0 Gardados para despois

Manuel Suárez Suárez

A nosa lareira espiritual en Bos Aires

Chámame a atención a min que coñezo un pouquiño da nosa longa historia emigrante no Río da Prata que ninguén no Parlamento de Galicia presentase unha pregunta ou proposta sobre a ofensa recibida por parte do goberno arxentino que acaba de entregar a seis fondos voitre o hospital do Centro Galego de Bos Aires. Estes escuros especuladores teñen nome: Vanguard Group, Blackrock, T. Rowe Price Group, State Street Corporation, Ameriprise Financial e Aurica XXI. Podería estenderme en explicacións pero abonda con dicir que os voitres son propietarios da denunciada empresa de servizos hospitalarios “Ribera Salud” que ten o triste privilexio de ser a primeira que roubou diñeiro público no Hospital de la Ribera en Alzira (Valencia). Esta empresa é a que levará a xestión do hospital. Semella e non quero ser mal pensado que o seu interese non están en coidar da saúde dos asociados. Para máis información podedes escribir no voso buscador o seguinte nome: Antonio Burgueño Carbonell.

É curioso que non se fale do tema. Hai só un par de anos a mafia mediática que nos desinforma poñía polas nubes ao actual presidente Macri contando o marabilloso que era aquel grande empresario que viña a unir en irmandade a todos os arxentinos. O elixido presidente era un contrabandista de pezas de automoción con máis de 200 causas xudiciais abertas na súa contra. Non hai que ser moi espelido para decatarse que ía verse comprometido o futuro do Centro Galego xa que Macri é inimigo da sanidade mutualista e tamén da pública. As débedas do hospital puideron ser condonados polo goberno como fixo con outra entidade, chamada OSDE. Outra posibilidade era a nacionalización. Ao meu entender sería o máis xusto xa que o esforzo emigrante fíxose para deixar unha herdanza aos descendentes. Se a administración macrista optou pola privatización é porque hai por medio unha boa comisión (coima) en diñeiro negro. Os que saben din que “Ribera Salud” fai de cortina para unha acción especulativa de caráctar inmobiliario.

Quero falar do patrimonio cultural que posúe o Centro Galego xa que volvemos a escoitar voces que repiten o vello asunto do traslado de obras de arte a Galicia. Hai que ser serios e deixarse de trapalladas. A última gran desfeita foi o traslado dos restos de Castelao. Somos uns fracasados que non puidemos facer realidade un Espazo Emigrante (Museo da Emigración Galega) e agora imos “espir un santo” na esquina porteña de Belgrano e Pasco para espallar devocións por Galicia adiante. Que estou dicindo? Antes de dar a miña opinión é preciso que os interesados na defensa do patrimonio no exterior se acheguen as moi documentadas 506 páxinas do doutor Padorno (o pai era do Corgo e nai de Castroverde) no seu libro “Historia del Centro Gallego de Buenos Aires”. Despois de capítulo “Pinacoteca del Centro Gallego” saberán que o óleo de Castelao “O cego” mide 142 x 102 e que o debuxo a lapis “Familia do cego” mide 77 x 73. Se botan en falta  “A derradeira leición do mestre” saiban que está no Centro Galicia.

Se queremos manter a “Pinacoteca” acesa para quecer os sentimentos de identidade dos nosos descendentes temos que convertir o actual “Intituto Argentino de Cultura Gallega” nunha fundación. Trátase de separar a sección cultural da sección médico-asistencial-hospitalaria. Coido pode ser o momento. A miña proposta é que a Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais destinen unha partida presupostaria anual para a conservación dos fondos artísticos e documentais que son propiedade do Centro Galego de Bos Aires. A fundación é moi doada de constituirse sobre a base do seu actual patrimonio que debe de incluír tamén ao Panteón Social no cemiterio da Chacarita. As obras de arte non poden ser trasladadas. A fundación terá que comprometerse na organización de visitas guiadas para os visitantes que desexen coñecer as obras de algúns dos nosos máis importantes creadores plásticos. Non creo que sexa boa cousa levar un cadro de Colmeiro a Silleda, un de Laxeiro a Lalín, un de Maside a Pontecesures e a “Procesión da Virxe da Franqueira” de Sotomayor a Ferrol.

As obras de arte de autor galego que están en Bos Aires son nosas. A escultura de Asorey que está na Casa de Galicia, en Montevideo, tamén é nosa. Non deixan de ser galegas polo seu afastamento de Santiago de Compostela. Non perden a súa denominación de orixe e non caduca o seu principio activo de incentivación do sentimento identitario. Somos afortunados. Temos milleiros de descendentes que non esquecen onde están as súas raíces. Poida que teñamos moito que varrer antes de ter limpo un espazo solidario no que a diáspora poida premer nunha pantalla táctil para buscar a aldea dos avós. Os galegos estamos inhabilitados para falar do traslado de patrimonio a Galicia. Perdemos a nosa autoridade moral ao calar diante dos voitres financeiros internacionais que peteiran na sáude dos emigrantes. Eu sei que a nosa lareira espiritual na beira do Prata non esmorecerá xa que sempre haberá quen lea a Rosalía de Castro e quen se emocione oíndo a campá da igrexa parroquial. Aínda estamos en débeda cos emigrantes. Un xeito de ir amortizando é o establecemento dunha sólida aliaxe que permita manter en óptimas condicións a moi rica e variada pegada cultural no exterior.

Acerca de Manuel Suárez Suárez