0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

Lume, hámsteres e un NODO

Alguén cree que un problema pode solucionarse se non nos saímos do marco conceptual que dá lugar a ese problema? Dito doutro modo, e se as solucións que propoñemos a un determinado problema son en realidade pequenas pezas do problema? Máis aínda, que ocorre cando nos aproximamos á solución dun problema só con tópicos emitidos por parte de quen creou o problema? Que pasaría no caso de aplicar estes tópicos? xeraríamos problemas colaterais? E por último outra pregunta, ao meu modo de ver, fundamental, quen paga a solución?

E se as solucións que propoñemos a un determinado problema son en realidade pequenas pezas do problema?

De estudante vivín nun piso no que un compañeiro tiña unha familia de hámsteres, simpáticos e listos. Pero non tanto. Tiñan unha roda desas nas que se metían de cando en vez e corrían nela sen ir a ningures, supoño que na súa pequena cabeza de roedor estaría a idea de que ían a algures e, ademais, a toda presa. Pero non, simplemente estaban no mesmo lugar. A parella tivo crías, un montón delas, e como en todas as familias, os pequechos eran ben diferentes entre eles, mais todos empregaban a roda, supoño que por imitación, supoño que porque non son tan listos como para que, un polo menos, dixera que que parvada iso de montar nunha roda. Ou se cadra si eran suficientemente listos pero non querían incomodar a mamá e papá hámster. 

Pouco importa quen foron os primeiros hámsteres que comezaron a inzar o país de piñeiros primeiro e eucaliptos despois, pero non hai moito descubríronme un arquivo documental do NODO (os máis novos seguramente non saberedes o que era o NODO nin falla que fai). Podedes velo aquí e paga moito a pena. Data de 1954 e nel podemos apreciar un conxunto de tópicos que moitos anos despois e moitas experiencias máis tarde seguen a ser repetidas incesantemente, facendo deste xeito, que nada cambie, todo permaneza igual -igual quere dicir peor-. Todos os hámsteres na roda. 

Podemos clasificar en dous grandes grupos aqueles tópicos que nos impiden avanzar solucións reais para os incendios forestais. O primeiro grupo é o de Improdutivo/abandonado. O segundo é o que ten que ver coa "suciedade" e o feito de "limpar"

Basicamente podemos clasificar en dous grandes grupos con estreita relación entre eles aqueles tópicos que nos impiden avanzar solucións reais para os incendios forestais en Galiza e boa parte da península Ibérica. O primeiro grupo é o de Improdutivo/abandonado. Visión ultraeconomicista radical da natureza. Parece ser que se unha superficie terrestre non ten un uso económico directo por parte de alguén, isto é intensivo e curtopracista, parecera que está "abandonada" e polo tanto é "improdutiva". A realidade é que non existe o monte abandonado/improdutivo. O monte abandonado é o que comunmente se coñece como "natureza" e nela é onde se da  iso da biodiversidade, que son, a groso modo, as diferentes formas de vida. Considerar que é improdutivo é outra falacia. Teñen que existir forzosamente lugares "improdutivos" para que os ciclos naturais, os ciclos bioxeoquímicos, teñan lugar senón imos ter un problema moito maior. Vexamos. Os ecosistemas "improdutivos", digamos unha selva, un cacho de océano ou unha toxeira son ecosistemas naturais ou seminaturais, máis ou menos conservados que como dicía albergan a vida e almacenan CO2 atmosférico ademais de regular os ciclo hidrolóxico e todo isto dun xeito que non ten nada que ver cun ecosistema antrópico duramente intervido. Hai unha tendencia a poñerlle prezo aos servizos ecosistémicos. Se o fixeramos con estes lugares abandonados/improdutivos descubriríamos que o valor monetario do que nos prestan, gratis, é incalculable. 

