O heroe fisterrán das Malvinas

Benvidos sexan a este espazo espiritual no mar das Malvinas. Estou decepcionado. Pensei que os cidadáns arxentinos aprenderan a respectarse despois de sacarse de enriba aos milicos da seita videliana. Poida que sendo un mariñeiro emigrante namorado da anfitriona dona Arxentina non sexa quen de facer unha crítica obxectiva pero os fisterráns non estamos educados para aguantar ataduras dos cabos da amarra. Somos teimudos aínda que axiña entendemos que no noso oficio o mar non é un inimigo senón un compañeiro de fatigas. Estou aquí debaixo porque o meu barco, o mercante Illa dos Estados, foi torpedeado pola fragata HMS Alacrity en flagrante violación do dereito internacional. Aínda que a miña vida terrenal como Manuel Olveira Traba cortouse aquel 10 de maio de 1982, trato de estar informado dos acontecementos diarios na miña segunda patria xa que teño a familia en Avellaneda. Non esquezo o moi ilusionado que cheguei ao barrio de Lanús con 23 anos. Malia o afastamento sigo mantendo no nariz o arrecendo de aqueles asados do verán nas grellas da querida Asociación Finisterre en América en Florencio Varela. As instalacións recretativas levan o nome de Ara Solis en homenaxe ao promontorio pétreo que no monte do Cabo fai de barreira que amaina os temporais. Eramos unha gran familia que nos axudábamos para poder erguer un niño onde criar aos pichóns. A palabra depresión non estaba no noso vocabulario.

O asunto está complicado por non dicir que é tráxico. A verdade é que nunca pensei que un goberno elixido nas urnas fose deixalos abandonados no fondo do mar. Creo que estarán comezando a aceptar que o país está en mans dun grupo de delincuentes. Vostedes, amiguiños, sodes uns insignificantes tripulantes dun submarino que en tempos de paz foi afundido por un país que coimea moi ben para manter a súa presencia colonial. Porqué non os rescataron? O primeiro é dicir que coa gran prensa mercenaria do seu lado pódense permitir que nunca volvades a terra firme. O segundo é que 44 mortos non fan desgaste na seita macricida. Antes a clase media votaba para progresar pero agora son moitos os cidadáns que votan polo desprezo aos máis desfavorecidos. A Macri impórtalle un carallo a vida de 43 mariñeiras e unha mariñeira.

Sodes parte dos graxa aínda que moitos votaches en contra dos graxentos peronistas. Se mirades para alí podedes ver o porto de Mar do Prata. Algúns dos vosos familiares están a protestar. Piden que os leven para arriba. O brillo ou a opacidade nos vosos ollos está a indicar sen marxe de erro a quen votaron. Os familiares que quedaron na casa son os que comungan coas mentiras de Macri. Non teñades ningunha dúbida de que o goberno coñece a exacta localización do ARA San Juan. O 15 de novembro de 2017 o sistema de acoustic detection da US Office os Naval Intelligence rexistra un “evento anómalo, singular, curto e violento pero non nuclear”. Espero que  voso sacrifico non sexa de balde e tamén que os vosos familiares non se resignen e que digan, compunxidos, que foi obra do destino. O autor da vosa traxedia ten nome e apelido.

Pídovos que non vos anoxedes xa que agora é tarde para arrepentimentos. Os laios non valen de nada. Había que meter un voto de futuro na urna pero vos metestes a pata. Varios repetían coma papagaios as estupideces anti Cristina que espallaban nos medios mercenarios os que agora son ministros. Querían enriquecerse e fixérono. Están fortes xa que contan co apoio dos resentidos que disque están a gozar dunha tranquilidade nunca vista. Es así. Macri sigue tendo entretida a pailanada co ataque aos pobres. Os votantes non elixiron a don Mauricio para que lles mellore a vida. Foi apoiado para que esmagase a paos ao graxa peronista da esquina que viña de mercar un coche en cotas. É curioso o constatar a moi alta porcentaxe de clase media que se contaxiou de aporofobia. Na vindeira reunión farei unha aclaración do concepto, se así o desexan, pero é mellor que se informen antes de vir. Aquí abaixo non hai lugar para indecentes nin para pelotudos. O mar encárgase de purificar a todo aquel que veña cargado de egoísmo e ignorancia. Aquí o que antes carecía de sensibilidade convírtese nun poeta do silencio. Os que non posuían aptitudes musicais son agora creadores de melodiosas armonías sonoras.

Quixera falarlles da miña querida Galicia. Neste mes celebramos o entroido no meu municipio natal de Fisterra que na bisbarra ten fama. Non poñades cara de sorpresa! Os galegos tamén nos disfrazamos aínda que non somos caretas como algúns porteños. Lembren que alá a festa é no inverno. Ao facer frío, antes de saír coa comparsa a percorrer as rúas da vila, enchemos o bandullo cun suculento cocido. A ver se logro que vos concentres. Se o intentades, poderedes ulir a carne de porco (criado con millo) e os chourizos, garavanzos, patacas, grelos e repolo. É marabilloso! Eramos felices. Cantabamos diante de Santa María das Areas para que o mar nos recoñecese ao ir detrás dalgún cardume de robalizas ou sardiñas. Recoméndolles a lectura dun poema de Luís Franco titulado El mar se embarca que supongo les gustará a pesar de que el autor era de Catamarca. Lembro un anaquiño do poema: el mar, rugiendo y sollozando ebrio de la amargura de su sal. Agardo que o meu veciño de Avellaneda, Carlos Penelas, me achegue o seu último poemario titulado El mar en un espejo de otoño. Así, no vindeiro mes faremos unha lectura para analizar se o poeta coñece realmente o mar ou o imaxina. Chau, teniente Eliana e demás tripulantes do ARA “San Juan”. Vémonos en marzo!

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.