0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

Non temos présa

O 1 de Febreiro, o diario Sermos Galiza publicaba un artigo intitulado Un país sen política internacional : Galiza carece dunha acción exterior merecedora de tal nome. Non sen un sorriso pilleirento de conto bretón na boca, dispúxenme a ler o artigo con predisposición humorística, coñecedor como xa era da polémica viaxe de Don Núñez Feijoo ao estado de Israel. En primeiro lugar, o que me chama a atención deste artigo é o feito de que X.M Piñeiro, autor do texto, resalte o feito de que Galiza mereza – coma se merecer ou non política internacional de seu fose un dereito e non, sinxelamente, unha construcción política colectiva que debe conquerirse, estructurarse, merecerse co esforzo e co compromiso – tal política internacional debido a que o seu falo comercial, segundo datos por él verbalizados, presente un balanzo comercial, entre exportacions e importacions, de case 5000 millons de euros anuais.

Dito dun xeito sinxelo : sorpréndeme que un superficial dato macro-económico interpretado a vista de páxaro convírtase en argumento – mellor dito, en dato – de autoridade para queixármonos – ¡oh, a queixa, o noso galeguísimo e humano, demasiado humano lastre histórico! – pola inexistencia dunha política internacional digna, enténdase o que se queira entender por tal cousa. E é que, realmente, semella insinuar este artigo a seguinte lóxica discursiva, a saber : que posto que o noso balanzo comercial é o que é merecémonos ter política internacional digna, e santas pascuas.

En realidade, a movilidade e o dinamismo exterior de calqueira país non ten auto-referencialidade política como tal : os poderes económicos localizados dan ordes e os estados e os seus cargos electos, en nome dos seus partidos, cando lles interesa, ou en nome dos seus propios estados, cando lles interesa, ou en nome da nación unha, dúal, trina ou pentagonal, tamén cando lles interesa, limítanse a facer de relacions públicas e obedecen coma cadeliños amaestrados. Esto é certo tanto na Galiza coma no estado español, Europa, Sudáfrica ou Australia. Dito isto, resulta como mínimo patético o feito de pasarnos décadas repetindo compulsivamente o veraz argumentos da inexistencia dunha política internacional galega, sobre todo cando a poucos – mais ben ningún - xornalistas, escritores, científicos, artistas e políticos galegos puiden ler – ou escoitar – facendo insistente referencia sobre a falta dunha política internacionalista para os de abaixo.

Falando en prata, que unha cousa é suspirar pola ausencia dunha política internacional e outra cousa é suspirar pola ausencia dunha política internacionalista : as indeterminacions da semántica, así coma a carga político-cultural que contén, delátanos, máxime cando xa non nos podemos crer o clisé mental, o estereotipo socializado, dunha Galiza carente de burguesía e familias económicamente apoderadas. Aos feitos remítome : só fai falla ler o artigo que o mesmo Sermos Galiza publicou o 25 de Xaneiro, cuxo título reza Patrimonios Millonarios. Esa Galiza cada vez máis rica : As grandes fortunas declaran 2000 millons de euros máis en apenas un ano”.

Como exemplo-espello para evidenciar a carencia en cuestión resáltase, no primeiro dos artigos mencionados, que Baviera, o Lander alemán, sí ten unha gran delegación en Bruxelas, sita, ademáis, xusto en fronte do Europarlamento. Acto seguido recálcase que os devanditos landers participan na creación da postura que defende o conxunto do estado alemán perante a UE e que os mesmos ministros rexionais poden presidir as reunions ministeriais do estado na UE

Sí, ben, perfecto, mais o principio de realidade segue a ser o seguinte : na Galiza, como nación, e en España, como estado, isto non funciona nin funcionou así : as causas históricas e ideolóxicas son abondo coñecidas como abondo coñecido é tamén o pouco peso cuantitativo e cualitativo de conciencia nacional, nacionalista, e por extensión, internacional ou internacionalista. Recalco, caro lector, que non é o mesmo ter conciencia nacional que conciencia nacionalista, nin o mesmo é tampouco ter conciencia internacional que conciencia internacionalista – un partido comunista medianamente honesto ten conciencia internacionalista coma conciencia internacionalista ten tamén o consello de administración de Zara Inditex, por pór un caso -. O nacional, en concreto, fai referencia ao escenario espazo-temporal no que se manifesta e desprega a acción social, política e institucional ad intra dunha nación. O nacionalista, nas súas diversas expresions locais/globais, dende as extremas-dereitas más racistas e xenófobas, o ultra-liberalismo populista de extremo-centro, as variantes liberal-demócratas e socialdemócratas de corte institucionalista-estatalista – todas, en calqueira caso, moi asimiladas ao capitalismo coma totalidade sistémica, mais con diferentes estratexias retóricas que, por cálculo electoral, chegan mesmo a solaparse -, é outra cousa. Preciso é seguir matizando e recalcar que tamén admite outras expresions en guerrillas armadas de liberación nacional e en movimentos sociais ou frontes populares de inspiración anti-colonial que logran – ou non – resolver as contradiccions internas entre o seu polo anti-capitalista e o seu polo liberal-modernizador, decantándose co tempo máis cara unha enerxía ou outra e asimilándose co tempo máis ou menos ás canles institucionais de negociación dos hiper-burocratizados estados modernos.

