Algunhas conclusións sobre o 21-D

Había un certo consenso previo a respecto das eleccións ao Parlament de Catalunya celebradas o pasado día 21. Non eran uns comicios “normais”. Porque a convocatoria foi consecuencia dunha decisión adoptada polo presidente do goberno do Estado no marco dunha determinada aplicación do artigo 155 da Constitución aprobada no Senado. E porque as actuacións xudiciais promovidas contra diversos dirixentes políticos independentistas orixinaron que algúns deles ficaran en prisión preventiva e outros fixaran a súa residencia temporal en Bruxelas para neutralizar a devandita acción xudicial.

Pero ademais destas circunstancias anómalas, impropias dun proceso electoral democrático, a cita do 21-D ía ter outras singularidades relevantes: ademais de coñecer o apoio suscitado por cada unha das candidaturas concorrentes, concretaríase o peso relativo dos tres sectores presentes no corpo electoral catalá (o independentista, o constitucionalista e o que representa X. Domenech) e o nivel de aprobación dispensado á utilización do artigo 155 para suspender o funcionamento das institucións de autogoberno contempladas no Estatut.

A moi elevada participación rexistrada (inédita nunhas eleccións deste carácter) non alterou substancialmente os resultados do outono de 2015: segue habendo unha maioría absoluta de escanos independentistas avalada por unha porcentaxe de votos (47,5%) practicamente igual ao que xa se contabilizara anteriormente. Desmóntase, pois, a tese de que unha baixada da abstención ía reforzar  aos partidos constitucionalistas e debilitar relativamente ás forzas que sostiveron ao goberno de Puigdemont e Junqueras. Os únicos cambios teñen que ver co reparto dos votos no interior de cada campo:medre notábel de Cidadans e fracaso espectacular do PP; importante caída das CUP e sorprendente hexemonía de “Junts per Catalunya”; redución significativa do respaldo a “En Comú Podem”. Facendo unha lectura nesta dimensión, é pertinente formular algunhas conclusións:o independentismo ten unha grande fortaleza pero non é quen de captar mais apoios nos  restantes territorios; as opcións constitucionalistas están lonxe da maioría social que nalgún momento prognosticaron e os chamados comúns perden votos para a “terceira vía” que defenden.

O xuízo das urnas do 21-D sobre a aplicación do artigo 155 resultou contundente: o 55% dos votantes referendou aquelas opcións contrarias a esa decisión fronte ao 43% das persoas que secundaron a C's, PSC e PP. Quen pensaban que esa medida excepcional -e de dubidosa constitucionalidade- ía provocar unha muda cualitativa no mapa electoral catalán comprobaron o grave erro de cálculo cometido.

As cifras proporcionadas polas urnas permiten pensar na conformación dun novo goberno sustentado na maioría parlamentaria independentista. A dificultade da súa materialización deriva da forte interferencia xudicial que está afectando á dinámica política. A incertidume sobre a viabilidade práctica da investidura de Puigdemont como presidente pode establecer un bloqueo sobre o propio funcionamento da institución parlamentar e orixinar consecuencias pouco previsíbeis.

En todo caso, o 21-D certificou que xa non existe o nivel de consenso político que estivo presente durante moitas décadas na vida pública catalá. Tamén permitiu constatar que a opción dun Estado independente non posúe a maioría social suficiente para a súa efectiva consecución. E, por se había algunha dúbida, acreditou que o mantemento do actual statu quo constitucional non ten futuro como posíbel punto de encontro para resolver o conflito que se vive en Catalunya.

É realista pensar nun proceso de diálogo e negociación entre as forzas do novo Parlament para buscar un pacto político e social que proporcione un encaixe satisfactorio das distintas identidades e ideas que conviven naquel Pais? Hai incentivos suficientes para que os sectores involucrados muden as posicións que defenden na actualidade? As respostas están no vento...da historia vindeira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.