0 Gardados para despois

José Luis Valcarce Rodríguez

Vacinas

Lidia Senra formulou unha polémica pregunta dirixida a Comisión Europea que, aínda que sustentada nunha posición da eurodeputada respecto ás vacinas máis que discutible, resulta xuridicamente interesante polos motivos que indicarei.

Se ben é indubidable que as vacinas teñen acreditada unha efectividade que xustifica o seu emprego, tal circunstancia non pode levarnos a olvidar que en todo medicamento ou tratamento médico hai riscos, por mínimos que estes sexan.

Un desapaixonado cálculo aritmético leva a concluír, como afirman as autoridades sanitarias, que os riscos son tan escasos en comparación dos beneficios que a vacinación debe ser un instrumento sanitario fundamental. Agora ben, que os riscos sexan escasos non significa que non haxa riscos, e o aspecto fundamental da cuestión, ao meu entender, dáse en relación ao dereito á información deses riscos e a facultade de decisión persoal ao respecto de ser vacinado ou non, nun eido no que se ve afectada tamén a saúde pública.

Se ben as vacinas teñen un nivel de control moi elevado, non se pode perder de vista que casos moi excepcionais tense producido reaccións adversas ou incluso contaminación de partidas con resultados fatais. En 2015 o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias (ECLI: ES:TSJAS:2017:113) estimou parcialmente un recurso contencioso-administrativo relativo ao falecemento dunha rapaza trala administración da vacina do virus do papiloma humano. O Tribunal considerou que houbo neglixente resposta médica á reacción que administración da vacina provocou na falecida. Son casos moi excepcionais e dramáticos, mais existentes.

Os diferentes enfoques da cuestión explican que na Unión Europea haxa estados que obrigan a vacinar, coma Francia, e outros coma España no que a vacinación non é obrigatoria, aínda que en supostos excepcionais por causa da protección da saúde pública pódese establecer a obriga.

Nese marco a eurodeputada plantexou a seguinte pregunta (traduzo da versión en castelán)

“As vacinas conteñen aluminio, escualeno, antibióticos e polisorbato, entroutros compoñentes. Asimismo teñen efectos colaterais, contraindicacións y moitos efectos secundarios e adversos que poden aparecer despois da vacinación, chegando nalgúns casos a provoca-la morte.

1. ¿Non considera a Comisión que sería necesario garantir que as familias e o persoal sanitario reciban información sobre todolos efectos secundarios que poida producir cada compoñente das vacinas, que as vacinas estén suxeitas ao cuestionario prevacinal elaborado polos colexios de médicos e que se instaure o consentimento informado? 2. ¿Non considera a Comisión que ningún Estado membro debería obligar á poboación a someterse a unha práctica de risco e que a vacinación non debería ser obrigatoria en ningún Estado, dado que ninguén poido demostrar a seguridade das vacinas?”

Unha das cuestións que en España ten xerado certa litixiosidade é a do grao de información que debe darse ás persoas que se someten á vacinación. O Tribunal Supremo abordou a cuestión (STS de 20 de abril de 2007 e 9 de outubro de 2012) indicando que o deber de información non debe ser desproporcionado e absoluto no que se refire a tódolos "efectos adversos da vacinación" ou "reaccións impredicibles" xa que todo medicamento e toda actuación no ámbito da saúde conleva un risco e un excesivo grao de información pode ter un efecto desinformador ou desincentivador ante o risco remoto de efectos adversos dunha práctica que polo xeral non debe xerar máis que simples molestias.

A lei 41/2002 de autonomía do paciente dispón no seu artigo 2 apartados 1 a 4:

“1. A dignidade da persoa humana, o respecto á autonomía da súa vontade e á súa intimidade orientarán toda a actividade encamiñada a obter, utilizar, arquivar, custodiar e transmitir a información e a documentación clínica.

2. Toda actuación no ámbito da sanidade require, con carácter xeral, o previo consentimento dos pacientes ou usuarios. O consentimento, que debe obterse despois de que o paciente reciba unha información adecuada, farase por escrito nos supostos previstos na Lei.

3. O paciente ou usuario ten dereito a decidir libremente, despois de recibir a información axeitada, entre as opcións clínicas dispoñibles.

4. Todo paciente ou usuario ten dereito a negarse ao tratamento, excepto nos casos determinados na Lei. A súa negativa ao tratamento constará por escrito.”

Tampouco se esixe o consentimento informado escrito nas vacinas. O art.8.2 da Lei 41/2002 dispón que o consentimento será verbal agás nos casos de intervención cirúrxica, procedementos diagnósticos e terapéuticos invasores e aplicación de procedementos que supoñen riscos ou inconvenientes de notoria e previsible repercusión negativa sobre a saúde do paciente. Aínda que non se esixa consentimento informado escrito, si é preciso un consentimento informado verbal tras facilitar información suficiente ao paciente.

Do mesmo xeito, en España aplícase habitualmente o cuestionario ou cribado prevacinal para valorar antes da vacinación posibles contradiccións absolutas e relativas.

Isto é o que acontece en España, e a pregunta número 1 da eurodeputada vai na dirección de plantexarlle á Comisión se non é preciso que na UE se esixa unha ampla información de posibles efectos adversos, se instaure a obriga do cribado ou cuestionario prevacinal e do consentimento informado. É dicir, Lidia Senra non pide nada que en principio non teña que acontecer en España, polo que non parece absurdo preguntar se non debería acontecer no resto de Europa algo semellante: información, cribado prevacinal, consentimento informado.

Respecto á segunda cuestión, se ben parte dunha afirmación máis que discutible sobre a seguridade das vacinas porque os procesos de avaliación son moi esixentes, obedece a dúas realidades que ao meu entender merecen reflexión: un risco mínimo sempre existe, e no marco da Unión hai estados onde a vacinación non é unha obriga, caso de España, e outros nos que sí, coma poden ser Francia ou Bulgaria.

En España a vacinación non é obrigatoria senón voluntaria como resulta da Lei 33/2011 Xeral de Saúde Pública, se ben a Lei Orgánica 3/1986 de medidas especiais en medida de saúde pública ampararía á vacinación obrigatoria en casos de urxencia ou necesidade. A norma xeral é a voluntariedade, sen prexuízo de que en supostos excepcionais nos que causas de saúde pública o xustifiquen poida obrigarse. Ese foi o caso da resolución do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº5 de Granada que en 2010 ordenou a vacinación obrigatoria por mor nun brote de sarampelo nun colexio.

Por tanto, tendo e conta o marco no que se produce, a pregunta da eurodeputada parece ter máis senso que unha simple arroutada antivacinas. Estamos ante unha materia na que existen diverxencias non menores entre os membros da Unión e na que non só está afectado o dereito á saúde ou a obriga de salvagarda da saúde pública senón tamén a liberdade persoal ou o dereito do paciente a ter unha información suficiente. Nese marco unha reflexión sobre obrigatoriedade ou voluntariedade da vacinación non semella irrelevante, aínda que a opinión de Lidia Senra sobre as vacinas non nos guste.

Acerca de José Luis Valcarce Rodríguez

Avogado especialista en Dereito Tributario. Teño colaborado en medios como Galicia Hoxe, Xornal de Galicia ou Galicia Confidencial. Fun militante das XSG e do PSdeG, membro do Comité Nacional do PSdeG, do comité Provincial de A Coruña e do comité Local de Santiago de Compostela e voceiro da corrente Esquerda Socialista en Galicia. Son membro de Europa Laica e da asociación Véspera de Nada.