Dito – e escrito – isto, continúo : no mesmo artigo recálcase que tanto o PSG-PSOE coma o BNG como En Marea coinciden – retórico-legalmente, cando menos – na aposta por unha política internacional propia que tería o seu inspirador precedente retórico-legal na chamada lei de acción exterior do ano 2014 : 35 anos pasaron xa dende a flamante transición tutelada pola CIA e Washington, co consentimento e colaboración cómplice da tecnocracia e a intelectualidade da provincia de Madrid - e non me pregunten a min sobre a veracidade empírica deste enunciado, senon a Alfredo Grimaldos e ao seu interesantísimo aínda que esquecido traballo documental-político sobre a materia – e non deixa de resultar cómico ver cómo os mesmos partidos que andan a repartirse coiteladas entre sí para facerse co executivo persisten na pauta de conducta de pretender en solitario unha maioría social e política que despraze ao seu eterno inimigo común : reafirmarse retóricamente sinalando a un inimigo, é fácil abondo, sobre todo cando está estructuralmente podre de corrupción. Gañarlle a batalla, xa é fariña doutro costal – e perdoen por tan castelá expresión -.

En rigor, nada novo no horizonte. A forma partido, na súa estructura e cultura organizativa clásica, tradicional, segue acelerando a súa rotunda decadencia, mais os cargos electos dende as súas mesmas plataformas seguen comportándose coma se unha representatividade real entre demos e administración estatal fose posible sinxelamente a través das canles de acción político-administrativa dos mesmos. O único ton propositivo con substancia que aperece no artigo vén do caletre de Joam Lopes Facal quen, textualmente, apela a “Superar dunha vez o complexo madrileñista que atenaza a actividade exterior da política económica galega”. O exemplo-espello proposto, máis adiante menciónase, é nesta ocasión o País Vasco. Así que xa temos na interminable galería de espellos da imaxinación política galega, e en lista de espera, coma de costume, ao lander alemán de Baviera e ao País Vasco, para o tratamento do noso crónico estado carencial de política internacional. E a cousa segue : outro economista, Albino Prada, aposta por “Unha abordaxe seria e profesionalizada das complementariedades económicas da cooperación Galiza-Portugal” que “conceda o máximo rango político e simbólico – cos símbolos topamos, amigo Sancho – ás relacions da xunta co goberno Portugués”. Así pois, caro lector, do land alemán de Baviera ao País Vasco, e do País Vasco a Portugal, non sen recalcar o horizonte estratéxico con este último que consistiría nunha “estratexia de medio prazo con mellora das comunicacions ferroviarias Vigo-porto e unha axencia de cooperación no ámbito portuario e aeroportuario” - ¡Probando, probando, ¿u-la Galiza interior que fica més enllá desa terra de maná e mel chamada Eixo Atlántico? -, sen esquecer tamén a receita de Joam Facal, a saber, “asumir o papel decisivo das relacions transfonterizas en materia de intercambios comerciais e de capital” - ¡Probando, probando, u-la variable traballo nesta lóxica de intercambio comercial e de capital nas relacions Galiza-Portugal? -.

Honestamente : o que a min, persoalmente, pareceume sempre erótico, atractivo, do reintegracionismo lingüístico-cultural con Portugal vai més enllá da toalla de Teresa Moure e implica a necesidade de ir máis alá do filoloxismo, do culturalismo e do economicismo. Dito dun modo sinxelo : a re-integración lingüístico-ortográfica non pode ser un fin en sí mesmo, senon un medio circunstancial, epocal, que permite a Galiza e á comunidade internacional de países lusófonos que, a un lado e a outro da fronteira político-administrativa histórica e político-confesionalmente construída entre o estado español e portugués, exista un código escrito de mínimos que faga fluir a información e a comunicación entre seres pensantes e sentintes que, doutro xeito, permaneceriamos no máis estricto silencio, illamento e descoñecemento recíproco. Falamos da activación e o intercambio de memes informativos en tódolos campos : social, cultural, político, económico-empresarial, universitario e científico. Romper esta fronteira invisible, mental, é algo que, por unha banda, dende un punto de vista pragmático, convén ás elites económico-financeiras a ambos lados da fronteira. Porén, a ruptura desta fronteira tamén lles causa certo pánico, posto que non convén en absoluto a emerxencia dunha conciencia de clase e nacional tecida, progresiva e recíprocamente, tanto ad intra, na Galiza realmente existente, como ad extra, no espazo xeo-estratéxico e informativo lusófono, e que non podería ter coma resultado outra cousa que unha grande-picola matria chamada Galiza en proceso de robustecemento da súa identidade social, cultural e política até o punto de sentirse dona de sí e reclamar o que, en rigor, co dereito internacional en man, pode reclamar : o dereito á súa libre-determinación.

Poden estar tranquilas as elites dámbolos lados da fronteira porque aínda – digo aínda porque os nunca son indemostrables - non existe predisposición, desexo socializado, para a asunción de tal horizonte. Quenes reclamamos tal dereito cun plan de emerxencia integrado para auto-rescatarnos da dictadura institucionalizada da débeda soberana e as súas consecuencias, estamos en franca, radical e marxinal minoría. Quenes o reclaman en abstracto, coma mero instrumento político-xurídico de modernización e democratización contra un estado hiper-burocratizado e ineficaz para xestionar a nosa vida civil, económica, cultural e política, non teñen consentimento nin hexemonía suficiente para activar tales enerxías. O problema existe from the top to behind, e viceversa, e ten un carácter profundamente pedagóxico-cultural.

En calqueira caso, é evidente que, tamén dentro da Galiza, quen fai referencia ao dereito de libre-determinación pode agochar e, de xeito, agocha, modelos de sociedade radicalmenie incompatibles. Que os plebeos se auto-determinen para pronunciar un STOP ás consecuencias económicas, fiscais, laborais e ecolóxicas localizadas dun desarrollismo que non respeta os mínimos fundamentais do dereito laboral nin tampouco os límites relativos aos efectos eco-sistémicos dalgunhas actividades extractivas – e especulativas -, non significa, de ningún modo, o mesmo que un proceso de libre-determinación que se propoña sinxelamente a descentralización meramente horizontal da actividade político-administrativa do estado. Azorando, coma sempre, os sentimentos máis primarios das masas, e utilizando, coma sempre, a política do símbolo e a bandeira.

Mudemos de escenario e vaiamos de Galiza a Israel :

“As Pontes están construídas e nós mesmos estamos abertos a ideas e inversions”. Así, textualmente, expresaba Don Núñez Feijoo o resultado da súa polémica visita a Israel. Unha veintena de empresarios, directivos de clústeres e persoal de centros tecnolóxicos, segundo A Voz de Galicia, conformaron o exército diplomático, por así dicilo, do actual presidente da autonomía (¿) galega. Miren por onde, aquí teñen vostedes a resposta realista a cal é a política de acción exterior da Xunta. Feijoo non precisa a diplomáticos de carreira para canalizar a estructurar a política internacional de Galicia, non. Sinxelamente, xa os ten. Saenlle gratis e, ademáis, deixase asesorar moi ben por eles.

Cal é o modelo de política exterior do neo-conservadorismo galego, é evidente e pode inferirse do propio modelo empresarial no que éste proxecta o hipotético futuro de maná tecnolóxico-empresarial que traerá meles de prosperidade para Galiza. Tres días, exactamente, durou a visita do noso presidente; o último foi adicado a visitar un foro internacional chamado Our Crowd Global Investor Summit - http://summit.ourcrowd.com/  -, foro que logrou reunir a uns sete mil visitantes radicalmente abducidos polo turbo-capitalismo anglosaxón cada vez máis inzado de I-D-I high tech como carente de seres humanos nos seus procesos produtivos.

