0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

A pandemia da violencia machista

Na nosa sociedade quizais non exista  outro problema que afecte tan directamente aos principais dereitos fundamentais  (vida, integridade física e  liberdades) como a violencia machista, tendo en conta o número de persoas atinxidas. Só no noso País a policía protexe 3.100 vítimas, case o 0,25% da poboación feminina total. E cumpriría engadir ao universo de persoas en risco aquelas que non denunciaron ou as que denunciaron e non tiveron acollida a xeito (que destas tamèn hai).

Cómpre combatermos a violencia machista dende a educación, de xeito transversal. Porque semella que as cousas non van tan ben neste eido cando o 27% dos xoves entre 16 e 24 anos teñen interiorizado con normalidade esta pandemia. Mais cando falamos de educación non falamos só do sistema educativo, senón de todos os instrumentos de socialización, incluída a familia e os media. E arrincar destes instrumentos socializadores as actitudes e lugares comúns do machismo, porque son os que xeran o clima do que xurde a violencia machista.  Entre outros xeitos rexeitando na familia, na escola e no faladoiro de amigos os comentarios machistas supostamente paveros. E  non xulgando o seu xeito de vestir, os costumes ou os hábitos sexuais de ninguén, porque  quen debe ser xulgado é o delincuente e non a vítima. Facéndolle ver ao maltratador que a súa conduta non só é ilegal, senón que lle vai afastar da consideración dos seus iguais e da inclusión social.

No curto prazo, porén, confésolles o meu escepticismo coas concentracións e minutos de silenzo. No curto prazo o único compromiso político operativo é o do orzamento, o dos cartos. Cómpre dotar a xeito os Xulgados especializados de violencia contra a muller e crealos onde non existan ( polo menos en Lugo, Composterla, Ferrol, Ourense e Pontevedra). Cómpre financiar axeitadamente as unidades policiais especializadas. E, sobre todo, cómpre facer da vítima o eixo do sistema de protección, como se fixo coas vítimas do terrorismo. E isto quere dicir dotar a serio as axudas médicas, xurídicas, psicolóxicas e económicas ás vítimas.

Velaí o porqué a loita contra a violencia machista ha constituir unha prioridade política e social real, condicionando a axenda e os orzamentos públicos e vertebrando transversalmente as principais políticas públicas.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema