0 Gardados para despois

Xesús Veiga

23F de 1981: A debilidade conxénita da democracia española

No exercicio de memoria histórica que se fai, habitualmente, nos aniversarios do 23-F, abondan as preguntas sobre o lugar no que se atopaban ou o labor no que se ocupaban distintos persoeiros da vida pública e apenas se formulan interrogantes sobre o nivel de coherencia discursiva que mantiveron os protagonistas mais directos e os seus sucesores.

A entrada de Tejero no Congreso dos Deputados e as graves incertezas vividas nas horas posteriores foron os contrapuntos dramáticos á verbalización que se repetía dende todos os grupos parlamentares daquel momento a respecto da consolidación indiscutíbel do pacto político que presidira a transición dende o franquismo ao réxime constitucional. Para todas as persoas que manifestabamos abertamente o noso escepticismo, fundamentado nas serias hipotecas derivadas da evidente presenza de franquistas confesos nos aparatos militar, policial e xudicial, o relato dominante non deixaba marxes para a dúbida crítica: as tensións golpistas eran cualificadas de moi minoritarias, todo se desenvolvía seguindo o guión establecido durante o bienio 1976-1977 e calquera outra consideración só expresaba a frustración daqueles sectores políticos que defenderamos o programa da ruptura democrática e ficaramos fora do taboleiro parlamentar.

O repaso do sucedido naquela xornada singular non deixa lugar a moitas especulacións:a democracia española tiña unha debilidade notábel por mor do proceso seguido na súa xestación. PSOE e PCE tiñan apostado todo a unha carta: que o Rei e a UCD foran os garantes dunha tolerancia pasiva dos mandos militares. A grande maioría da sociedade cría –ou necesitaba crer- o que lle dicían Adolfo Suárez, Felipe González e Santiago Carrillo: que os xefes do Exército aceitaban a lóxica democrática e non ían repetir as vellas prácticas que eles mesmos e os seus antecesores protagonizaran na primeira metade do século XX. Por iso non existiu unha resposta inmediata nas rúas. A sorpresa e o medo provocaron un efecto paralizante que reforzou indirectamente a exhibición disuasoria promovida por Milans na noite valenciana. Quen diga agora que todo estivo controlado e faga da necesaria –por inevitábel- pasividade cidadá a virtude dunha presunta madurez democrática do corpo social confunde a realidade cos seus desexos e conta a historia do final feliz que case todo o mundo gosta de transmitir aos seus descendentes.

O 23-F fracasou na consecución dos seus obxectivos inmediatos mais propiciou o nacemento dun novo escenario político caracterizado por un clima de maior conservadorismo e por unha notábel recentralización, materializada na LOAPA.

O suicidio da UCD –derivado das súas loitas autodestrutivas- permitiu o triunfo espectacular de Felipe González e a correlativa marxinación parlamentaria do PCE. No outono de 1982, sobre as cinzas de Suárez e Carrillo, tomaba corpo o bipartidismo que nos ía acompañar até decembro de 2015.

Publicidade

Acerca de Xesús Veiga

Economista