Freud en Catalunya

O procés catalán pónnolas como a Fernando VII para un exame baixo a perspectiva da análise freudiana.

O Estado español, a Constitución do ’78, a Fiscalía, a obediencia sen matices á lei suprema e o cárcere como cuarto escuro constitúen o Superego, a figura do pai

O Estado español, a Constitución do ’78, a Fiscalía, a obediencia sen matices á lei suprema e o cárcere como cuarto escuro constitúen o Superego, a figura do pai. O autoritarismo mamado ou inoculado durante o nacional-catolicismo do ‘36, tamén ao longo de séculos de historia en conflicto e mesmo tras a restauración franco-borbónica en forma primeiro de intimidación, esgrimindo o fantasma da regresión dictatorial, e despois de ameaza co illamento e a decadencia material, foi interiorizado como unha especie de mala conciencia intanxíbel, de pecado, que freaba calquera atisbo de oposición. O pecado chámase agora rebelión, sedición, odio… neuras morais que, como é lóxico, provocan a risa, por exemplo, nos tribunais belgas.

Con todo, a argallada funcionou ata que se demostrou incompatíbel coa realidade diaria, a das persoas que teñen que atender aos seus asuntos máis básicos: a educación, a saúde, o traballo, o transporte, o descanso… o terreo que Freud identificaba como ego. Aquí, na cuestión catalana, entran en xogo a financiación, a fiscalidade, as infraestruturas, a capacidade de decisión, a lingua, as transferencias, as resolución xudiciais, etc.

A terceira pata é o id, o sentimento nacional. Emocional e difuso pero tan real coma os anteriores. O id é pre-racional pero non irracional, como a pulsión sexual, a disputa polo alimento e o territorio, a ansia por atopar espazo na comunidade ou o instinto de protección das crías.

Ao longo destes últimos anos a cidadanía en Catalunya foi comprobando na súa realidade cotiá, o terreo do ego, como o superego non era outra cousa máis que unha construcción mítica, artificial e interesada, “de parte”, que afectaba negativamente as súas condicións de vida pública e privada. Foi caendo a belida da falsa conciencia e o Estado español agarrouse ao id, á destrucción do id. Había que arrincar o mal de raíz, matar o nervio, empastar e continuar coma se nada. 

Fronte a esa lei manifestamente inxusta Antígona invoca a xustiza natural e a dignidade humana, e acaba convencendo á comunidade pero ao final morren todos. Por sorte en Catalunya non se confundíu o teatro coa vida e evitouse este remate tráxico

Esta vía de choque, tanto na refrega política coma nos conflictos da personalidade, descrébese na terminoloxía psicoanalítica co mesmo termo: represión. A represión sempre rebota en forma de explosión violenta contra a prohibición ou de implosión autodestructiva: os psiquiatras favorecen a primeira, que en Catalunya se manifestou no referéndum do 1 de outubro e evita traumas e complexos a longo prazo. O Estado español situou como obxectivo a segunda, a clásica, a doma que en Galiza padecemos cos reis católicos e da que aínda hoxe non nos recuperamos, e que arestora se sustancia na castración traumática das institucións catalanas por medio do 155.

O soberanismo catalán reaccionou nestes meses coma o personaxe de Antígona, enterrando seu irmán Polínices pese á lei do tirano Creonte que o prohibía de maneira expresa. Fronte a esa lei manifestamente inxusta Antígona invoca a xustiza natural e a dignidade humana, e acaba convencendo á comunidade pero ao final morren todos. Por sorte en Catalunya non se confundíu o teatro coa vida e evitouse este remate tráxico. A democracia non pode permitirse ser tráxica ou heroica, debe ser pacífica e prudente.

Matar o pai non implica algo necesariamente negativo nin indica que teña que correr o sangue, só sinala que a persoa superou a fase anal e a edípica, afírmase como suxeito e comeza a tomar as súas propias decisións

Catalunya elixíu ben grazas a que hai tempo conseguíu, na terminoloxía freudiana, matar o pai. Matar o pai é como a morte na baralla do tarot, non implica algo necesariamente negativo nin indica que teña que correr o sangue, só sinala que a persoa superou a fase anal e a edípica, afírmase como suxeito e comeza a tomar as súas propias decisións. Se alguén ten unha metáfora mellor que a de Freud, que faga o favor e a explique.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.