0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Seguiremos igual ou peor

Cando estamos as portas de rematar un novo ano (2017), e en contra das declaracións da clase política gobernante en Galiza e dos seus altofalantes, todos os indicadores confirman que Galiza, polo nivel de riqueza colectiva e individual, seguirá manténdose no furgón de cola ente as comunidades autónomas españolas e europeas.

Unha situación que ten causas políticas. Son as políticas públicas que se veñen aplicando en Galiza, e en España, co gallo da crise financeira (2008) as que fan que comunidades como a galega manteñan a súa posición de desequilibrio e desigualdade no intercambio territorial. Políticas que. xa que logo, consolidan a súa condición de economía periférica.

Políticas públicas que apoiadas en reformas laborais neoliberais -enfeblecemento do movemento sindical, marxinación da negociación colectiva, precarización do emprego e dos salarios, baixas nas cotizacións …- provocan unha forte caída dos salarios reais tal que a súa posición no intercambio desigual se debilita aínda mais facendo imposible unha mellora de estas comunidades. Unha situación que leva, por caso, a que se reproduza de novo o fenómeno sistémico de emigración por mor tanto da falta de empregos –debilidade da demanda- como pola caída dos salarios.

Políticas públicas que cos seus dogmáticos recortes no gasto pública non so esnaquizan o xa deficitario estado das funcións públicas de benestar –en Galiza temos os casos paradigmáticos, que non únicos, de a atención sanitaria pública e a vellez- co que iso implica a nivel de crecemento económico, emprego e benestar social –por caso, disparan a desigualdade- senón que ademais fréase ao gasto privado pois como demostran tódalas evidencias é o gasto público quen actúa de efecto arrastre sobre o gasto privado e non a inversa.

Políticas públicas que favorecen o asentamento dunha corrupción sistémica –o Partido Popular é, ata agora, o único partido político español que ten que sentarse no banco dos acusados por corrupción- tal que frea o crecemento económico, favorece o caciquismo e debilita aínda mais unha democracia xa de por si moi deficitaria.

Velaí que, como xa expuxemos nestas mesmas páxinas de non producirse (e no curto prazo) un cambio político o deterioro económico, político, social e medioambiental de Galiza será irreversible en décadas.

O tempo será de novo testemuño e xuíz.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista