0 Gardados para despois

Miguel Anxo Abraira

A lóxica decrecentista é a lóxica do mantemento da vida

Falar de Decrecemento é falar en positivo do noso futuro; falar de convivencia e, tamén, é falar de seguir existindo como especie no único planeta no que é posible a vida de xeito natural. E hai que falar de Decrecemento non só porque precisamos soñar o futuro senón tamén porque non falar significa non citar a principal alternativa que hai nestes momentos ao capitalismo que o destrúe todo, mesmo as relacións persoais.

Se aló por mediados do século XVIII co invento e e uso da maquina de vapor o mundo se tornou en algo completamente distinto ao que se coñecía; hoxe co esgotamento dos recursos enerxéticos, mineiros  e coa superación da capacidade de rexeneración do planeta tamén estamos iniciando un camiño que non sabemos a onde nos vai levar como especie e polo tanto como galegos e galegas. No que si  podemos estar certos é que todo está  mudando drasticamente. A humanidade nunca antes se enfrontou a unha situación tan complexa como a actual, porque nunca antes foi quen de cambiar as circunstancias do seu hábitat de xeito global. As crises ambientais e de recursos, do pasado, afectaron a civilizacións e pobos enteiros, mais nunca mudaron tan rapidamente o hábitat de todos os pobos que habitamos o planeta. Este feito hai que agradecerllo ao modo de vida occidental e mais concretamente ao capitalismo. Hoxe por hoxe a presión por explotar os últimos recursos do planeta afecta a todos os pobos por moi afastados que se atopen e, a mudanza climática non entende de pobos illados do amazonas, de tribos cazadoras-colectoras do África ou da cultura esquimal. Todos estamos no mesmo barco e inmersos na mesma tormenta pola supervivencia.

Sen dúbida o modo de vida occidental apoiase en incribles avances tecnolóxicos que mudaron a nosa forma de relacionarnos co entorno e con nos mesmos, pero é importante non confundir tecnoloxía e enerxía. En definitiva non debemos confundir o invento do coche co petróleo. A ciencia foi quen de inventar “cachibaches” para aproveitar a enerxía que existía e coñeciamos desde había centos de anos. O que nunca poderá facer a ciencia é saltarse os principios da termodinámica e inventar e crear enerxía.  Remarcar isto é fundamental pois o proceso de cambio no que estamos inmersos vai facer que o coche siga existindo mais a enerxía que o move se esgote sen capacidade de substitución real. Unha vez mais dicir: podemos ignoralo ou soñar con paxariñas preñadas pero non existe alternativa enerxética que poida substituír os recursos fósiles (gas natural, petróleo e carbón) que empezan a esgotarse.

O tempo para tomar medidas desde o poder para transitar de xeito xusto e pacífico cara unha sociedade menos dependente da enerxía non renovable xa empezou a correr hai tempo e nada se fixo e nada se esta facendo. O capitalismo non entende de futuro; só entende de bussines e de beneficio económico a curto prazo. No capitalismo os problemas cos que se atopan as persoas e as colectividades devénse solucionar seguindo a lóxica dos mercados e dos negocios. Mesmo as persoas só teñen dereitos se están incorporados a esta lóxica. O capitalismo estableceu que desde o nacemento ate a morte debemos ser unha peza da lóxica produtivista, da lóxica dos negocios e no caso de non atopar un lugar na súa engrenaxe o o que nos espera é a exclusión social individual ou colectiva. A lóxica capitalista tamén entende que a complexidade, a variedade social, ambiental son atrancos para a súa evolución e reduce os seus beneficios por iso a biodiversidade e anti-capitalista e os monocultivos son o seu xeito lóxico de producir. Para o modelo capitalista global é preciso producir e transformar a gran escala para despois distribuír por todo o planeta e isto só se consigue con monocultivos xa sexan de eucalipto ou de aceite de palma. Para o capitalismo e un atranco importante  a diversidade cultural e idiomática. Adaptar a produción a demandas culturais e tradicións xera complexidade e resta beneficios. A lóxica da uniformidade disfrazada de colores varios é sinónimo de rendibilidade empresarial. Mellor só uns poucos idiomas, mellor só uns poucos referentes culturais, mellor só uns poucos valores  dentro da lóxica dos negocios. O contrario obriga a perder cota de mercado ao gran capital en beneficio dos pequenos.

A lóxica capitalista é a lóxica do grande e polo tanto do global porque en definitiva a lóxica do capitalismo é a lóxica da acumulación de riqueza sen importar os territorios, as tradicións, as culturas, os pobos , as persoas, ... E ademais a lóxica capitalista é a lóxica da cultura da dominación. Dominar a natureza, os recursos, os pobos, as persoas, as mulleres, ...Dominar pola forza non só para obter beneficio senón tamén para deixar patente que se pode dominar. Dentro desta lóxica de dominación de progreso e modernidade está a suposta necesidade de conquistar o espazo exterior de habitar outros planetas. Para o capitalismo  a lóxica de cuidar o noso planeta; o único entorno onde é posible a vida é sinónimo de anti-progreso e anti-modernidade.

Desde o DECRECEMENTO dicimos que a lóxica capitalista pon en perigo a mesma supervivencia da humanidade. Que a lóxica da globalización é a lóxica das políticas favorecedoras da acumulación de riqueza e capital na man das multinacionais. Que a lóxica da uniformidade cultural e idiomática e a lóxica do beneficio das industrias culturais e dos imperios. Que a lóxica do progreso capitalista é a lóxica da contaminación e da destrución dos ecosistemas. Que a lóxica de curar e non de previr é a lóxica do beneficio das corporacións farmacéuticas.  Que a lóxica do modelo educativo e a lóxica de formar man de obra para a engrenaxe capitalista e non a de formar persoas libres, imaxinativas, creativas e pacificas,... Que a lóxica do global é a lóxica dos monocultivos da espoliación dos recursos a gran escala e da destrución dos territorios e dos pobos que os habitan.

Fronte a lóxica capitalista está a lóxica DECRECENTISTA que se base en poñer no centro do debate as  as cuestións necesarias para o mantemento da vida e para conseguir relacións satisfactorias e xustas entre individuos e pobos. O DECRECEMENTO entende que os dereitos básicos e fundamentais das persoas e dos pobos non poden depender da lóxica capitalista que establece que debes formar parte da súa engrenaxe produtivista, para non caer na exclusión social. A lóxica DECRECENTISTA  establece que a diversidade cultural e idiomática e boa porque enriquece as nosas experiencias no paso pola vida e porque ademais axuda a resolver problemas desde enfoques distintos. A lóxica DECRECENTISTA  entende que a cultura da dominación xa sexa na súa vertente imperialista, produtivista-industrial ou como modelo hetero-patriarcal forma parte do cerne que debe combaterse desde principios de solidariedade, xustiza social, auto-xestión e apoio mutuo.

Sen dúbida a  lóxica DECRECENTISTA é unha emenda á totalidade a lóxica capitalista e boa proba do que aquí digo son os documentos que a Rede de Decrecemento elaborou para o seu primeiro Congreso. Os documentos permiten visualizar un futuro alternativo a lóxica capitalista que esta poñendo (repito unha vez mais) en perigo a mesma supervivencia da humanidade.

Publicidade

Acerca de Miguel Anxo Abraira

Político e activista social