non veu acompañada dunha auténtica evolución cultural

O laboratorio da Burla Negra estableceu unha cultura non centralizada que non participaba na estabilidade política de ningún goberno. Retornaba á cultura a súa capacidade de arma de destrución masiva, de obxecto problemático, parcial, combativo e coma ferramenta de transformación social; devolvía á cultura a capacidade de ser unicamente responsable ante ela mesma e non do poder. Todo o sucedido ao redor da Burla Negra foi unha gran (R)evolución cultural producida de abaixo arriba, pero a día de hoxe podemos observar como non veu acompañada dunha auténtica evolución cultural.

Insistimos, en torno ao Nunca Máis produciuse unha gran revolución cultural; falamos de cooperación, de ecoloxía, ou de protesta cando lembramos aqueles tempos pretéritos, pero todo iso estaba xunto. Déronse unhas prácticas culturais desbordantes que cuestionaron o paradigma dominante pero non se creou un relato analítico, unha investigación capaz de organizar todas as distintas fontes de confrontación e desbordamento que sucederon neses anos dun xeito orgánico. Podemos afirmar, que a experiencia deses anos aínda non se procesou correctamente. Unha experiencia rupturista de desbordamento que posteriormente só podemos atopar: nas protestas contra a invasión de Irak en 2003 -as mesmas chegaran a coincidir no marco temporal xunto a diversas accións levadas a cabo contra a catastrófica xestión do Prestige-, os días posteriores aos atentados do 11M en 2004, e nun 15M que si logrou crear un relato analítico e difundilo no tempo.

A Burla Negra distinguiuse por achegarlle ao movemento Nunca Máis o seu mellor repertorio

A Burla Negra distinguiuse por achegarlle ao movemento Nunca Máis o seu mellor repertorio: a creación, a crítica, a ironía ou o carácter lúdico-festivo que impregnaban a todas as súas accións. Un alto nivel de compromiso social ofrecido polo colectivo que veuse correspondido pola aceptación da cidadanía, que respondera masivamente a maioría dos actos que tiveran orixe na fábrica de soños da Burla Negra. Por citar algúns dos moitísimos: as mareas gaiteiras, o concerto de autor, o velorio ao mar en Riazor, os concertos expansivos, os cedés musicais, os reis do chapapote en Vigo, o día das maletas en Coruña, a exposición fotográfica itinerante Marea Negra en colaboración co Colexio de Xornalistas, o entroido, as intervencións nas manifestacións de Madrid e Bruxelas, a carpa do País de Nunca Máis, a viaxe galáctica de Álvarez-Cascos coa medalla imposta por Fraga Iribarne, o disco-libro Sempre Mar, a baralla xigante do Prestige, ou o documental colectivo Hai que Botalos estreado semanas antes das eleccións a presidencia da Xunta do 2005 e que traerían o final do réxime fraguián.

Acerca de Jorge Linheira

Axitador e prosumidor cultural. Investigador independiente de políticas culturais e autor do libro La cultura como reserva india. Treinta y cinco años de políticas culturales en Galicia