A mesaxe institucional do noso presidente foi clara e contundente despois da visita : - “Calqueira empresa que queira asentarse en Galicia, que precise financiamento, capital risco, axudas e incentivos da administración, ten á súa disposición á xunta”. ¿Ficaralles claro agora aos incrédulos e pusilánimes dalgún ecosistema político-cultural oficial de Galicia o que significan, a efectos prácticos, conceptos coma imperialismo-cultural-globalizado?. ¿Ficaralles claro cales serán as consecuencias ecolóxicas e humanas da adopción deste modelo?. Quizais a administración xeral do estado e os seus convenios bilaterais firmados co estado de Israel non teñen nada que ver na viaxe de Feijoo. Corramos un tupido veo. Quizais a sumisión de todo o corpo político-administrativo da xunta de Galicia ás políticas de desarrollo tecnolóxico-empresarial non teñen nada que ver tampouco. Corramos outro tupido veo. Ao fin e ao cabo xa non existe, nin capitalismo, nin imperio, nin imperialismo, e se existen, non afectan a Galicia, nin a España, nin a Europa ni ao resto de realidades extra-continentales més enllá de occidente, porque a vida é un soño, e os soños, soños son.

Declaracions coma “a intención da Xunta é tratar de trasladar a Galicia esta filosofía” creo que non deixan lugar a ningunha ambiguedade interpretativa. Tal intención aposenta a súa raigame nunha visión neo-totalitaria da sociedade do porvir segundo os cánones do sionismo ultraortodoxo : unha sociedade na que, textualmente, en palabras do noso presidente, “as empresas, os centros de coñecimento – privados, por suposto -, as universidades e a administración van da man”. Tódalas formas de vida e conciencia humana ou non-humana que existan ou pretendan desenvolverse en dirección contraria ao violentísimo despregue cara adiante da agresiva i-lóxica do capital financiero e do seu inhumano modelo empresarial intensivo en alta tecnoloxía e desprovisto de man de obra humana, entran dentro da categoría de infra ou sub-humanidade, de humanidade rexeitable, coma a merda sobrante no disco duro dun computador, mais non a golpe de teclado, senon a golpe de regulación na lexislación civil, penal, fiscal e laboral, adubiada con eufemismos técnicos que non verbalicen a intención profunda de abandoar nas marxes a calqueira ser que non logre integrarse nas formas e condicions de traballo actualmente cristalizadas.

Como ben expresou na cámara da Xunta monsieur Alfonso Rueda, mentras monsieur Feijoo e o seu exército de diplomáticos volvían a Galiza despois da súa visita a Israel, quizais deberamos viaxar máis para aprender máis” en troques de protestar tanto. Non lle falta razón a monsieur tendo en conta que a eterna oposición e os eternos opositores, na Galiza, teñen máis cultura de oposición que vontade de goberno. Con todo, quizais deberan vostedes abrir os ollos e respirar o sangue da violenta carnicería colonial institucionalizada que os pro-homes aos que vostedes visitaron recentemente están financiando nestes momento polo vostedes chamado modélico estado de Israel. Quizais deberán vostedes reflexionar sobre qué é realmente o que vostedes aprenderon – sic – na súa viaxe para chegar aquí, de novo, á terra dos mil ríos, á terra que lles viu nascer e que lles deu de comer, e non molestarse sequera en preguntar ás xentes que pagamos os seus soldos de parlamentarios qué opinión nos merece o modelo empresarial no que os nosos fillos traballarán no futuro. Quizais, quen sabe, deberían mirarse ao espello e preguntarse en qué medida non se merecerán vostedes un desterro perpetuo ou un asalto ao palacio de inverno, en troques dunha benvida.

Se Núñez Feijoo e Mariano Rajoy, hoxe, coma Manuel Fraga e Xosé María Aznar, onte. Se, resumindo, todo o opusdeísmo histórico, no político e no confesional, que puxo as súas sucias mans neste país e en toda a península despois da transición, reconvertindo o seu pasado fascista en neo-totalitarios do mercado auto-designados coma demócratas de toda a vida. Se a mafia máis necia, ignorante, hipócrita, puritana e corrupta que nunca pisou esta península na súa historia contemporánea non tivese máis ollos, máis orellas, máis cerebro, máis corazón e máis brazos que a vontade de acumular poder con calqueira medio, por calqueira medio e a costa de calqueira consecuencia, quizais, quen sabe, deixaríamos aconsellarnos por eles en materia de política internacional.

Mentras tanto, se non lles molesta, seguimos sendo libres de sentir e expresar o máis intenso e sereno dos desprezos por vostedes. Pode que do mesmo xurdan, algún día, propostas alternativas en troques de dramáticas propostas. Custa tempo, paciencia e moita resiliencia clausurar unha civilización podre para construir outra sobre outras bases.

Nin temos présa, nin queremos pasar á historia.

Publicidade

 

Acerca de Diogo Tabuada