0 Gardados para despois

Xaime Subiela

As oito diferenzas

Ata agora as noticias sobre o nacionalismo tratáronse como política ou sucesos, e igual xa toca falar desde a sección dos pasatempos. Un divertimento clásico de algúns xornais consiste en buscar as diferenzas entre dous debuxos case iguais, pero que non o son de todo, un ben coñecido é "Los 8 errores". Neste artigo vou procurar as diferenzas entre o ámbito do nacionalismo de matriz UPG, agora por extensión BNG, e o que pode(ría) ser a nova iniciativa que está emerxendo; tanto os elementos caracterizadores como os prexuízos que se proxectan sobre o nacionalismo realmente existente, unha imaxe que  foi callando en boa parte da sociedade e a que contribuímos con empeño as/os propias/os nacionalistas.

A inmensa maioría da xente nacionalista e de esquerda está farta de que proxecten sobre ela estes prexuízos, e tamén de verse envolvida en lóxicas que non lle gustan nin comparte pero en moitos casos alimenta. Para moitas persoas e prácticas do BNG estes comentarios son moi inxustos, pero ao meu xuízo impregnan parte desa cultura e operan como lóxicas que se sobrepoñen á vontade da maioría das súas/seus protagonistas; moita xente ve con receo o nacionalismo por estes motivos. Isto non é un axuste de contas co pasado propio, máis ben é unha advertencia para que as supostamente novas iniciativas non rematen por seren o mesmo do que foxen. A socialización política na que nos formamos a maioría deixou unha impronta que non somos quen de superar. O dito, non ten que ver só co BNG, como dí o refrán: dígocho filla, enténdemo nora.

Pódese dar o paradoxo de que as diferenzas sexan moi grandes e os seus programas políticos coincidan en boa medida. A devaluación dos programas ten que ver coa consciencia de incumprimento, o asunto non é o que pon o papel senón a credibilidade de que se vai chegar a facer e que o conxunto é coherente. As diferenzas non virán por este lado, senón na forma de comprender o político e o social, teñen que ver co discurso, como se comunica e se relaciona coa cidadanía, e moito coa práctica, a posición ante a xente para construír en común e facela partícipes dun proxecto, anticipar o que demandamos para a sociedade. Vamos ver algúns.

1- Reducir o mundo á nación, a nación ao galeguismo, o galeguismo á organización...

Hai certa forma de comprender o nacionalismo como desconexión, como illamento. A corrente central sempre comprendeu o galeguismo como un xeito propio de abrirse ao mundo, de situar a súa nación no planeta, estando en sintonía cos movementos máis avanzados de cada época. Pero tamén houbo quen alentou unha sorte de provincianismo nacional, confundindo o endóxeno co autorreferencial. O certo é que unha parte importante da sociedade acabou por vernos así, como se o nacionalismo fose unha ideoloxía limitante. Cando desde o Partido Popular lanzan estas insidias, oféndennos porque sabemos que son eles os provincianos, pero dóenos tamén porque sabemos que moita xente pensa o mesmo.

O nacionalismo debe ser todo o contrario ao illacionismo, non estamos contra os vínculos, senón contra as relacións que nos empobrecen, nos dominan ou nos fan subalternos, comprendendo ao noso país como un suxeito colectivo. Porque somos unha nación expandida, sempre o fomos pola emigración e hoxe por sorte ou por desgraza trasladamos a dispersión das nosas aldeas á parroquia global. Preocupámonos polo mundo, estamos no mundo e queremos abordar os problemas dos cidadáns/as de Galiza con perspectiva propia en clave internacional e mentalidade de rede, facendo propios os movementos de emancipación da humanidade. Somos unha nación aberta ao mundo.

2- Dogmas

Outra das proxeccións que pesa sobre unha parte do nacionalismo e da esquerda é a súa consideración como dogmáticas, verdades reveladas. Unha visión da historia coñecedora do que vai acontecer no futuro dunha sociedade reconciliada, o pobo galego ou a humanidade consigo mesma. Se xa sabemos o que vai pasar os humanos somos figurantes dun guión prefixado, podémolo favorecer máis ou menos, pero vai suceder, e o resto das posicións son equivocadas. Cando alguén está en posesión da verdade a democracia está de máis. Non é superable a diverxencia de ideas, de valores, de percepcións, uns están errados e outros non.

Precisamos principios na política, un ideario honesto que nos permita mirar aos ollos aos cidadáns/as e con ambición do cambiar as cousas

O paraíso, a sociedade sen conflitos, non existe nin pode existir, pero é unha tentación forte procuralo. Calquera ideario pode ser dogmático: o neoliberalismo, o galeguismo, a socialdemocracia ou o altermundismo. Calquera idea liberadora pode constituírse en relixión, moitas seitas están fundadas en idearios supostamente antidogmáticos, nin sequera a moderación exime desta lacra.
A crítica razoable ao dogmatismo, e mesmo aos grandes relatos, non debera conducirnos a "tirar a nena co balde da auga sucia". Precisamos principios na política, un ideario honesto que nos permita mirar aos ollos aos cidadáns/as e con ambición do cambiar as cousas, a liberdade, a igualdade, a fraternidade, o autogoberno, a democracia, a construción dunha nación. Ideas fortes mobilizadoras que teñan conexión coa vida da xente e permiten extraer o máis digno que temos como humanos e a capacidade de facer en común. Os dogmas combátense con mente aberta, pero tamén tendo unha concepción laica das nosas ideas.

3- Control do aparato.

Asociado ao dogma está o comportamento sectario, se a verdade está do meu lado, se os meus son o nexo entre o pasado e o final da historia, está claro que todo vale. As crenzas indiscutibles non teñen discusión, son acríticas por definición, é cuestión de fe; pero o caso é que sempre teñen interpretes que nolas fan chegar. Seica cando Moisés baixou do Sinaí houbo quen lle recriminou "Mira, pero é a túa letra". A cuestión non son só os dogmas, son os dogmatismos, os dogmáticos e o aparato de poder discursivo e material asociado.

Digámolo de forma máis recoñecible, o ideario ríxido, da UPG e outras organizacións, cumpre a funcionalidade mobilizadora dos propios -administran esencias e fundamentos- pero tamén é un aparato de control. No seu momento o guerrismo no PSOE conxugaba esquerdismo discursivo e control de aparato, podían desenvolver políticas antitéticas e convivir baixo esa etiqueta Rodríguez Ibarra e Paco Vázquez. É a ideoloxía como unha mistificación da realidade para que sexan eficaces os mecanismos de fidelidade, non tanto ás ideas canto aos ideólogos. A quen determina o recto camiño e administra os certificados de autenticidade, non sei se lle preocupa o destino, pero si que os camiñantes vaian polo carreiro. Non debemos despistar o foco de atención organizativo.

Un aparato de control organizativo e de entidades sociais tan eficaz é unha combinación dun ideario forte, militancia disciplinada pero tamén da xeración dun tramado de intereses. Moitas das cousas que están sucedendo non se comprenderían senón introducimos a clave das burocracias internas. O relato propio autoxustificativo pode parecer fundamentalista pero ofrécelle unha dignidade que ennobrece a maquinaria de poder. Non se precisa ler a Maquiavelo para saber que a guerra de poder é constitutiva da política, pero pódese facer de xeito máis ou menos transparente ou democrático.

A lóxica de control non se limita ao ámbito interno, nas organizacións de fóra a tendencia ao control e instrumentalización fai máis descarnada as relacións cos movementos sociais. Calquera que lea este artigo viviu nas súas proximidades episodios de utilización e control de organizacións sociais, e da súa catalogación afectiva en función de se eran das nosas e se eran controlables. 

4- Democracia de baixa intensidade.

