0 Gardados para despois

Maika García e Rebeca Romero

Os mellores agasallos non custan cartos

O Nadal, esa data na que todas e todos nos convertemos en persoas solidarias. Esas festas nas que nos desexamos paz, saúde, sorte, felicidade, amor... Uns días no que, paradoxalmente, facemos convivir o mellor de nós mesmas cun consumismo case inconsciente. Caemos na inercia dunha sociedade na que leva demasiado tempo instalada a idea de que para celebrar hai que agasallar e para agasallar hai que mercar.

E dicimos nós, non será o mellor agasallo o mero feito de compartir? Un xesto que, por certo, deberiamos practicar durante todo o ano, non só en datas sinaladas, do contrario semella que os nosos bos propósitos son un mero ritual.

Tampouco fai falla, malia que sexa igual de necesario, mirar alén dos nosos veciños e veciñas máis próximos, das que por causas diversas non teñen moito ou nada que festexar. E nesa realidade que temos máis preto están os nenos e nenas, principais protagonistas destas festas, que por un diagnóstico inxusto, en vez de maxia terán unha cama de hospital, agullas e un soro. A súa enfermidade impídelles o privilexio do que xa só gozan os pequenos/as: a nerviosa espera polo Apalpador, Papa Noel e/ou os Reis; a súas serán este días unhas noites como outras calquera: de loita, Ás veces fraquean as forzas, mais se mudamos ou combinamos os agasallos materiais coa compaña, coa risa e co abrazo, agasallamos os folgos necesarios para esa loita e para o soño, para a esperanza.  Por iso é tan importante a acción dun grupo de voluntarios e voluntarias, entre eles meniños e meniñas, (Asociación Xuvenil Feitizo) que ceden boa parte do seu tempo de ocio destes días para transformar as frías paredes da unidade de pediatría do CHUS de Santiago de Compostela nunha grande e cálida festa. Un agasallo que non custa cartos e que é, ao tempo, regalo para o que dá e para o que recibe; ademais dun grande exemplo para a sociedade en xeral.

Pero esta batalla contra a enfermidade, física e emocional,  non a poden dar só os voluntarios/as que gozan do mellor regalo de todos: a boa saúde. Esta loita é sobre todo dos adultos/as. Porque calquera de nós pasou ou pasará, ou un dos nosos fillos/as, por unha cama de hospital, e sen unha saúde pública, gratuíta e de calidade, nin toda a maxia do mundo que aporta a inocencia infantil será suficiente para provocar un sorriso.  Por iso, a nosa carta de Nadal debe incluír: nin un recorte máis, nin un euro menos en investigación, nin un novo talento que marche a que outros estados se beneficien do seu coñecemento, no que investimos todos e todas.

Nunha noite á que se lle chama Noite de Paz e na que as familias adoitan  xuntarse, recordemos a todas esas persoas que por un motivo ou outro non poden estar cos seus. Puxemos como exemplo os nenos e nenas doentes porque sempre son os máis vulnerables, pero non esquezamos tampouco aos outros nenos e nenas: os refuxiados, nin aos seus maiores; nin aos que viven ao noso carón e non teñen para quentarse... nin tampouco aos que hoxe pasarán a noite en prisión sen que nin os seus fillos/as nin os maiores entendamos nada.

Sexamos solidarios e solidarias todos os días do ano, non traizoemos o noso ADN social, non nos acomodemos... agasallemos sorrisos porque como di unha famosa pintada urbana: "O afecto é revolucionario" e á nosa Revolución aínda lle quedan moitos chanzos para se construír.

Acerca de Maika García e Rebeca Romero

Rebeca Romero. Xornalista. Coa cabeza, o corazón e as letras na comunicación política, na humanitaria e na dos colectivos más vulnerables (Saturno).

Maika García. Nai, TCAE, activista, nas redes e na vida; inconformista, militante de Podemos. (Palmeira)