0 Gardados para despois

Carmen Armada

365N

Trescentos sesenta e cinco días que son para nós 25 de novembro, trescentas sesenta e cinco razóns que leváronnos a saír onte ás rúas, día internacional contra as violencias machistas, a berrar como unha verdadeira manada.

Podería ser este un artigo máis, un artigo escrito dende o contido e o repouso da miña persoa, un artigo de calma, de tristura e, pode ser, tamén de desasosego. Pero é que sucede unha cousa, sucede que ningún destes sentimentos pode encher o meu peito, ningún destes sentimentos redimirá a rabia contida que alberga o meu corpo. A estrutura de sociedade na que vivimos é a dun sistema patriarcal, que consente, estimula e protexe o uso da violencia contra as mulleres polo feito de selo. Este artigo é para ti, compañeira, que te creo, que me cres.

Como combater o patriarcado? A estrutura desta sociedade machista na que vivimos combátese principalmente dun xeito: a educación dende a infancia. De xeito natural, cada xeración suponse que vai ser máis tolerante, avanzada, igualitaria e xusta que as anteriores, pero estamos a ver como as máis novas xeracións están a despregar todo o machismo que teñen aprendido e aprehendido. A educación dende a infancia pasará por poder liberar ás crianzas, e a nós mesmas, dos dogmas sociais que temos asumidos no máis interno do noso ser. Toda a sociedade temos unha responsabilidade, unha das maiores responsabilidades que poidan existir, que é a obriga de educar na máis radical igualdade dende a infancia.

A nosa loita terá que pasar tamén por defender a feminización da política. A dereita gobernante está a lexislar sobre a muller, sen ter en conta a opinión da muller. As administracións están a impoñernos a desigualdade, como dicían as compañeiras Eva Solla e Raquel Bernárdez, e ante iso temos que saír a defender o obvio! Dende o paternalismo e a condescendencia, están a deixarnos a un lado ás mulleres na loita en contra da violencia machista, tratándonos como nenas, como desprotexidas, como monumentos. Fago referencia con isto ao cartaz da Xunta no que amosa a 3 mulleres referidas como “o máis grande”, pero é que a loita contra a violencia non é cuestión de tamaño, non, senón de liberdade.

Os medios de comunicación, como mensaxe e mensaxeiro, teñen que asumir tamén como propia a loita pola erradicación das violencias contra a muller. En moitos casos, por palabra, obra ou omisión, seguen a cousificarnos ás mulleres, amosándonos como imaxes fixas e estereotipadas, nas cales o máis importante é o aspecto, sexan cales sexan os teus logros. Dende a publicidade, métennos moitísima presión ás mulleres para adaptarnos aos ideais de muller perfecta, aos seus modelos imposibles. Cantas veces, compañeira, non quixeches mirarte no espello por non cumprir co canon de beleza establecido? Canto tempo ten que pasar ata que algún medio diga basta? Están a saír campañas, nas que falan de que non pode exercerse violencia contra as mulleres xa que poderían ser a túa nai, irmá, filla ou compañeira... estamos moi cansas disto! Non, nós o que somos é persoas, o que é por si sola unha razón de peso para non poder exercer a violencia contra nós. Estamos moi cansas de que para defendernos teñan que facernos asumir os roles que adáptanse ás súas estruturas.

A sociedade estrutura e moldea cada un das nosas accións como persoas. Nacemos como seres desprotexidos, totalmente vulnerables, e o capitalismo é quen vai moldeando as nosas actitudes e comportamentos para converternos en seres autosuficientes de maiores. Pero a nós, as mulleres, déixanos fora, segue a vernos como seres vulnerables ás cales coidar. O capitalismo está a producir machos e femias, modulando cada un dos nosos desexos.

O capitalismo e o heteropatriarcado (os cales poderían sumarse nunha soa palabra) son os responsables da opresión contra a muller, e o silencio de administracións, institucións e parte da sociedade, os seus bastóns de apoio. As mulleres estamos a ser excluídas continuamente do sistema económico, aínda que por séculos temos sido as responsables do sostemento da vida. Todas as actividades que foron por sempre asignadas ás esferas privadas do fogar, como os coidados ou as tarefas de limpeza, roles que sempre asumiu a muller, nunca contabilizaron para o produto interior bruto dun país. E sen sostemento da vida, non hai produción.

O capitalismo por sempre ignorou as relacións, as necesidades máis humanas, e é por elo que non contou coa produción que as mulleres fixeron ao longo de toda a historia. Entre o sostemento da vida e os beneficios económicos, o patriarcado e o capitalismo sempre optarán polo último. Como se dun iceberg se tratase, a produción das mulleres, o sostemento da vida, é a base sobre a que apoia a punta do iceberg, a da produción e a economía. O feminismo ten que ter como obxectivo sacar a superficie esa base do iceberg, esa parte oculta da nosa produción para poder visibilizar a aportación ao longo da historia das mulleres á economía, traballo por sempre invisibilizado por parte do sistema.

Este é un artigo de denuncia da violencia propia dun sistema que cousifica, xulga e oprime as mulleres polo feito e selo. Denuncia dun machismo que estende os seus tentáculos para operar dende as estruturas políticas, xurídicas e policiais. Denuncia dunha cultura da violación que permítese xulgar as mulleres e normaliza os comportamentos machistas. Unha cultura machista que oprime tamén no ámbito laboral, no social e no sanitario.

E chegando o final deste artigo, teño que confesar que foi moi difícil para min non escribir sobre os asuntos de rabiosa actualidade: moi difícil non verter dende estas verbas toda a miña rabia contra o sistema de culpabiliza e viola por segunda vez a unha rapaza. Moi difícil non escribir e falar de casos concretos do meu entorno, de min mesma... Moitas mulleres ao meu redor que vin sufrir por non cumprir cos canones establecidos, por ter que aturar conductas machistas no traballo, por non romper co ideal do amor romántico. Pero, cada historia, merecería un libro. É por elo, que para todas esas mulleres, para todas as súas historias, deixo o final.

Por vós, Minerva, Patria e María Teresa Mirabal.

Por vós, Ana María, María José, Virginia, Matilde, Estefanía, Toñi, Blanca, Aramis, Cristina, Carmen, Josefa, Laura, Ana Belén, Margaret, Amparo, Sesé, Gloria, Dolores, Leidy, Erika, Mari, Yurena, María Victoria, Violeta, Rosario, Raquel, Eliana, Gilda, Susana, Valentina, Beatriz, Encarnación, Fawda, Donna, Naiara, María Inés, Dzhulia, Irina, Raquel, Nini, Sara, Catalina, Sofía, Rosa, Noelia, Shara, Felicidad, Lilibet, Lisvette e Jessica.

Por nós, por todas as putas, todas as fríxidas, todas as tolas, histéricas e feminazis. Por todas nós que tivemos que aturar como eran outros os que ousaban calificar as nosas actitudes ou os nosos corpos, sempre en función dos seus desexos.

Por todas as que loitaron antes, por todas as que loitan hoxe e polas que chegarán.

Por vós, por nós, por min.

Querémonos vivas, alegres e libres!

Viva a loita feminista!

Acerca de Carmen Armada

Co-Coordinadora de Esquerda Unida da Coruña, Carmen Armada