0 Gardados para despois

Xurxo Martínez González

Densos lentes mouros

Lembranza polo aniversario de Francisco Fernández del Riego

Pícaro é palabra de resonancia mindoniense. E alí un nome atravesa a memoria contemporánea de Galiza: Francisco Fernández del Riego

De pícaro gustábanme as cámaras fotográficas de xoguete que, tras pulsa-lo botón de disparo, corrían imaxes de lugares distintos. Monumentos ou paisaxes, amenceres ou nevaradas, crinas brancas de cabalos asiáticos ou baleas con lombos de salitre a raiolar nos mares setentrionais. Lugares non visitados que avivaban a imaxinación. Porque como dixo o poeta, tenho em mim todos os sonhos do mundo.

Pícaro é palabra de resonancia mindoniense. E alí un nome atravesa a memoria contemporánea de Galiza: Francisco Fernández del Riego.

En todo grupo hai un dínamo que mantén a cadencia do avance. Alguén que pense nos detalles executivos e que os execute. Unha persoa-motor de pulmón de xaruto. En cada iniciativa artística precísase un obreiro da cultura, con mestría laboral e destreza de mente esperta.

Se repasámo-la vida de Fernández del Riego descubrímo-lo en tempos da República falando de arredismo e progreso social

Se repasámo-la vida de Fernández del Riego descubrímo-lo en tempos da República falando de arredismo e progreso social. Acompaña as actividades irmandiñas mentres estreita a man dos Villar Ponte, Lugrís Freire ou Víctor Casas. Lidera as Mocidades Galeguistas e a FUE. Curioso lector, atento intelectual en formación, acude ó parladoiro de Ánxel Casal na Editorial Nós, ás tarefas pedagóxicas do Seminario de Estudos Galegos e ás aulas de Dereito.

De entre os novos, Del Riego é nome recorrente na prensa e en actos a prol do Estatuto de 1936. Accións de rúa, como as pintadas no Obradoiro, deica mitins en aldeas, vilas e urbes. Nos carteis e pasquíns aparecía, voz con voz, ó carón de Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo ou Alexandre Bóveda. El estaba presente no punto central daquel momento histórico.

O seu nome e apelidos estaban na listaxe do goce falanxista. Salvou a vida por minutos. Agochouse en casa de xente conservadora. Soubo polas leiteiras de Compostela que os amigos eran asasinados día a día

Logo chegou Atila.

O seu nome e apelidos estaban na listaxe do goce falanxista. Salvou a vida por minutos. Agochouse en casa de xente conservadora. Soubo polas leiteiras de Compostela que os amigos eran asasinados día a día. E moitas veces non aparecían nas gabias, senón no medio das estradas para que o Castromil detivese a viaxe á espera de que os propios pasaxeiros axudasen a retira-los corpos.

A vida salvouna vestindo traxe militar franquista logo da insistencia de amigos e familia, tras rexeitar en primeira instancia o ingreso en filas cando chamaron a súa quinta.

Remata a guerra. Depurado como docente da USC, Del Riego chega a Vigo para traballar no bufete de Paz Andrade, a quen xusto acaban de deter. Alí, de cando en vez, recibía chamadas anónimas: “sabe usted que está vivo con permiso de su enterrador?”.

Malia todo, Fernández del Riego foi intolerable na deserción persoal dos valores democráticos. Por iso participa, dende a clandestinidade, na reconstitución do Partido Galeguista, xuntanza feita na súa propia casa en Canido (Vigo). A constancia metalúrxica, existente até as derradeiras gotas de luz, fixo del un activo imprescindible para a reconfiguración do nacionalismo galego de posguerra.

Tivo o pensamento na patria. Dispúxose a servir na Editorial Galaxia como editor, no seu sentido máis prístino; na revista Grial, como director-coordinador; na Fundación Penzol, como director; e na Academia Galega, como presidente

Tivo o pensamento na patria. Dispúxose a servir na Editorial Galaxia como editor, no seu sentido máis prístino; na revista Grial, como director-coordinador; na Fundación Penzol, como director; e na Academia Galega, como presidente. Dende esta institución promoveu o Día das Letras Galegas e foi falleba que abriu fiestras para osixenala.

Non desertou da política nin desdeñou a mocidade combativa: foi secretario xeral do Partido Socialista Galego (tras el viría Xosé Manuel Beiras) e ofreceu, entre outras axudas, as salas da Penzol para as xuntanzas clandestinas da UPG de Pepiño e Reboiras.

Agora chega ós meus ollos a imaxe de Del Riego no seu despacho da Penzol, cunha gran lupa e retallos de prensa na mesa

Agora chega ós meus ollos a imaxe de Del Riego no seu despacho da Penzol, cunha gran lupa e retallos de prensa na mesa. Penso naquelas conversas mantidas entre un vello de noventa carballos cun pícaro de apenas dezanove primaveras. Alí recibíase doutrina a lume manso. Todo el era un peso de historia político-cultural de Galiza. Pero sobre todo unha lección vital: saber escoitar e conversar cos máis novos. Esa foi a educación que recibira nas Irmandades e no Partido Galeguista: preocuparse polo porvir, garanti-la continuidade do pensamento, alenta-la iniciativa material a prol da nosa terra, arenga-la mocidade creativa e outorgar confianza ás xeracións emerxentes.

Foi, en palabras de Ferrín cando presidía a Academia, “un corazón de ouro, unha mente luminosa e unha vontade de ferro ao servizo da patria galega”

De sempre reparei nos densos lentes mouros de don Paco. Distinguíano en calquera escena. Sospeito que, como as cámaras de xoguete infantil, aqueles cristais visualizaban un país futuro, unha comunidade imaxinada, soñada e querida. Por iso foi fiel á construción de Galiza até a morte. Foi, en palabras de Ferrín cando presidía a Academia, “un corazón de ouro, unha mente luminosa e unha vontade de ferro ao servizo da patria galega”.

Acerca de Xurxo Martínez González

Xurxo Martínez González naceu en Coia (Vigo, 1984). Licenciado en Filoloxía Galega e prepara a tese de doutoramento sobre «La Oliva (1856-1857)». Como investigador ten publicado distintos artigos e é autor de «Fuco Gómez» (AGER, 2007) e de «Luís Soto Fernández. A xeira pola unidade galega» (Xerais, 2011). Preside a asociación A Nave das Ideas.