Un paradoxo dos sistemas democráticos é ver como os partidos son elementos clave para o seu funcionamento e ao mesmo tempo funcionan con lóxicas que son escasamente democráticas. É un mal xeneralizado, non pensemos que esta práctica é patrimonio UPG, pero parte da historia do Bloque está lastrada por esta democracia de baixa intensidade, xogos de maiorías e minorías, vividos como: adversario o PP/PSOE, inimigo o interno. As formas de control con apariencia democrática son unha impronta bastante xeneralizada na nosa cultura política, hai versión máis perversas, un Gatopardo 2.0: cambiemos todo facendo partícipe a todo mundo, para que todo continúe igual. Todo o poder para os soviets, que xa os controlo eu. A adulteración do basismo e asemblearismo é unha práctica estendida na esquerda, os receos dos "formalismos democráticos" conducen por veces a tirar a democracia coas formalidades. A democracia é un proceso sen fin, de continua democratización da democracia. Penso que nos debemos preocupar de que os nosos procesos sexan participativos, deliberativos e inclusivos, espazos abertos e amables para facer en común. Demostrar que dentro facemos o que propoñemos para a sociedade, como exemplo e como motor de ilusión para quen participa.

5- Universos paralelos.

O mundo do nacionalismo contemporáneo tendeu a crear unha cultura propia, bastante autoreferencial e bastante recoñecible desde fora. Gustos, temáticas, referencias, estilos de vida, xeitos de falar identificables de maneira particular, e un universo política propio que non interacciona demasiado co conxunto da sociedade. É como se fósemos unha comunidade elixida para salvar un pobo, que se recoñece entre si. Ten algo de ridículo e moito de certo o feito de que nos concibamos como a comunidade sobre a que asenta a emerxencia da nación, pero iso non debería conducir ao mesianismo. Unha idea que subxace a algúns postulados é que a maior parte do pobo está alienado, somos nós quen temos consciencia da situación e temos a misión histórica de despertalo do seu sono. Isto non promove relacións moi igualitarias e democráticas, pensar que as únicas persoas non alienadas somos as nacionalistas (ou a esquerda), converte o noso cometido en procurar que toda a cidadanía tome consciencia, é dicir, alcance a nosa posición. Se o pobo está alienado/colonizado non ten vontade autónoma, non pensa nin actúa conforme a un criterio propio, polo tanto a democracia non serve ata que sexan plenamente conscientes. Na versión nacional o autoodio sería un concepto que condensa parte de isto.

De pouco serve que haxa outros procedementos democraticos que melloren a representación ou empoderen á cidadanía, o problema de fondo é que a xente quere cousas equivocadas

De pouco serve que haxa outros procedementos democraticos que melloren a representación ou empoderen á cidadanía, o problema de fondo é que a xente quere cousas equivocadas. Por suposto, eu non penso que todo o mundo teña a mesmo nivel de consciencia, pero desde logo tampouco que o único non alienado sexa eu. Paréceme bastante san nunha forza política que pense nos acertos e desacertos propios cando non acada maiores apoios, ou non avanza nos resultados, non unicamente nas conspiracións externas e nas incapacidades do propio electorado. E desde logo, non mido o nivel de consciencia da humanidade na súa coincidencia coas miñas ideas, nin me atrevo a dicir que eu estea máis ou menos alienado que a maioría da poboación.

6- A política como prédica.

Boa parte da actuación política "tradicional" parte dunha concepción pasiva da cidadanía e unidireccional da política. O ciclo susténtase na participación activa a través do sufraxio que lexitima o conxunto, o cal está moi ben pero non esgota o campo democrático. Un voto cada catro anos pon a funcionar a maquinaria representativa e executiva de acción pública, onde os/as cidadáns/ás pasan despois a modo pasivo, como usuario/a, administrado/a, e non tanto como conformadores da vontade democrática e responsables do común. Se a esta concepción tradicional e pasiva da política lle engadimos que a verdade está do noso lado, temos como obxectivo convencer á humanidade da evidencia que ti predicas; o retorno non se precisa, a cuestión é sumar militantes, simpatizantes, votos. O noso cometido é achegar a boa nova e tamén reñerlle ás cidadás/ns cando non se comportan do xeito adecuado.

Incluso a concepción da política como mercado electoral precisa unha adaptación da oferta para aumentar no posible a demanda, o marketing aliméntase do coñecemento dos potenciais clientes/votantes para maximizar a oferta electoral. É dicir, ten un fluxo de duplo sentido para saber a quen te dirixes e afinar candidatos, mensaxe, políticas, etc. Xa non digamos unha idea máis participativa e republicana da democracia que lle dea un papel activo á cidadanía. Un proxecto político debería atender tanto á liña descendente: comunicar e chegar á sociedade, canto á ascendente: ver como a sociedade, os/as votantes, a súa base social, a súa militancia se implica na construción das propostas e na acción da formación. Desde a miña perspectiva a apertura da organización significa perder o control pero gañar capacidade de influencia.

7- Militantes como soldados

Do mesmo xeito que se ten unha concepción pasiva da cidadanía tamén se concibe así aos efectivos propios. A militancia pénsase como a axentes que operan na orde descendente, no que o seu  cometido central é facer chegar unha mensaxe homoxénea á sociedade. Ten moito menos relevancia a construción ascendente e a participación da xente implicada na conformación da vontade común. As/os participantes non deberían interpretarse só como músculo, máis como pel, fígado, corazón e cerebro do corpo colectivo. Unha organización intelixente que implica á súa xente na xeración de ideas e na relación coa sociedade, e permite que aprenda e interactue co contexto. A metáfora do corpo non é moito mellor que a maquinaria organizativa, pero pretende subliñar a importancia da intelixencia e a vontade na bondade organizativa; e que todas/os somos neuronas, poros, glóbulos vermellos... células constitutivas.

O que se percibe de forma negativa pola maioría da sociedade funciona como unha fortaleza enorme para gañar asembleas ou facer unha campaña

A apelación transcendente das seitas é enormemente motivadora. O que se percibe de forma negativa pola maioría da sociedade funciona como unha fortaleza enorme para gañar asembleas ou facer unha campaña. Non valerá para seducir, incluír, integrar, pero si para mobilizar aos próximos e transmitir socialmente a idea de constancia. "Sempre están aí, son sempre os mesmos, cuadriculados... o que queiras, pero están aí". O que limita tamén sostén. Eu penso que hai ideas e xeitos de convivir tan motivadores, e desde logo máis valiosos para quen participa. Trátase de que a participación sexa ilusionante non por fanatismo nin por prebendas, senón por ambición social e por colaborar nun espazo amable que facilita a implicación, sentindo o seu nexo e a súa efectividade no mundo de afora.

8- Duplo discurso.

As palabras mesiánicas non sempre son apreciadas pola cidadanía. Cando as ideas propias son exóticas a ollos da sociedade, hai que procurar un discurso que non provoque rexeitamento. Faise preciso establecer unha interface, unha pantalla que permita acceder a colectivos amplos. Hai moitos anos que o BNG di cousas moi sensatas nos seus programas, pero que Iavé os libre de que o seu/a súa votante medio coñeza moitos debates e textos internos. O que se dá en chamar programa oculto responde a isto, cando os obxectivos últimos non son confesables, establécese un duplo nivel de linguaxe, un interno para adeptos ou iniciados, e outro para poder conectar co grande público.

Calquera organización ten que modular as súas demandas, non se pode confundir o que se aspira a curto prazo coa ambición de transformación de longo percorrido

Calquera organización ten que modular as súas demandas, non se pode confundir o que se aspira a curto prazo coa ambición de transformación de longo percorrido. Pero a nosa ambición non debe ser vergonzante, porque o que queremos debera ser accesible e apreciado pola maioría social. Entendo que -como en Blade Runner- hai xente que "viu cousas que vós non creriades: Atacar naves en chamas máis alá de Orión", cousas que poden ser reais e parecer de iluminados. É posible. Pero eu penso que debemos ser accesibles, empatizar coas persoas, interaccionar de forma continua coa sociedade, ser unha organización que aprende; pode ser que digamos cousas diferentes en momentos distinto pero non se verá como un programa oculto senón como unha ambición modulada.

O parecido pode ser completamente distinto

Moitas das cousas que aquí se din foron (e poden ser) lastres que impediron o avance do nacionalismo e da esquerda. Creo que agora son ameazas para a nova iniciativa (Anova e Compromiso). Ensaiar outras maneiras de facer e convivir, e de implicar á sociedade serán claves na reconsideración social do proxecto, o que parece semellante poda percibirse e ser unha cousa diferente. Durante a década dos 80 o PP de Fraga estaba situado nos 5 millóns de votos e o 25% a nivel español, en poucos anos, no 1996, situouse en torno aos 10 millóns de votos. Que sucedeu? pois que pasou de percibirse como un residuo do Franquismo, algo trasnoitado, nunha forza de alternancia asimilable a outras dereitas europeas, rexeneracionista, eficaz para crear emprego, hoxe pode parecernos cándido pero é así. Non mudou moito o programa, nin o seu ideario, nin a súa xente, pero todo era distinto. O exemplo é susceptible de ser malinterpretado (continúan sendo o mesmo, fan que cambie para que todo siga igual, etc); a intención é facer ver como certos cambios na forma de actuar, comunicar, relacionarse... dun referente político poden permitir que se reformule a súa percepción e valoración por parte da cidadanía (e dos/as propios/as membros). A nova iniciativa precisa, en palabras de Manuel M. Barreiro, marcar a diferenza en vez de diferenzar a marca (se ben agora xa precisamos ser identificables pola sociedade). O noso obxectivo non debe ser retornar a un momento idílico inexistente, senón construír coas ferramentas de hoxe para os problemas de hoxe, e sobre todo que poda xerar esperanza, confianza nas capacidades. Algo crible para a sociedade porque nós o cremos, e facemos participe do proxecto compartido a unha parte ampla da cidadanía.

Parte da cultura do Bloque veu coas persoas que iniciamos a nova andaina. O bo (que é moito) e o malo traémolo con nós.

Parte da cultura do Bloque veu coas persoas que iniciamos a nova andaina. O bo (que é moito) e o malo traémolo con nós. A lóxica de competición entre grupos asentou dentro, e eu non acabo de ver iso dos "vicios privados" como "virtudes públicas", que os egoísmos dos grupos sexan bos para o conxunto. Instalamos a desconfianza xeneralizada e despregamos as intrigas clásicas deste mundo. Queremos abrirnos á maioría social, construír algo de base cidadá, artellar un movemento/ organización de amplo espectro, e non somos capaces de entendernos no básico.

Con todo o respecto, non conseguimos aínda romper a lóxica dos partidos tradicionais e a súa relación coa cidadanía. Para min o radical é ser capaz de sintonizar coa sociedade e constituír algo aberto á grande maioría social e non só aos iniciados. Este é un percorrido que apenas fixo ninguén, houbo tentativas, algunha vontade, máis continuamos nun debate bastante para dentro. Somos unha expectativa da que, polo momento, apenas se sabe nada, falamos entre nós e non nos entendemos, tentamos recompoñer as proximidades e non nos botamos á praza aberta; de momento partindo da grande expectación e esperanza inicial temos confusión e perplexidade. Podemos ser algo diferente pero hai que demostralo.

Confluencia como claudicación

Non sei como chegamos a este punto (ou si) pero carece de sentido que alguén poda ver a confluencia Anova e Compromiso como unha cesión, como unha perda nesta carreira. Temos a certeza de que ir sós ás eleccións galegas sería un suicidio para ambos, camiño certo cara a irrelevancia social e política. A dinámica de competición retroaliméntase e, sendo contraria á vontade maioritaria das persoas de ambas forzas, ten difícil saída. A confianza sempre é fráxil e difícil de xerar, cando racha non é fácil de recompoñer. Cómpre un suplemento de vontade, recuperar o espírito construtivo e ilusionante de hai uns meses, e acordar uns mínimos procedementos validos para todos/as para falar, a ver se somos capaces de desbloquear a situación. Hai moito que desaprender, abrir a mente, ser xenerosas/os e exercitar a fraternidade activa. Temos que salvarnos nós mesmos/as.

