Mariñeiros nas ondas

O outro día recibín unha chamada da miña avoa. Contábame que á fin ía poder escoitar a miña voz pola radio, regaláronlle un novo transistor relocente para escoitarme no almorzo, na comida ou na cea. Vai poñelo onde sempre, na cociña.

Eu respondínlle que non ía poder, polo menos durante bastantes días. Tívenlle que explicar que CUAC FM, a radio na que presto voz, tempo, alegría e ilusións está ameazada cunha sanción de ata 200.000 euros por cumprir un dereito humano: comunicar. A miña avoa, de oitenta e tres anos, preguntoume como era iso posible. Conteille que en España son as comunidades autónomas quen xestionan as licenzas en Frecuencia Modulada, as que deciden que medios falan polo dial ou non. Ela saiume con que se eramos unha radio pirata. Conteille o que lle estou contando hoxe a vostedes. Que non, avoa, nós somos unha radio comunitaria. Comunitaria? Si, avoa, unha radio na que moita xente de pensamentos diferentes se une para facer programas, formar a novos locutores e locutoras e dar voz á xente que non a ten nas radios comericiais e públicas. E iso existe? Si, avoa, existe. Existe CUAC FM. Como a radio comunitaria da Coruña existen Radio Vallecas, Radio Almenara, Radio Xata, Radio Moratalaz e aínda máis en Madrid, Radio Kras en Xixón, Radiópolis en Sevilla e moitas máis espalladas por todo o estado español.

Non lle mencionei as centos de radios comunitarias de américa latina ou as radios comunitarias e libres de Francia ou Irlanda onde (miña avoa non me cría) hai xornalistas que cobran.

Non somos unha radio pirata. Somos unha radio libre, unha emisora de voces, historias, traxedias e protestas que leva pedindo unha licenza dende a súa fundación en 1996

Non somos unha radio pirata. Somos unha radio libre, unha emisora de voces, historias, traxedias e protestas que leva pedindo unha licenza dende a súa fundación en 1996. Pasaron 22 anos. Por esa falta de licenza hoxe vostedes, señoras e señores da Xunta, quen nos apuntan coa vara dunha legalidade que non exerceron ata o momento. Descubrínlle á miña avoa que a Lei de Comunicación Audiovisual do 2010 insta ás comunidades autónomas a regular e legalizar os medios comunitarios existentes antes de 2010. As señoras e señores da Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral de Medios aínda teñen oportunidade de exercer democracia na súa sentenza, continuei explicandolle a miña avoa, de emendar o erro e de ser pioneiros. Que alegría sería saber que a nosa administración galega é a primeira en recoñecer legalmente a un medio comunitario en España. Non sería un motivo de orgullo, señoras e señores da Xunta, poder equipararse a Francia, Irlanda ou Reino Unido?

A miña avoa neste momento estaba confusa, non é para menos.

Apúntanos coa vara dunha legalidade que non exercen; non sería un motivo de orgullo, señoras e señores da Xunta, poder equipararse a Francia, Irlanda ou Reino Unido?

Aclareille que unha administración pública do estado xa comezou a dar pasos adiante que para nós semellan de xigante, o goberno navarro convocou o pasado 2017 o primeiro concurso público de licenzas en FM onde se admiten ás radios comunitarias, a radio comunitaria de Pamplona podería verse beneficiada dunha licenza para emitir. A miña avoa, co seu ton de nai protectora, quería asegurarse de se tiñamos apoios detrás. Dixen que sería fantástico que a Xunta se postulase a favor de CUAC FM como xa fixeron o Colexio de Xornalistas de Galicia, a Federación de Sindicatos de Periodistas de España, a Universidade da Coruña, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, Proxecto Cárcere, Asociación Alexandre Bóveda e numerosos colectivos, entidades e persoeiros máis. Non sería fermoso, señoras e señores da Xunta de Galicia, deixar continuar a andaina dun medio de comunicación?

Nós cremos na liberdade das ondas. Cremos que a comunicación, coma o mar, coma as augas internacionais, son un territorio voluble e cambiante pero sempre e en esencia libre. O mar non ten cancelas, as ondas tampouco deberían telas. Dicimos que somos mariñeiros nas ondas porque faenamos na radio. Levamos 22 anos faenando na 103.4 da Coruña. Traendo xente de todas as partes, ideoloxías, posicións, opinións e orixes, esa é a esencia da radio comunitaria. No ano 1996 este navío partiu a ese mar de ondas que, nin de cerca eran libres.

Aínda hoxe non o son. Somos mariñeiros nas ondas, non furtivos, nin piratas.

Os piratas son quen abordan, fan dano, rouban, agreden, insultan e atacan a outros para facerse co botín e expolialos. Os piratas só coñecen a linguaxe da violencia, o noso barco non leva canóns, só redes de xuntanza e ledicia, de indignación e protesta. Somos locutores, sabemos que é o silencio, a carraxe, a incomprensión, a causa da noticia.

Aínda así, gústanos estar nese mar, a pesar dos piratas, a pesar de todo. Cuac, resiste.

A miña avoa quedou convencida.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.