0 Gardados para despois

Leticia Barbadillo

Ch,ch,cheinlles… (e nai en folga)

Hai tanto que non paso por aquí* que vou ter que presentarme. Cambiaron tantas cousas desde que non paso por aquí que pode que sexa outra. ¿E que cambiou?

Xa non teño ningún pequeno lactante: iso significa que podo poñer vestidos (que non hei ter que espirme enteira para sacar un peito), que podo volver doar sangue (ou polo menos face a entrevista inicial ata que me miren o ferro) e que, despois de case oito anos enlazando embarazos e lactacións, podo volver beber alcohol. De feito xa o fixen: un vodka con zume de mazá que me sentou coma o cú. Pero, ben, podo facelo.

Buscar unha casa para cinco, na Coruña, na zona centro onde tes dous fillos escolarizados só nos serviu para decatarnos, unha vez máis, dunha verdade non incómoda, senón ferinte: os cartos importan

Ademais, teño un fillo maior sen dentes. Sen os dous dentes de arriba, para ser exactos. O que na casa da miña nai se chamaban porteliñas e que no caso do Pelouro Grande é un portalón. Á casa, como somos así de rancios, non veu nin o rato Pérez nin a Fada dos Dentes (o discurso dos reis magos pode reciclarse para este caso, así que non me vou repetir), pero o cambio de fase no seu desenvolvemento percíbese igual, e aforramos dous euros.

Cambiamos de casa. Obrigados: alugar non só é tirar os cartos senón que ademais non sempre che renovan o contrato. E buscar unha casa para cinco, na Coruña, na zona centro onde tes dous fillos escolarizados só nos serviu para decatarnos, unha vez máis, dunha verdade non incómoda, senón ferinte: os cartos importan (tamén importan no caso dos dentes, cando o teu fillos neurodiverxente precisa sedación para as súas intervencións odontolóxicas, pero iso é outra historia). Atopamos, si, pagando moito máis do razoable terzo dos ingresos mensuais, renunciando ao garaxe e a estar preto duns avós sen os que, nesta fase, non podemos sobrevivir. Pero a mudanza nos serviu para desfacernos de carriños, berces, cambiadores e demais útiles de crianza e xoguetes de bebé que xa non nos tocan. Always look at the bright side e todo iso.

Os nosos cativos non están feitos para o sistema escolar, e o sistema escolar non está feito para eles

Os nenos van algo maiores e tócanos, por fin, pedir cole para o Pelouriño, ese momento no que soñamos en que, por fin, os tres cativos estarían no mesmo centro educativo (nese que tomamos como referencia para buscar un novo pisiño que quixese acollernos). Pero. Pero os nosos cativos non están feitos para o sistema escolar, e o sistema escolar non está feito para eles. Así que nese momento en que íamos arrasar cos puntos de admisión (dous irmáns no centro, puntos de zona, familia numerosa e un irmán con discapacidade, ¿alguén da máis?), resulta que parece que imos ter que volver empezar, ou deixar de ser nós. Ou non. Ou quen sabe. Sen lactancias, sen carriños, sen dentes, sen o que era o noso fogar… suponse que estamos noutra fase. Pero enseguida descubrimos que, para o malo, é unha fase que semella moito á anterior.

Que non entendedes nada. Non me estraña. Eu tampouco: non entendo que poidas ir a Inspección Educativa a explicar que, se como parece ser que vai pasar, o teu fillo maior cun trastorno do neurodesenvolvemento sen nome (sí, seguimos sen nome, hai cousas que non cambian) non promociona a segundo de Primaria, vai coincidir na mesma aula co seu irmán mediano con altas capacidades e iso é un problema educativo para ambos e che respondan que non é tal, que é un problema familiar e que non poden facer nada por ti. Que aproveites o período de admisión nos centros para solicitar praza nun no que collan aos tres irmáns (nos quede lonxe ou preto da casa, poidan atender ou non as “necesidades específicas de apoio educativo” dos nosos cativos) e a ver se tes sorte e chos collen.

