0 Gardados para despois

Juan Carlos Piñeiro

O éxtase “Mariano” de Soraya

Con sinceridade, a quen non lle asusta a intervención da Señora Vicepresidenta do Goberno , na que fala de descabezar? A min asústame moito, como demócrata e como persoa. Só é explicable por unha iluminación transitoria do seu líder supremo, é dicir, por unha situación de éxtase “Mariano”, cal Juana de Arco do centralismo. Porque coido que politicamente non é explicable e tampouco moi inspiradora, valeulle para chegar a 4 deputados, en Galicia nin terían representación, igual a xente colleu medo.

Convido, á quen queira, a ver a clase de políticos que son capaces de manipular de xeito tan grave a división de poderes do Estado, é unha intervención ben ilustrativa da súa forma de facer política: unilateralidade nas decisións, rancor, odio, control das administracións e rabia. O vídeo transmite moi ben o fondo da acción política do máis rancio PP.

Mais a realidade é dura Señora Soraya, os líderes non son máis líderes por estar na rúa, mesmo iso no PP teñen que sabelo ben, son o único Partido Político imputado por corrupción co líder pola rúa sen problema, tamén parece que o seu guía espiritual  figura en algún que outro informe policial. A sociedade catalá acaba de darlle unha lección, non só política, unha lección de educación, coido ben merecida.

Isto non ven máis que a demostrar a súa clara estratexia de destruír todo aquelo que non responde ó seu ideario e a súa máquina electoral, en calquera democracia tería que ter dimitido, pero no PP son máis do “se fuerte” que todo pasa.

Temos que ter en conta que foi precisamente Dona Soraya xunto con Federico Trillo os que o 31 de Xullo de 2006, de forma totalmente unilateral, presentaban o tan famoso recurso contra un Estatut que fora referendado polo 73,9 por cento dos votantes en referendo e que incluso  Josep Pique apoiaba. E fala de unilateralidade, incrible. De esta actuación deriva toda a situación actual. Por certo daquela coincidía o PP con ERC e a CUP, que cousas ten a vida.  

Non pode estar ó fronte do “Ministerio de Presidencia y para las Administraciones territoriales” unha “incha” do centralismo que demostra unha total falla de cintura e capacidade negociadora e un continuo abuso de poder, mesmo cando vai mercar roupa a unha grande superficie en coche oficial, eses pequenos detalles ...

Os líderes son aqueles que a maioría parlamentaria elixe señora Soraya, non aqueles iluminados por un éxtase “Mariano”, mal que lle pese.

Acerca de Juan Carlos Piñeiro

Secretario xeral de Compromiso por Galicia