O retorno da pantasma das caixas

Cando os mortos están mal enterrados, é lóxico que, antes ou despois, aparezan sinais que evoquen semellante circunstancia. Nas Caixas de Aforro galegas estamos visualizando, nos últimos meses, unha reprodución desa metáfora.

O partido de Feijoo agarda pola lenta e incompleta maquinaria xudicial no canto de prestixiar a institución parlamentar cunha actuación dilixente nun problema de tanto impacto económico e social

Primeiro foi a execución da sentenza condenatoria de varios directivos de Caixanova que propiciou a entrada no cárcere de persoas tan relevantes como Gayoso e Pego. Agora, transcendeu a primeira imputación xudicial que afecta a Xosé Luis Méndez, ex-director xeral de Caixa Galicia, por mor dunha operación urbanística realizada na provincia de Almería. Ambos eventos serven para reavivar a lembranza do importante papel xogado por estes executivos na desfeita das Caixas. Non foron os únicos culpábeis do sucedido pero sen a estratexia desenvolvida polas súas equipas non se verificarían os círculos viciosos nos que caeron aquelas entidades.

Estas actuación xudiciais -coa demora habitual que se rexistra nesta caste de procedementos- axudan a confirmar, mais unha vez, o despropósito no que está instalado o PP no Parlamento galego. A maioría absoluta que ostenta, dende o 2009, na Cámara do Hórreo non foi quen de propiciar o funcionamento requirido para a Comisión que debería realizar unha diagnose do acontecido nas últimas décadas e fixar as responsabilidades políticas derivadas de semellantes feitos. Instalados nesa perversa lóxica de xudicializar todo o que poda ter unha dimensión política, o partido de Feijoo agarda pola lenta e incompleta maquinaria xudicial no canto de prestixiar a institución parlamentar cunha actuación dilixente nun problema de tanto impacto económico e social.

Cando se aborda esta temática convén insistir na concorrencia de tres factores fundamentais:a natureza social e non estritamente lucrativa das Caixas (a pesar de que Méndez e Gayoso actuaban coma se fosen os principais accionistas dun banco); as obrigas de control e supervisión que a lexislación vixente outorgaba ao goberno da Xunta e ao Banco de España e a actitude moi benevolente practicada polos grupos mediáticos e pola case totalidade das elites locais galegas.

Ademais dos importantes beneficios que están percibindo, os propietarios de Abanca sempre poderán vender a prezo de ouro o que obtiveron nunhas rebaixas espectaculares. E se alguén protesta, invocarán a recente frase do gran “liquidador” Rodrigo Rato:”é o mercado, amigos”

Para completar o catálogo de sucesos recentes que contribuíron a resucitar a pantasma das Caixas, velaí o anuncio da hipotética nacionalización de Banesco por parte do goberno de Venezuela. Aínda que esa eventual operación non teña consecuencias xurídicas no actual status de Abanca, realimenta a incerteza xurdida dende o mesmo momento no que ese grupo empresarial adquiriu -por 1003 millóns de euros- aquel Novagaliciabanco que estaba nas mans do FROB despois de que este organismo utilizase mais de 9000 millóns de recursos públicos no rescate do fillo bancario de Caixanova e Caixa Galicia. Feijoo bendiciu a adquisición protagonizada polo empresario venezolano porque evitaba, no curto prazo a desaparición total dunha das “xoias” do declinante sistema financeiro galego. O Santander e o BBVA estaban preparados para mercar mais barato e diluír a entidade nas súas respectivas estruturas oligopólicas.

En todo caso, ademais dos importantes beneficios que están percibindo, os propietarios de Abanca sempre poderán vender a prezo de ouro o que obtiveron nunhas rebaixas espectaculares. E se alguén protesta, invocarán a recente frase do gran “liquidador” Rodrigo Rato:”é o mercado, amigos”.

Así se vai escribindo a historia das fenecidas, pero non ben enterradas, Caixas galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.