0 Gardados para despois

Adolfo Naya

O test naxalita: unha razón máis para participar na folga do 8 de marzo

As mulleres traballadoras de medio mundo prepáranse para a folga do 8 de marzo para visibilizar a opresión, a explotación e a violencia sexual que sofren dia a dia neste sistema capitalista e patriarcal. En lugares como a India, as mulleres loitadoras, Dalits e Adivasis sofren brutalidades inimaxinables do Goberno fascista hinduísta do xenocida Modi.

Xa na obra Espectros do Capitalismo (2011), a recoñecida escritora Arundathi Roy estremécianos coa historia da activista e defensora das comunidades Adivasis en Bastar (Estado de Chhattisgarh), Soni Sori, a cal foi detida e torturada mentres estaba baixo custodia policial: “Introducíronselle pedras na vaxina para forzala a “confesar” que era un correo maoísta.”

Nun informe do 16 de xaneiro do 2016, a asociación Women against Sexual Violence and State Repression denunciaba ataques a numerosas mulleres mozas de Chhattisgarh  con idades comprendidas entre os 13 e os 30 anos. As súas blusas e os seus lunguis foran arrincados e esgazados en base ao denominado “test naxalita”. Baixo a premisa de que as mulleres que non están casadas son “naxalitas”, este “test” consiste en que os soldados collen ás mulleres mozas e lles apertan os seos e beliscan os pezóns para detectar si sae leite materna. Segundo estes, cando están casadas o leite  brota dos seus seos, e se non é así, as mulleres son detidas e acusadas de “naxalitas”.

En dito informe tómanse tamén testemuñas de mulleres que foron violadas polas forzas de seguridade, unha practica común nos contextos de loita contrainsurxente, tomando o corpo das mulleres como territorios de conquista, converténdose a violencia sexual nunha arma de guerra.

Ademais das violacións sexuais, outro caso paradigmático dá violencia sexual e do xenocidio que se realizan nos Estados Indios onde é aplicada a guerra contrainsurxente é a esterilización. A día de hoxe, no Estado de Chhattisgarh estanse a producir esterilizacións forzosas en “campos de esterilización”  contra as mulleres Adivasis.

Así como se fixo no Perú ou en Guatemala coas mulleres indíxenas, o Goberno indio está a aplicar a esterilización forzosa como forma de eliminación de determinadas comunidades Adivasis. Entre 2013 e 2014 realizáronse máis de 4 millóns de esterilizacións na India. No 2012, aproximadamente 7.000 mulleres no Estado de Chhattisgarh foron sometidas a operacións forzadas para sacar o útero. Aínda que durante un tempo o Goberno indio excluíu do programa de esterilización forzosa para o control da poboación a determinadas comunidades Adivasis, debido á  falta de nenas e nenos destas poboacións, no 2012 iniciouse de novo este programa a todas as comunidades Adivasis. 

Axencias como o Departamento de Desenvolvemento Internacional do Goberno británico, a Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID)  ou a  Fundación Bill Gates,  están a realizar tamén esterilizacións ás mulleres Dalits e Adivasis  no nome dá “planificación familiar”. Estas Axencias están implicadas nas mortes por esterilizacións masivas que tiveron lugar en varios Estados, Entre 2009 e 2012 morreron máis de 700 mulleres por estas prácticas. En 2014 a BBC informaba da morte en condicións brutais de 15 mulleres nun dos “campos de esterilización” en Chhattisgarh. Así mesmo, estas axencias, en conivencia con multinacionais farmacéuticas como Glaxo ou Merk, experimentan determinadas técnicas e métodos anticonceptivos con estas poboacións. A pesar de seren métodos rexeitados nos países de orixe destas axencias por non ser seguros para as mulleres, na India non teñen ningún problema en probalos, como denunciaba a activista Kavita Krishnan da Asociación de mulleres progresistas da India. 

Pero a pesar de todas estas atrocidades ás que son sometidas, as mulleres traballadoras na India non están dispostas a submisión e a aceptar unha sociedade patriarcal, clasista, racista e baixo un sistema de castas. As mulleres organízanse e loitan sen descanso contra toda esta violencia do Goberno fascista hinduísta da India e pola construción dunha nova sociedade.

Informes dos servizos de intelixencia do Goberno da india informan de que as mulleres compoñen o 60% da guerrilla naxalita en todas as súas estruturas, dende combatentes ate a dirección, dando un exemplo máis da capacidade organizativa e de loita das mulleres.

Na importante folga internacionalista das mulleres traballadoras, o 8 de Marzo estará tamén presente a solidariedade e recoñecemento da loita das mulleres traballadoras da India. Se nos tocan a unha, tócannos a todas.

Publicidade

Acerca de Adolfo Naya

Adolfo Naya é antropólogo social e sindicalista. Foi Secretario de Organización da CIG Servizos e membro do Consello Confederal da CIG. Vén de publicar un libro sobre a situación da India titulado: Operación “Cacería Verde” na India: As prácticas sociais xenocidas da estratexia de contrainsurxencia “Corazóns e Mentes"