Non acabo de comprender o debate que contrapón organización e movemento, penso que precisamos unha estrutura fluída, porosa, integradora, pero estrutura

Non acabo de comprender o debate que contrapón organización e movemento, penso que precisamos unha estrutura fluída, porosa, integradora, pero estrutura; e temos que ser movemento ir máis alá da suma das persoas que nos apuntamos nun papel ou asistimos a un acto, desbordar as organizacións e penetrar internamente para superar as lóxicas tradicionais dos partidos. Están de actualidade a metáforas da física, pois eu penso que a nova iniciativa debe comprenderse nos termos misteriosos da física cuántica como onda-partícula, igual que a luz temos esa dupla natureza, depende de como fagamos a observación. Precisamos unha organización que non sexa un fetiche que se autoreproduce, nin un movemento que se dilúe e non permanece. Unha iniciativa que pensa máis alá de si mesma, capaz de sintonizar e relacionarse cos movementos e o dinamismo civil na súa pluralidade, para escoitar e apoiar.

Son diversas as vías cara a irrelevancia social e política: (a) camiñar por separado e ofrecerlle a sociedade a confusión de forzas moi claras, ninguén o entende pero é coherente, (b) crear un partido de corte clásico no momento do seu ocaso, (c) conformar unha opción de centro cando non é apreciada, nin crible, e a sociedade está escorando cara a esquerda, (d) crear un polo de forzas independentistas, perfectamente alleo ás inquietudes da maioría social, (e) desprezar a concorrencia electoral e a acción pública, e que a sociedade desconsidere a nosa alternativa cidadá, (f) ampliar a sectores da mesma matriz ideolóxica e escasa relevancia social, permanecendo alleos a boa parte da sociedade que mira para nós con vontade de colaborar para facer fronte á desfeita a que estamos asistindo. Son moitas as oportunidades e moitas as ameazas.

Fraternidade e indignación, alternativa para un tempo novo

A irritación e indignación social son enormes ante a burla e incapacidade dos gobernantes. Estou convencido de que existen poucos lugares na península coas oportunidades desta nova iniciativa para canalizar o malestar social. O novo contexto é de mudanzas e a sociedade demanda para si outro poder e outras ferramentas. Non se trata só de maximizar o electorado nacionalista de esquerda, é dicir, ensanchar os apoios de convencidos. Trátase de construír en común unha forza de base cidadá que defenda cousas tan revolucionarias como as incluídas nas cartas fundamentais dos Estados e tratados internacionais: soberanía popular, servizos públicos universais, Estado social e democrático de dereito, garantía de dereitos e liberdades públicas, traballo digno, igualdade de oportunidades efectiva, progresividade fiscal, participación cidadá no ben común, honradez na administración e nos cargos públicos: democracia.

A estrutura de oportunidade política actual anuncia unha recomposición do sistema de partidos e da forma de facer política. As forzas tradicionais (BNG, PSOE e IU incluídos) son vistas con receo por moita xente, hai demanda de algo distinto pero polo momento son estes os instrumentos existentes para combater a dereita de turno. A nova iniciativa debe constituírse nunha ferramenta útil no social e no político, capaz de tramar alianzas entre os sectores agredidos diante da ofensiva neoliberal, firme ante os retrocesos e o desmantelamento do Estado do Benestar. Pero ten que comprenderse tamén en positivo, a cuestión vai máis alá de derrotar (esta) dereita, trátase de xerar a alternativa da esperanza, demostrando que a política non é turnismo, que se pode facer outra cousa non só por cambiar aos gobernantes, mais porque confiamos nas capacidades do país e da xente, na implicación da cidadanía no común e no público e podemos facer outra cousa, desde a radicalidade de democrática, liberdade, igualdade e fraternidade. Irmáns, irmás, pódese facer outra cousa, todo o poder para a xente, trátase de ser demócratas.

Acerca de Xaime Subiela

Xaime Subiela naceu en Chantada, vive en Ames e ten dúas fillas. Politólogo, traballa como investigador social e consultor público en temas relacionados coa participación cidadá, planificación estratéxica, normalización lingüística, desenvolvemento urbano e coa cultura. É concelleiro de @AmesNovo e foi candidato @En_Marea. O seu labor profesional e escritos pódense consultar no blog https://xaimesubiela.wordpress.com/