Unha cousa moi diferente é o abandono humano. Efectivamente o campo galego, ao igual que o de toda Europa agás onde hai agricultura industrial, está inmerso nun proceso de despoboamento. E un problema? para algunhas cousas si, para outras non. Agora ben pretender que iso ten un paralelismo ou unha consecuencia, directamente negativa, no territorio ou na natureza é un disparate. As actividades agrícolas e gandeiras son o que mantiñan o traballo no campo a niveis de subsistencia, claro está. Como hai unha gran cantidade de enerxía fósil dispoñible a prezo de saldo non podemos sequera chegar a imaxinar que o campo pode seguir igual que antes. As persoas volverán ao territorio e volverán cultivar pero cando o declive enerxético os force. O problema entón será a falla de cultura e coñecementos para a subsistencia. Tamén haberá outros problemas como a perda de sementes e variedades locais tanto de vexetais como de animais por mor, precisamente, deste período dun século e medio de enerxía abundante e toma do control da alimentación por parte de multinacionais coas súas sementes privativas e razas uniformes. 

Ao final parece que calquera galego que se prece, máis ben, calquera ibérico, necesita desprezar fondamente a natureza e necesita limitala, comezando pola vexetación espontánea tamén coñecida como "broza"

O segundo grupo de pseudoconceptos é o que ten que ver coa "suciedade" e o feito de "limpar" ou "desbrozar". Ao final parece que calquera galego que se prece, máis ben, calquera ibérico, necesita desprezar fondamente a natureza e necesita limitala, comezando pola vexetación espontánea tamén coñecida como "broza". No franquista vídeo do NODO exprésano moi ben: "la naturaleza propende a la anarquía".  

Porén, se preguntamos a calquera, poderiámonos atopar que a xente aprecia significativamente os bosques. Isto é ben curioso porque non sei de onde se pensa que proveñen os bosques (e non falo de cultivos). De feito resumido, os bosques veñen dun proceso que se chama sucesión ecolóxica. Consiste na evolución natural que se produce nos ecosistemas facendo que uns organismos sexan substituídos por outros en diferentes etapas ata que se acada o clímax. Así, por exemplo, dun terreo con vexetación rala, herbácea, pasaremos a un terreo con mato e, finalmente, a un bosque maduro. Para que isto ocorra necesítase, sobre todo algo de tempo, algo inherente ao concepto de ter paciencia, da que, polo visto, carecemos, atacados dos nervios. Practicamente todos os procesos de sucesión ecolóxica que se dan en Galiza son procesos de sucesión secundaria, é dicir, procesos en zonas que previamente foron perturbadas. No caso europeo estas perturbacións foron o uso do lume e a deforestación por outros medios para a obter terras agrícolas e gandeiras. En definitiva se nos decidimos a "limpar" e facer que todo sexa "produtivo" non imos ter bosques. Pero a realidade incluso é peor: asaltamos os procesos de sucesión secundaria coa plantación de especies pirófitas como os eucaliptos e piñeiros. O resto do proceso xa é coñecido, ou non?. 

Precisamente o grupo de presión ou de interese económico que creou este inmensa consecuencia dun problema que é o lume non ten máis argumentos para combatelo que "ordenar" e "limpar"

Todo isto ben a conto de que precisamente o grupo de presión ou de interese económico que creou este inmensa consecuencia dun problema que é o lume non ten máis argumentos para combatelo que "ordenar" e "limpar". Ordenar significa explotación económica absoluta por parte de grandes compañías porque, xa o deixan claro, un particular ou unha comunidade de montes non poden “ordenar”, faltaría máis. Este discurso é un auténtico berro de ignorancia científica  e de desprezo aos procesos ecolóxicos ademais de que non se sustenta en absolutamente nada máis que nos tópicos repetidos década tras década despois do NODO. Este discurso hexemónico e acientífico callou na sociedade galega por riba de barreiras culturais, sociais, económicas, de clase, de xénero… E é moi grave. Agora fálase (ao igual que no bipartito) de que se van a tomar o control de terreos que estean "improdutivos", "sucios", etc. Ben, o problema é que quen vai tomar esas decisións non conta nin cun simple manual. En definitiva algo que sistematice, polo menos, que é estar "limpo", ou quere isto dicir que vai quedar a decisión en mans de calquera? As ocorrencias como xeito de xestión do territorio. Ou será que simplemente eses conceptos profusamente repetidos non poden ser sistematizados e polo tanto pertencen ao ámbito da fantasía? Por último, podemos polo tanto confiar a solución a un problema enorme a aqueles que o crearon? (revísese o NODO de novo). 