Non entendo estar en situación de decidir se escollo o malo (solicitar praza noutro centro) ou o peor (que dous irmáns con características ben diferentes e que condicionan a súa relación e o seu crecemento estean xuntos na mesma clase nun centro que, polo momento, nunca se axustou ás súas necesidades), sen ningunha garantía de que o que decida vaia ser o que pase ao final, abrindo a porta a situacións familiares aínda máis complexas (que non lles dean praza a todos no mesmo centro, que por aspirar a ese cambio, os manden a un colexio fora de zona e alleo ás nosas necesidades).

Non entendo, nin esperaba de min, estar barallando a escola concertada como practicamente a única opción razoable na nosa situación

Non entendo, nin esperaba de min, estar barallando a escola concertada como practicamente a única opción razoable na nosa situación. E, mesmo deixando de lado os principios e aceptando que, en parte, é o sistema público o que expulsa aos meus fillos (ao non poder garantir nin os medios precisos, nin a estabilidade nos equipos, nin a coherencia dos proxectos, nin nada parecido á inclusión), estar pensando en pagar uns 1800 euros por cativo ao ano. (E, de novo, os cartos importan: podería nin sequera ter esa opción). Non quero estar defendendo a escola concertada, que quita eses cartos de todos para repartilos con aqueles que poden complementalos cos seus propios ingresos. E aquí estou.

Non entendo en que momento todo se volveu tan complexo. ¿Foi co diagnóstico -e un dicir- de Tristán?¿Co segundo?¿Co terceiro fillo?¿Foi ao chegar á escola?¿Foi cando decidín estudar educación e descubrín posibilidades que nin me esperaba e que agora desexo para os meus fillos, cando empecei a darlle voltas ao cole?¿Foi así de complexo desde sempre e o único xeito de non desesperar é pensar que esta complexidade é nova?

Estou esgotada. Estamos esgotados. De estar sempre apagando incendios co noso cuspe, porque non temos máis, e contra o mundo. De ter sempre decisións cruciais pendentes

Estou esgotada. Estamos esgotados. De estar sempre apagando incendios co noso cuspe, porque non temos máis, e contra o mundo. De ter sempre decisións cruciais pendentes. De ver que sempre veñen máis cambios aos que adaptarse mal que ben. Hai seis anos, cando empecei a escribir por aquí, ideei ese eslogan sobre iso de que as nais e pais nunca deixamos de ser bolseiros. Sempre cambiando de fase, sempre con problemas aos que non te enfrontaches antes. No meu caso, no noso caso, é certo e tamén é falso: somos como Sísifos da maternidade, sempre enfrontándonos á realidade que non esta feita para o noso fillo maior, e polo tanto tampouco para os seus irmáns nin para nós. Sempre o mesmo reto, que volverá a aparecer unha e outra vez, non importa que o resolveses ou non, non importa a enerxía que lle dedicases. Só importan os cartos que teñas -cada vez menos- para que esa batalla sexa un pouco menos incómoda. Só importa ter xente ao carón que axuda, que escoita, que entende… pero que pouco pode facer para que non teñas que seguir enfrontándote a esa batalla.

Faga o que faga, levarei todos estes coidados mentais comigo, como os levo cada día, como os levamos cada día tantas mulleres que temos aprendido que é a nosa responsabilidade procurar o benestar dos que nos rodean e deixarnos a pel por eles

Así que mañá, aínda que queira, aínda que pendure o mandil da fiestra e poña o cartel de servizos mínimos cando leve aos cativos ao parque, aínda que aproveite a oferta do meu cuñado para facerse cargo dos pequenos (o pai traballa e, se colle o día para encargarse de algo que xa fai todos os días, complica a posibilidade de facer folga das súas compañeiras) só farei unha folga de coidados de medio pelo. Porque, faga o que faga, levarei todos estes coidados mentais comigo, como os levo cada día, como os levamos cada día tantas mulleres que temos aprendido que é a nosa responsabilidade procurar o benestar dos que nos rodean e deixarnos a pel por eles, que é cousa nosa independentemente de que sexa cousa de todos, independentemente do fácil ou difícil que nos poñan os demais acadar ese benestar.

Creo que vou ter que darlle outra oportunidade ao vodka co zume de mazá.

 

* Texto publicado no blog Se o vello Sinbad tivese fillos

Publicidade

Acerca de Leticia Barbadillo