Non son picos de gripe, son picos de recortes

Nestes días son numerosas as novas sobre colapsos nas urxencias da maioría dos hospitais galegos, apertura de camas pechadas, pacientes sen comer, etc. en resumo: unha mostra máis da improvisación e a falta de previsión do Sergas (e por extensión da Xunta) no que respecta á xestión da sanidade pública.

O problema de fondo non é o pico de gripe, non son os colapsos de urxencias senón o desmantelamento intencionado da sanidade pública galega ao que abocan as políticas do partido popular:

Os colapsos en urxencias destes días responden a dous motivos fundamentais: a falta de camas abertas, que impide ingresar aos pacientes e fai que se acumulen no servizo e a perda de capacidade resolutiva da atención primaria.

O dereito máis básico e fundamental que temos é o dereito á saúde, xa que sen saúde non existen os demais dereitos. Estes días somos testemuñas de tódolos problemas que se xeran cando os servizos de saúde (tanto en primaria como en especializada) non se cobren como se debera, e esta situación empeorará cando se leve a cabo a modificación da Lei de Saúde de Galicia que entre outras medidas provocará a supresión de catro áreas sanitarias (Monforte, Valdeorras, A Mariña e O Salnés).

Como preludio da supresión das áreas sanitarias vanse desmantelando e externalizando recursos, reducindo servizos, persoal.... e chégase a situacións como as que se produciron no hospital comarcal de Valdeorras onde se deron citas para rehabilitación para dentro de ano e medio, feito a todas luces inaceptable. 

Coa supresión das áreas sanitarias producirase unha centralización de servizos hospitalarios nas capitais das provincias, o que dificultará o acceso a estes servizos á poboación que reside no rural. Do mesmo xeito, tamén se verá afectada a atención primaria (xa actualmente moi denigrada), perdendo orzamento e autonomía, forzando ao sistema sanitario a volver ao modelo da curación (reparación do dano) en detrimento da promoción e a prevención, moito máis racional e eficiente para a saúde da poboación, pero menos rendible para as multinacionais. 

No Plan Orzamentario para este ano (2018) que Montoro remitiu a Bruxelas o gasto sanitario pasa dun 6% a un 5,8% do PIB, o que implica que se vai gastar en sanidade menos ca nunca, a pesares da recuperación económica da que fai gala o PP. Así e todo, desde o goberno de Feijoo insisten en que van investir maiores partidas para que os nosos hospitais teñan máis e mellores servizos.... difícil de crer, á vista dos datos....

Este desmantelamento deliberado da sanidade pública e as mentiras que leva con el, sen embargo, rematarán caendo fronte á dignidade dunha cidadanía que loita polo seu: unha sanidade pública, de calidade e proximidade, e que o próximo 4 de febreiro encherá as rúas de Compostela manifestándose pola nosa sanidade pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.