Unidade (popular) na diversidade

A acumulación de forzas transformadoras implica sempre un alargamento das bases e unha riqueza de posición e ollares. Unha riqueza que debe ser coidada e tratada con respecto. Desde esta perspectiva, podemos entender que a diversidade existente na unidade popular é un dos seus mellores valores, así como, unha das súas grandes fortalezas. Fronte a isto, o discurso único, que queren impornos, identifica a diversidade como unha debilidade, amplificando as diverxencias e as discordancias. Os medios de masas, na súa labor en favor das elites, penalizan a existencia dos debates e da pluralidade nas organizacións políticas e na maior parte dos casos ridiculízana. Isto é así, e non por casualidade. Saben que da acumulación dos diversos e de onde vai nacer a alternativa política transformadora, e por iso combaten a diversidade.

Desde a unidade popular debemos impulsar a construción dun suxeito político propio que teña a súa base asentada na diversidade. A mestizaxe e a unión de proxectos e culturas políticas diferentes ao redor dun programa común é un exercicio histórico enriquecedor. É desde esta unidade na diversidade desde onde se teñen alcanzado metas importantes, que semellan afastadas mais que non o son. Máis de 410.000 votos equivalentes ao 25% dos votantes funcionan como aval da construción do suxeito propio e poliédrico. Debemos funcionar en sentido totalmente contrario ao modelo único neoliberal, que penaliza a diversidade, que promove unha visión uniforme da sociedade. Unha uniformidade ampla que adapta os modelos tradicionais con base no heteropatriarcado e na dominación do capital. Unha visión única que permite excepcións, como elementos decorativos, para confirmar as normas. Excepcións que dotan dunha falsa pluralidade ao discurso das elites dominantes.

Na perspectiva de quen pretende políticas transformadoras para o día a día da cidadanía as  ferramentas organizativas deben ser útiles para esa maioría social agredida. Non hai organización máis inútil que a que xira sobre si mesma perdendo o contacto coa realidade social que debe acompañar. É por iso que as estratexias que pretenden reducir a pluralidade e diversidade non poden ser admitidas, son empobrecedoras e só funcionan como reforzo de pequenos núcleos fácticos. Ben ao contrario debemos pensar en novas estratexias que aínda sexan máis permeables coa sociedade e que permitan ampliar, máis aínda, a base social do cambio.

A unidade popular debe conformarse coma o catalizador do mellor de cada unha das correntes, organizacións e experiencias políticas que a integramos. As partes non poden representar o todo. E o todo só estará representado se todas as partes o están. Que unha parte pretenda representar todo o espazo é un espellismo. Significa pan para hoxe e fame para mañá. Nas nosas mans está constituír a ferramenta política que lidere un cambio profundo cara unha sociedade mais xusta e democrática. Unha sociedade na que a economía estea ao servizo do benestar das maiorías e na que avancemos na superación das desigualdades.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.