Mentres tanto, debemos considerar que Galicia e a metade norte de Portugal son un completo desastre en canto a natureza e biodiversidade, posiblemente, os territorios máis arrasados de toda Europa, que xa é moito dicir, produto dunha bruta xestión do territorio. 

Farán que varias especies xa incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas se extingan en Galiza, serán responsables da eliminación dos bosques naturais do futuro, da emisión de millóns e millóns de TN de CO2 á atmosfera

En mans do que se lle ocorra a uns cantos vai estar a conservación da pouca biodiversidade que nos queda, farán que varias especies xa incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas se extingan en Galiza, serán responsables da eliminación dos bosques naturais do futuro, da emisión de millóns e millóns de TN de CO2 á atmosfera xa que os sumidoiros naturais cada día estarán máis deteriorados, da alteración dos ciclos hídricos. Por outra banda, moitas desas superficies que chaman "sucidade" son en realidade hábitats protexidos pola lexislación europea (véxase a Directiva de Hábitats) e a transposición da mesma á lexislación española. Por certo que a Directiva de Hábitats obriga a conservar eses hábitats estean ou non dentro da falida Rede Natura, inda que por suposto isto non se cumpre (aplicación da lexislación á carta a gusto do usuario) e a Xunta de Galicia non ten entre os seus obxectivos a protección (real e efectiva) dos espazos naturais galegos. Paper Parks temos uns cantos. 

Por outra banda, como se supón que se van "limpar" todas as superficies galegas que "alguén" pense que deben ser limpadas? Obviamente cun exército de operarios armados de tractores desbrozadores e desbrozadoras individuais que consumen unha inxente cantidade de gasoil e polo tanto emiten unha inxente cantidade de CO2, ademais de agravar a nosa dependencia enerxética e polo tanto económica. Non parece especialmente sostible pero é que nin tan sequera é factible. E chegados a este punto, pregunto, e esta festa quen a vai pagar? a Administración? quere dicir que imos drenar cartos públicos, unha vez máis, a petos privados? ou se cadra esixiráselle aos propietarios que gasten os cartos en "limpeza" facendo, logo, moito menos rendibles as explotacións tanto que se cadra quedan en números vermellos? Cal será o standard de "limpeza"? unha pasada ao ano ou tres, poño por caso? 

Entendo que a determinados grupos económicos, remexidos na clase política, lles pareza ben: é o que se chama acaparamento de terras que fundamentalmente desenvolven grandes corporacións e, incluso, países como China co fin de tomar o control sobre todos os recursos naturais do planeta

Non entendo como se pode caer tan felizmente en medio de tanta estulticia territorial. Quero dicir, entendo que a determinados grupos económicos, remexidos na clase política, lles pareza ben: é o que se chama acaparamento de terras (land grabbing) que fundamentalmente desenvolven grandes corporacións e, incluso, países como China co fin de tomar o control sobre todos os recursos naturais do planeta por riba mesmo dos estados pois está relacionado cunha pobre gobernanza e coa corrupción. A recentemente aprobada lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, máis coñecida como lei de depredación, vai disto en realidade. Dentro de pouco poñerase en marcha unha comisión (mutilada) sobre os lumes forestais. Os resultados podo adiantalos xa: será unha matriz con dous grandes eixos: produtivo-ordenación-abandono e sucidade-limpeza-prevención.

Os hámsteres continuaron na roda. O dono da mascota mirábaos sorrindo desde arriba. 

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos