Unha parte da alma dos galegos

Sentín unha profunda vergonza, e falo en serio, escoitando os discursos de Feijoo, o representante eclesiástico (Gelmírez, creo que lle chaman) e Rajoy, na radio, durante o acto de devolución do Códice. Vergonza. Indignación. Lástima. Ridículo polo comportamento alleo...todo un mollo de sentimentos feos. De feito, sentinme insultado polo que saiu das súas bocas, pola posta en escea, por todo o que entre liñas se podía sentir.

E digo todo isto, e dígoo dende unha fonda amargura e fuxindo de toda impostación ou retranca, non polo absurdo e intolerable que me parce montar un acto de estado para algo así, senón, sobre todo, polos discursos, as palabras, os silencios, as intencións. Verbas que magoan pois dáse por feito que os que nos representan falan por nós, no noso nome, expresando o noso sentir. Cando menos na teoría é así. E por iso, se as máis altas autoridades polìticas din parvadas, tendo a pensar que tal acontece porque son parvos (non o creo) ou porque nos toman por parvos (créoo sinceramente).

Nunca escoitei a Feijoo laiarse polo, sen dúbida, evidente secuestro de parte da nosa alma cada vez que o galego é maltratado, cada vez que se perden falantes, cada vez que unha editorial, unha produtora de cine, unha empresa cultural galega, bota o peche

Fun seguindo o acto, como digo, pola radio, conducindo dende Valladolid a Vigo despois de dous días nos que escoitei da boca dalgúns nativos ese novo mantra da dereita que reza que hai que suprimir as autonomías e centralizaoo todo de novo nas mans do estado. Xa sabedes: para aforrar.

E entrando na terra, deixando a sequidade mesetaria atrás, chéganme as verbas do presidente da Xunta, celebrando o retorno do Códice e dicindo que, durante o ano da súa ausencia, "parte da alma dos galegos estivo secuestrada".

Esa frase magooume, feriume intensamente. Doeu, precisamente, na alma. Porque, ata onde eu me lembro, nunca escoitei a Feijoo laiarse polo, sen dúbida, evidente secuestro de parte da nosa alma cada vez que o galego é maltratado, cada vez que se perden falantes, cada vez que unha editorial, unha produtora de cine, unha empresa cultural galega, bota o peche. Eu non sei, nin ganas teño de sabelo, se o Códice ten algo que ver con iso que o presidente da Xunta chamou "alma galega". Máis do que non teño dúbidas é de que se hai algo que é propiamente galego, algo que nos define, nos singulariza e nos fai ser, iso, humanos con alma galega, tal cousa é o idioma. E non escoitei aínda unha soa declaración institucional por parte da principal autoridade política deste país, sobre o asunto.

E sentín vergonza ao escoitar ao presidente de España dedicando o seu tempo a tal verbena

E a miña alma galega séntese secuestrada por esa ausencia de discurso presidencial.

E sentín vergonza ao escoitar ao presidente de España dedicando o seu tempo a tal verbena, e ofrecéndose para colaborar no que sexa co arzobispado (que el pronunciou, unha morea de veces, arzobispao).

E á miña alma galega entráballe ganas de dar a volta e emigrar

E vergonza deume o representante da igrexa, cando, sen dúbida falando dende a súa alma vaticana, describe o que sentiu durante o ano de ausencia do libro e fala de "desazón, dor e sufrimento". E de novo e a pesar de non ser eu católico magoáronme as súas verbas, pois axiña lembrei que nunca colleron o micro para falar da dor que lles produce a pobreza, a desazón que lles causa a morte das mulleres pola violencia machista, ou o sufrimento que lles provoca o paro, os recortes sociais ou a pederastia.

Entrei en Galicia escoitando todos estes.

E á miña alma galega entráballe ganas de dar a volta e emigrar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.