0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

A nación das babosas

A Chucho e Reme, raíz das miñas raíces.

Creo que é cousa da madurez e o costume; noutras situacions e épocas da miña vida enfadaríame, mais resulta que non, que as covardías mal intelectualizadas de Pedro Puy Fraga xa non me enfadan, causanme risa e lástima. Posto que non me apetece enrollarme retóricamente sen necesidade, vaiamos ao gran e abramos a caixa de Pandora coas xoias do diputado do partido popular de Galicia :

Enunciado número 1 : “Galicia é obxectivamente unha nación, se se lle da un significado cultural, mais non é obxectivamente unha nación, se se lle da un significado xurídico”.

Brillante, era o que nos facía falta, a obxectividade-minifundio : se realidade cultural, entón a Galiza sí nación. Se realidade xurídica, entón a Galiza non nación. Non convén recoñecerlle xuridicidade á Galiza, é evidente porqué, nin á delegación galega da mafia institucionalizada nin á delegación capitalicia que lle escribe tódolos guions.

Vou a desviarme un chisco, caro lector, para que vexas ónde quero chegar. Ben; resulta que hai nada, nadiña de nada, as moi céntricas e colonial-colonizadas – a condición de colonial-colonizado é complexa, sí, mais existe – cortes xerais do estado veñen de recoñecer a condición xurídica dos animais. Dito doutro modo : recoñécese que, coma todo ser vivo dotado de sensibilidade, o animal debe ter a condición de sui iuris, de suxeito xurídico, e esto ten como consecuencia, a efectos tan teóricos coma prácticos, que o animal ten dereito a ter dereitos.

Dito isto, trasládoche a ti, caro lector, a posibilidade de preguntar a Pedro Puy Fraga se os galeguiños culturais - ¿só culturais, eh? – que habitamos esta nación obxectivamente cultural chamada Galiza podremos equipararnos algún día, en plano de igualdade, ao reino animal, posto que recoñecéndoselle recentemente a súa xuridicidade que menos que os galegos poidamos dar un paso máis alá da nosa condición de animaliños culturais e que se recoñeza a nosa xuridicidade tal e como fixeron recentemente as cortes xerais do estado cos camellos, paporrubios, baleas.. e un longuísimo e interminable etcétera.

A ver se me explico; se o estado recoñece a xuridicidade dos animais coma seres vivos dotados de sensibilidade, ¿poderemos os galegos reclamar o mesmo coma seres vivos dotados de sensibilidade ou tiremos que conformarnos co status infra-animal de seres vivos desprovistos de xuridicidade – mais, iso sí, de cultura sí, ¿eh? -. Eu, a verdade, ando un chisco confuso, posto que o feito de que ao reino animal, na súa globalísima internacionalidade, séxalle recoñecida a súa nación xurídica, namentres que aos galegos – e a decenas de millons de seres humanos – non lles sexa recoñecida tal, lévame simplemente a concluir, a efectos prácticos, que o cadelo de Rajoy ou o canario de Cospedal teñen máis status xurídico que calqueira galego : tal e como as gasta o gremio de políticos e lexisladores do Reino de España, non sería mala idea que volva á casa de campo do meu avó paterno e comece a comer herba e andar a catro patas; quizais, deste xeito, os meus rogos á administración central do estado poderían ser atendidos.

Mais a cousa non queda aquí, non, sigamos a cogitatio de ilustrísima Don Pedro Puy :

Enunciado número 2 : “Desexar a independencia sería un desastre para a comunidade”.

Ben, ¿en qué quedamos?, ¿na comunidade autónoma – sen xuridicidade, claro – cedida magnánimamente polos políticos mesetarios da capital de España na transición?. ¿Na nación cultural a secas – sen xuridicidade, off course -¿. ¿En ámbalas cousiñas á vez?. Os inventos verbais maxicamente sintetizados con socioloxía para pijos de laboratorio académico poden casalo todo e con eles todo pode valer. Imaxínense o resultados, a efectos prácticos : Galiza, comunidade disque autónoma políticamente recoñecida polo estado, mais iso sí, sen xuridicidade, e superposta xerárquicamente sobre a nación cultural. ¡Ma cuanto piacere!; no reino da hipocrisía e a estupidez globalizada as moscas poden voar soprando cara abaixo, só fai falla dicilo e convencerse.

Fíxese ademáis o lector que o hipotético desastre do que fala o diputado galego no anceio mesmo de independencia camiña pola tradicionalísima vía de aplicar o correctivo da xuridicidade estatalista e estatolátrica, con violencia castrense incluída, a un futurible desexo socializado de independencia. Nin sequera xa ao proxecto – inexistente, por outra parte, na Galiza – en sí mesmo. Desexar, ese é o problema, o mero feito de desexar iso, para o noso moi liberal e demócrata – ma non troppo – diputado, pasa a ser motivo xustificado de estigmatización moral socializada, de control panóptico e de sospeita ou persecución penal. E, qué quere que lle diga, caro lector, ¿quen sería eu o ninguén para lexislar sobre os desexos proxectivos dun sector cuantitativamente maioritario da sociedade civil se éstes canalizáranse sen violencia e desobedecendo toda a andamiaxe ideolóxica-xurídica dun estado que non entende outra resposta política que aplicar a vella máxima de que a letra – constitucional – da sagrada unidade patria, con sangue, ten que entrar sí, sí ou sí?. ¿Qué Deus, qué rei, qué tribuno da plebe ten lexitimidade mundana ou extra-mundana para isto?. A única resposta é : ningún.

Mais sigamos, e pasemos ao enunciado número 3 :

Enunciado número 3 : “O que vai ben a Galicia é compartir a soberanía co resto de España e Europa”.

¡Brillante, Don Pedro!, faltoulle mencionar somentes a Pekín, Moscú e Washington. Despois de que o reino de España veña de recoñecer xuridicidade aos sapos, as culebras, ás tartarugas e ao perro do hortelano – que nin come, nin deixa comer -, e manténdose nos seus trece de non recoñecer xuridicidade á nación galega, que é o mesmo que dicir ás súas xentes, teñan a etnicidade lingüística, cultural, histórica ou existencial que teñan en orixe, contemporaneidade e dirección, resulta como mínimo unha tomadura de pelo pretender afirmar que a Galiza comparte – sic – soberanía co estado español e Europa. Mais, en fin, aí queda dito, leron ben, compartimos disque soberanía con España e Europa en igualdade de condicions e, ademais, sen xuricidade recoñecida - ¡mirácolo! -, polo menos até que non comecemos de novo a andar a catro patas ou reptemos polo chan como as cobras.

E é que, sanctísima patientia, que os teus concidadans e clase política apresúrense compulsivamente en sacarse responsabilidades denriba negando xuridicidade á súa propia nación mentras o estado recoñece a mesma ás babosas, non deixa de ser, qué queren que lles diga, un pouco sospeitoso e estrano.

Nin moito menos, caro lector, considero que as babosas merezan menos o sol do que eu o merezo, en absoluto, mais o que sí teño claro é que se a nación das babosas ten xuridicidade, a dos galegos debera tela tamén aínda que ás veces, todo hai que dicilo, alguns deles prefiran arrastrarse e babear prevendas ao poder en troques de esixir o que lexítimamente lles corresponde.

Acerca de Diogo Tabuada