0 Gardados para despois

Marta Rodríguez Engroba

Muller e mentira. Un binomio no que a moitos lles interesa crer

A presunta agresión sexual en grupo a unha rapaza hai uns días e a súa posterior confesión de que a denuncia fora falsa, desencadeou toda clase de reaccións, desde o rexeitamento ata quen se obstinaba na existencia de presións machistas para provocar tal confesión.

Non faltaron representantes de colectivos que traballan con vítimas de violencia de xénero e que se supón nos deron voz a todos, e digo se supón, porque a min, que, como de todos é sabido tamén formo parte dun destes colectivos, ninguén me preguntou, nin tampouco a ningunha das miñas compañeiras, polo que, sinceramente,  e ante temas de tanta gravidade non me gusta que ninguén dea voz ao que se supón que eu ou o colectivo que represento pensamos, a menos, claro está, que se nos pregunte. Nese caso, por suposto, responderemos  e emitiremos a nosa opinión sin necesidade de que ninguén fale por nos, e menos dando por sentado o que pensamos.

E non digo isto, que quede moi claro, en clave de crítica cara a ninguén, senón, sinxelamente, porque o feito de que se traballe nunha  mesma causa, non quere dicir que se pense sempre de igual xeito en todas as cuestións, o cal non é malo, senón enriquecedor, pero que non xustifica que se poña na boca duns poucos o que  se da por sentado é o pensamento de todos.

Estas persoas manifestaron a súa repulsa a que xa se dá por seguro foi unha denuncia falsa por parte da rapaza, alegando que, deste xeito, a credibilidade das auténticas vítimas quedaba posta en dúbida, coas conseguintes repercusións negativas a hora de interpoñer unha denuncia.

Certamente, este é un risco real  e unha lamentable e inxustificable realidade, como tamén o é o feito de que, de ser certa a falsidade da acusación da rapaza, non ten escusa, é algo gravísimo, pero que, na miña opinión, é soamente a punta do iceberg, e desvía a atención do verdadeiro e alarmante problema.

Non vou redundar no feito de que o número de denuncias falsas de mulleres que din ter sido agredidas sen ser isto certo é ínfimo, porque de todos é sabido, como tamén o é que é o miserento argumento do machismo mais rancio e letal, que minimiza e tolera barbaries como a violencia contra a muller.

Agora ben, a solución non está, creo eu, en atacar sen piedade a canta muller se supón que denunciou en falso, malia que loxicamente é algo inadmisible e que hai que atallar, senón plantexarnos que está a ocorrer nun sistema que ten, como premisa, poñer en dúbida e cuestionar as vítimas polo feito de ser mulleres e levar enriba, ademais da súa desgraza, o estigma da mentira.

Cambiar isto, é, na miña opinión, algo polo que compre traballar, porque mentres isto non se faga, toda loita en prol da erradicación da violencia contra as mulleres e inútil. Non hai nada mais disuasorio para unha muller agredida ou maltratada que estea considerando denunciar, e esta si é unha cruel realidade coa que cantos traballamos con vítimas vivimos día a día, que ver como a súa desgraza se pon en dúbida ou, directamente, non se cre.
E non hai escusa para isto.

Como se pode tolerar que policías, xuíces, mesmo letrados, cheguen a poñer en dúbida a versión dunha muller que acude a pedir a súa axuda amparándose no feito de que, de cando en vez, alguén con moi poucos escrúpulos, minte, quen sabe con que fins?.

Dáse por sentado que tanto os profesionais da Xudicatura, do Dereito, membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, ademais desa  esmerada formación que sempre nos poñen por diante ante calquera amago de protesta cando consideramos que o trato dado a unha vítima no é todo o correcto que debera, deberían de ter a elemental coherencia como para saber que cada muller, cada caso e as súas circunstancias, son únicos e diferentes e que poñer na picota a todas e cada unha de nos, ignorando, menosprezando, a nosa dor, a nosa humillación, escudándose na falta dos escrúpulos mais elementais dunhas poucas, é, ademais de inxusto, algo que lles fai indignos de chamarse non só profesionais, senón seres humanos, e de representar aos sectores profesionais, as institucións, as que pertencen.

Eu faríalles unha pregunta. Deixaría un policía de recoller a denuncia, por poñer un exemplo, do roubo dun vehículo, ou uns golpes no mesmo, ou un letrado de defender a quen solicita os seus servizos por este motivo, amparándose no fraude que, obviamente, existen neste tipo de casos?. Evidentemente non. Que alguén defraude non significa que todos o fagan. Que unha muller minta, tampouco que todas as demais nos subamos ao mesmo indigno carro.

Outra cousa é que, tal vez por motivos ben diferentes, interese que certas denuncias non cheguen a bo porto. Unhas estatísticas ben maquilladas poden implicar unha medalla nalgunha solapa, tal vez un anhelado ascenso ou unha mais que oportuna ferramenta política coa que se avance un chanzo mais na consecución dese agardado poder.

Dito doutro xeito, mais do mesmo. A desgraza de tantas mulleres é usada moitas veces, demasiadas, para facer negocio ou para acadar fins ben distintos dos que se proclaman de cara a galería.

E isto é o que hai que erradicar. Denuncias falsas hai moi poucas. Pola contra, sobra quen se serva delas como un mais que cuestionable argumento para acadar uns tamén cuestionables e egoístas fins, e mentres non se lle poña fin a isto , a  loita contra a violencia sobre as mulleres está irremediablemente condenada ao fracaso.

Non quedemos coa punta do iceberg. Se unha muller minte na súa denuncia, hai que facerlle ver que o seu indigno acto ten consecuencias, e, por suposto, aplicalas, eso é indiscutible, pero o que non se pode permitir, baixo ningún concepto, é que se nos meta a todas no mesmo saco. E aínda menos que se nos utilice para xustificar o inxustificable.

Muller e mentira non forman un binomio indisoluble. E mais, non existe tal binomio.
Outra cousa é que, para moitos, tentar facernos crer na súa existencia e ampararse nela para os seus intereses lles sexa moi proveitoso.

E contra isto si que hai que loitar. Que interese facelo ou non....ese xa é outro tema.

Acerca de Marta Rodríguez Engroba

Presidenta da asociación lucense Si, hai saida contra a violencia machista