0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

A dereita e os impostos

“Miguel Tellado, secretario xeral do PP de Galiza, acusou á oposición de covardía nas súas emendas por, ao seu xuízo, tentar agochar que eses recursos a maiores necesarios para incrementar o gasto terían que saír de maiores impostos á cidadanía”

Non hai gobernante que se prece (tanto conservador como socialdemócrata) que nalgún intre do seu mandato non prometa baixalos impostos. O caso mais recente e, seguramente, o mais mediatice poida que sexa o do actual Presidente dos Estados Unidos (D. Trump) que vén de anunciar “a maior baixada de impostos da historia dos Estados Unidos”. Unha proposta que inclúe entre as maiores novidades unha redución no Imposto de sociedades de 20 puntos (do 35% ao 15%) e unha eliminación do Imposto de sucesións ademais de cambios no Imposto sobre a Renda. Loxicamente, e como sucede sempre nestes casos, a susodita reforma fiscal, que beneficia as grandes fortunas, terá un importante impacto no déficit orzamentario que experimentará un notable incremento cifrado en 1,5 billóns de dólares (8,1% PIB).

Nembargante, non hai que ir tan lonxe para comprobar a veracidade do anteriormente sinalado. Por caso M. Rajoy (PP), presidente do goberno español quen, ben directamente ben ao través do seu Ministro de Facenda C. Montoro, non para de prometer rebaixas fiscais (a última polo de agora, que deriva do acordo asinado con Ciudadanos, está relacionada cos Orzamentos do 2018 e agocha a promesa dunha baixada do IRPF quen suporía un custo para as arcas públicas de 2.000 millóns de euros). Aquí en Galiza vemos como o presidente da Xunta de Galicia (PP), A. Núñez Feijoo, tamén se suma ao carro do seu partido (PP) e, na defensa dos Orzamentos para o ano 2018, promete rebaixas no IRPF e no Imposto sobre o Patrimonio. Rebaixas que se fan, en ámbolos dous casos, nun contexto de déficit fiscal e elevada débeda publica e que van supor menores ingresos para as Comunidades Autónomas e os Concellos.

Centrándonos nos casos que nos ocupa (España, Galiza) quero destacar varios feitos relevantes relacionados cos impostos e, xa que logo, co sistema fiscal por que mostran a sen razón e o cinismo de tales promesas fiscais. En primeiro lugar que case todas as promesas fiscais de baixadas de impostos que fixeron os dirixentes populares (PP) foron escasas, moi parciais, de marketing político e, o mais grave, atacan os principios constitucionais de capacidade contributiva, xustiza tributaria e equidade ao tempo que disparan a desigualdade.

En segundo lugar que estas ofertas fiscais teñen ademais un impacto negativo nos ingresos fiscais e o correspondente reflexo no balance orzamentario quen provoca maiores incrementos nunha débeda pública que se dispara.

En terceiro lugar, o que resulta mais ilustrativo sobre este tipo de promesas, e  que se fan cando a presión fiscal respectiva de España, e Galiza, (32,5% do PIB) está entre as mais baixas na nosa contorna (Eurozona: 41,5%, UE: 39,4%) o que elimina como argumento xustificativo unha elevada carga fiscal. Unha baixa presión fiscal que deriva, basicamente, de dous fenómenos sistémicos da facenda española: 1. A elevadísima fraude fiscal, 2. O trato de privilexio as rendas de capital con relación as rendas de traballo.

En relación a fraude fiscal -pola que España deixa de recadar anualmente 85.000 millóns de euros (7% do PIB) e Galiza 6.000 millóns (10,4%)- compre subliñar que un 85% do mesmo procede das rendas de capital e moi en concreto das sociedades englobadas no chamado IBEX 35.

Sociedades que por outra parte son as grandes beneficiadas da falta de equidade dun sistema fiscal como o español que da un trato de privilexio as rendas de capital. Velaí por caso o Imposto de Sociedades que se o tipo xeral está fixado no 25% da renda, o pago real das grandes sociedades queda moi, pero moi por baixo desa porcentaxe (practicamente ningunha das sociedades do IBEX 35 tributa o que lle correspondería polos seus beneficios anuais, non chegando ao 7% o tipo medio efectivo, habendo incluso moitas que nin cotizan a pesares dos millonarios beneficios que obteñen). Feito que leva a que en España se produza unha perda recadatoria anual de 9.600 millóns de euros procedentes das grandes empresas sendo deste xeito o principal burato das arcas do Estado.

Unha realidade fiscal que provoca, xa que logo, unha grande insuficiencia nos ingresos fiscais que contribúe aos déficits fiscais sistémicos de España, e Galiza, quen son un dos motores do crecemento da débeda pública (con Mariano Rajoy a débeda pública española incrementouse en 385.000 millóns de euros: +31,2% do PIB a pesares de ter pagado so en xuros mais de 170.000 millóns de euros. No caso de A. Núñez Feijoo  a débeda pública galega incrementouse en 6.600 millóns de euros: +11% do PIB, con un incremento tal das cargas financeiras que xa superan o 90% dos ingresos por débeda). Crecente endebedamento público que se produce a pesar dos grandes recortes no gasto.

Por todas estas razóns non deixa de ser vergoñento escoitar como os dirixentes de dereitas  (por caso o citado Miguel Tellado) presumen de baixar os impostos ao tempo que acusan as esquerdas de querer subilos. O que realmente fan estes dirixentes neoliberais coas súas políticas fiscais é tanto atacar os principios constitucionais de capacidade contributiva, xustiza tributaria e equidade (art. 31) como disparar o endebedamento público para beneficio da grande banca e os seus socios financeiros.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista