Ciudadanos, un “partido burbulla”

Disque Ciudadanos pode gañar as Eleccións Xerais; Metroscopia e GAD3, empresas enquisadoras de El País e ABC respectivamente, acaban de publicar dúas sondaxes que os sitúan coma primeira forza, cun 26-27% dos votos.

Esta subida ten moito que ver coa “euforia catalá”. O curioso desta situación e que é exactamente igual ó acontecido en Cataluña no 2015

Esta subida ten moito que ver coa “euforia catalá”: despois dun  resultado moi bo no Parlament, onde o partido laranxa superou a maioría das enquisas a súa estimación de voto sube vertixinosamente no resto de Estado. O curioso desta situación e que é exactamente igual ó acontecido en Cataluña no 2015.

Enquisas e resultados nas Eleccións Catalás de 2015 e 2017

Fonte: Elaboración propia con datos de El Electoral.

Aquel ano tamén tocaban Elección Xerais. Cando estas estaban a piques de celebrarse, a media das enquisas dábanlle a Albert Rivera unha importante cantidade de votos que o situaban coma terceira forza política. Metroscopia era a máis xenerosa con diferencia. Pero este espectacular crecemento proxectado pola “catapulta catalá” foi bater coa dura realidade do chan: C’s só logrou 40 escanos dos 60-70 esperados.

Na segunda volta desas eleccións, celebradas en xuño de 2016, as sondaxes proxectaba un crecemento modesto para a formación, aínda que a enquisadora de El País teimaba en darlle mellores resultados. Ao final, perderon 8 escanos.

Enquisas e resultados nas Eleccións Xerais de 2015 e 2016.

Fonte: Elaboración propia con datos de el Periódico, Electograph e La Vanguardia.

A pesares disto, Ciudadanos non é unha ilusión óptica: consegue votos. E aínda que non sexan tantos coma quixeran, son suficientes para permitir a continuidade do PP no Goberno e en varias autonomías, ademais do PSOE en Andalucía.

Nun sistema electoral que fomenta o bipartidismo e o “voto útil”, a sobreestimación que observamos nestas enquisas parece a única forma de garantir a existencia dun partido-bisagra coma este. Podería ser entón que, se as citadas enquisas tiveran resultados máis realistas, a sensación de tirar o voto empeorase estes resultados? Se así fóra, Ciudadanos sería un “partido burbulla” porque o motivo do seu crecemento sería a expectativa mesma de crecemento.

As enquisas non son só ferramentas de análise da realidade, senón que tamén inflúen nela indicando cal é o “voto útil”. E aínda que en Cataluña C’s aglutine votos, no resto do Estado o mellor resultado que obteñen e apuntalar gobernos doutras formacións. Nalgunhas autonomías son directamente extra parlamentarios. Votar a Ciudadanos nos serve para nada porque se o único que van facer e apoiar o PP ou o PSOE, o lóxico e votar por unha destas formacións. O “voto útil” volve con forza, porque ninguén quere volver a ter un Presidente que se apelide Interino.

As enquisas non son só ferramentas de análise da realidade, senón que tamén inflúen nela indicando cal é o “voto útil”

A única forma de xustificar o voto por Albert Rivera é que el mesmo sexa considerado como un candidato plausible para a presidencia, coma sucedeu con Inés Arrimadas. A burbulla política laranxa precisa de fortísimas proxeccións de crecemento ou sufrirá unha caída vertixinosa. E o mesmo que acontece coas burbullas económicas, onde a especulación aumenta constantemente o valor aparente por riba do valor real. Aumento baseado na crenza de que o mesmo non se vai deter. 

Sen embargo, estas proxeccións son máis que fantasiosas. Alguén me sabe dicir como se chama o líder de Ciudadanos aquí en Galicia? Ou polo menos un líder autonómico que non sexa Arrimadas. Cuarta forza estatal e un puñado de deputados autonómicos. A todos nos soa que teñen algunha alcaldía nalgures, non se sabe moi ben onde. En Cataluña, onde se supón que está o seu feudo electoral, e onde levan actuando dende o 2005, só teñen unha. E o seu recente resultado electoral ó final non foi tan gordo; teñen un cuarto dos votos. Se son primeira forza só é pola fragmentación do Parlament.

Se algo aprendemos da burbulla inmobiliaria é que cando as imaxes artificiais son cribles, poden lograr condicionar o comportamento, modificando así a realidade material. Paradoxos do destino, Ciudadanos e o partido da cor dos ladrillos

Aínda así, Albert Rivera goza de grandes simpatías ideolóxicas entre o electorado conservador, que non é escaso. Se as sondaxes que prognostican a súa vitoria lles resultan cribles, podería ser que se decidisen a votalo. O 21-D deixou claro que o partido conta con poucos activistas e cadros e cunha escasísima implantación municipal. Iso si, substitúen estas carencias por un decidido e indisumulado apoio dos mass media para lograr fortes mobilizacións electorais. Se algo aprendemos da burbulla inmobiliaria é que cando as imaxes artificiais son cribles, poden lograr condicionar o comportamento, modificando así a realidade material. Paradoxos do destino, Ciudadanos e o partido da cor dos ladrillos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.