0 Gardados para despois

Marta Rodríguez Engroba

A ti, Diana, tamén te mataron por ser muller

Aínda conservábamos unha pequenísima esperanza.

Aínda queríamos crer que a túa fose unha marcha voluntaria, que tal vez nun momento de confusión, nunha desas etapas da vida nas que canto temos arredor, mesmo a nosa zona de confort, semellan deixar de ter sentido, que optaras por rachar con todo, e que acaso esta marcha non fora definitiva, que máis tarde ou máis cedo poida que decidiras, senón retornar, si, polo menos, tranquilizar aos teus, mitigar un pouco o seu desacougo comunicándolles o teu propósito de tomar outro camiño.

O sensacionalismo dalgúns medios de comunicación, unidos a un malsán e semella que inevitable afán polo morbo e a carnaza máis deplorable fixeron o resto.

Non soamente a túa vida, senón as de toda a xente achegada a ti, as dos que te queren, foron diseccionadas sen piedade. Sementouse a dúbida practicamente sobre todos e cada un deles, opinaron, xulgaron e mesmo culparon, sen ningún dereito, sen escrúpulos e sen ter en conta o inferno que estaban a pasar por mor da túa ausencia.

É incrible o grado de insensibilidade que os que nos autodefinimos, paradaoxicamente, como seres humanos podemos chegar a acadar e a total impudicia coa que nos eriximos en censores e xuíces dos actos e das vidas alleas, que semellamos coñecer mellor que as nosas propias, as cales, dito sexa de paso, non sempre somos quen arranxar e son de todo agás un edificante exemplo. De novo da dor fíxose un lamentable espectáculo.

O final do ano proporcionounos, por fin, a resposta. Unha tráxica resposta que chegou grazas á valentía dunha rapaza coma tí, unha rapaza que tivo mais sorte, que puido fuxir e á que nin o temor a non ser crida ou, como mínimo, cuestionada, que con fundada razón disuade a moitas mulleres de pedir axuda, nin unha errada vergoña que a sociedade e cantos poñen en dúbida a versión dunha muller agredida, a fixeron desistir de denunciar o ataque sufrido por un malnacido que, como moitos mais, se cren coa potestade de cometer coas nosas vidas, coas vidas das mulleres, toda clase de atrocidades, mesmo de asasinarnos. Despexou a lacerante incógnita, coa evidencia mais dura que se pode imaxinar: O achado do teu corpo. O cruel desmentido a cantas máis ou menos descabeladas conxecturas se fixeran e que poñía fin a case un ano e medio da incerteza máis cruel.

Pero nin sequera agora, cando xa non hai dúbidas, cando o teu tráxico final está xa dolorosamente claro e o presunto culpable detido, se lle está a dar, ou polo menos non en todos os casos, o tratamento correcto, ou, dito doutro xeito, sen chamarlle, como tantas outras veces, ás cousas polo seu nome.

Porque tí, Diana, es, nin mais nin menos, unha vítima da violencia machista. E como a case todas as vítimas da violencia machista, tampouco se che exime de toda culpa.

Hai quen di, por exemplo, que ti propiciaches o que che pasou, que o buscaches, por ir soa de madrugada, sen ter en conta, Diana, que eras unha muller, e que as mulleres temos vetada, entre outras cousas, unha das liberdades mais elementais de todo ser humano: a de andar libremente por onde desexemos e a calquera hora, porque ese, Diana, é un privilexio reservado aos homes, e, se nos agreden, se nos asasinan, é porque nós os provocamos, ben coa nosa ousadía circulando soas pola rúa de madrugada, ou mesmo coa nosa provocativa forma de vestir.

Nós somos as que temos que previr os posibles ataques, faltaba máis!. E se estes se chegan a producir, a culpa será nosa por expoñernos, nunca do malnacido que nos ataca!.

Tampouco a lei te vai considerar, Diana, vítima da violencia de xénero, porque aquí, no noso país, somos moi de cumprir a lei estritamente, para o que nos interesa, claro está, que tampouco se trata de non deixar pasar nada, e hai delitos, dependendo basicamente de quen os cometa, que se converten, así, como por arte de maxia, en sinxelas anécdotas coas que cómpre ser benévolos ou, aínda mellor, finxir que non existen.

E esa lei tan dúctil, tan moldeable, que se adapta segundo conveña, aparcando a súa rixidez ás veces cuns criterios algo máis que cuestionables, establece que, cando unha muller é asasinada por un home, sen máis motivo que o de ser muller, pero sen existir vínculos afectivos con este, non estamos a falar de violencia machista.

Unha máis das numerosas incoherencias do noso sistema, ese sistema que di estar a loitar para que a nás, as mulleres, deixen de matarnos. Un sistema que se supón, e así o afirman os que o representan ante as cámaras e micrófonos, está para protexernos, pero que se recrea en matices tan absurdos e tan fóra de lugar como basear a existencia dun crime machista no feito de que vítima e agresor teñan unha relación afectiva.

Non hai nada, Diana, que xustifique o teu salvaxe asasinato, o mesmo que nada xustifica tampouco  o inferno que tantas mulleres están a vivir ou vivimos nalgún momento das nosas vidas por mor da violencia de xénero.

Ningunha de nós foi culpable, ningunha de nós cometeu ningún delito. Tampouco ti, Diana.

O único “delito” que temos en común e que todas nós cometimos é o de ser mulleres, e por ese “delito” e no seu nome, moitas veces se nos maltrata, somos vítimas de abusos e podemos mesmo chegar, coma no teu caso, a ser asasinadas.

Porque o mesmo ten o que diga a lei. O feito tráxico e irrefutable é que a ti, Diana, como a tantas outras, tamén te asasinaron por ser muller.

Acerca de Marta Rodríguez Engroba

Presidenta da asociación lucense Si, hai saida contra a violencia machista