'Fariña' nas bibliotecas universitarias

O recente secuestro cautelar do libro do xornalista Nacho Carretero, Fariña, ordenado pola xuíza Alejandra Pontana a instancias do ex-alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar, soaría a chanza de non ser un tema perigoso e preocupante. Tras a demanda presentada por Bea Gondar contra Carretero e a editorial Libros del K.O., a titular do xulgado de Collado Villalba (Madrid) tomou a drástica decisión de prohibir a impresión e comercialización de novos exemplares, nunha postura máis propia de tempos pasados ditatoriais e uniformadores. A señora Pontana –por certo, o seu nome apenas aparece nos medios de comunicación cando tratan a noticia– establece o criterio persoal de que debe e pode lerse neste país sen ter en conta que vivimos no século XXI, nun Estado teoricamente democrático e cunhas redes sociais e uns medios tecnolóxicos e informativos ao alcance de calquera persoa que queira asomarse á lectura do libro de Carretero. Entón, por que esa medida cautelar drástica? Ou é que falamos de avisos a navegantes? Coas sentenzas aos integrantes do grupo La Insurgencia ou ao rapeiro Valtonyc xa estabamos ben avisados.

Como traballador dunha biblioteca tiven curiosidade: hai exemplares de Fariña entre os fondos bibliográficos da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela? Claro que si e, ademais, dende o auto xudicial da señora xuíza a demanda pola lectura do libro é absoluta. Vexamos: a Biblioteca Concepción Arenal acubilla dous exemplares da súa primeira edición, 2015. Ambos están, no momento de redactar estas liñas, prestados a usuarios, ao tempo que catro reservas agardan pola devolución dos libros. No mesmo centro, un terceiro exemplar –este unha 9ª edición tirada o ano pasado – permanece a dispor de quen o solicite. En Lugo, na Biblioteca Intercentros, outra Fariña –a 5ª edición do 2016– está sendo lida por un particular mentres outras cinco reservas agardan pacientemente. Algo semellante observamos nas Bibliotecas Universitarias de Vigo (dous exemplares prestados e dúas reservas) e A Coruña (tres exemplares e catro peticións en cola).

Mais sexamos positivos: a decisión xudicial aínda non atinxe aos usuarios das bibliotecas. Que saibamos, non foi ditada unha orde para a entrega dunha listaxe cos nomes dos usuarios que ousaron solicitar en préstamo Fariña, nin tampouco sobre os demandantes de reservas dun exemplar. Por outro lado, polo de agora, o libro circula con liberdade polas bibliotecas, verdadeiras aldeas galas que, malia os recortes orzamentarios, continúan resistindo ao invasor romano-censor. E aos traballadores desas bibliotecas, perigosos distribuidores de coñecementos e información, moito coidado: poden estar colaborando in vigilando, Esperanza dixit, a propagar ideas, feitos e sucesos que non agradan ao poder establecido. Un poder que, no caso galego, debería deterse a ler Fariña, non si señor Feijoo?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.