0 Gardados para despois

Pablo Vaamonde

JD Cubillo, pintor da terra

J. D. Cubillo expón na sala do Colexio de Médicos de A Coruña (R/ Rego de Agua, 29, 1º)  trinta cadros baixo o título “Cores da terra”, na que recolle a obra pictórica realizada nos últimos tres anos. A exposición estará aberta ata o día 26 de marzo.

Jesús Cubillo, que chegou a Galicia desde Salamanca hai medio século, é xa un galego de adopción; exerceu a súa profesión de médico psiquiatra ata a xubilación en 2011,  mentres desenvolvía unha grande paixón pola pintura, oficio ao que dedica agora a maior parte dos seus días.

Iniciouse na pintura desde mozo, participou en exposicións colectivas e xa no ano 1981 fixo unha individual na Coruña; pero hai dez anos deu comezo a un proxecto moi interesante iniciado cunha exposición en Portas Ártabras baixo o título  “Naturezas mortas, construcións e paisaxes”, con 30 cadros figurativos nos que había  materiais de laboratorio, matraces, crisois, edificios industriais e minas abandonadas. En 2012 fixo outra exposición con temática similar, e en 2015 presentou no Casino de A Coruña unha colección de cadros que representaron unha evolución moi importante na súa obra. Con “As cores do ferro” deixaba atrás a pintura figurativa e introduciuse no terreo do abstracto, facendo énfase na cor e na textura, co emprego de cores ocres e coa utilización de materiais “non artísticos”: madeiras, ferros, arames, parafusos, moedas vellas.

Na presente exposición Cubillo dá un paso máis na súa evolución como creador. Na última década o pintor inicia unha traxectoria marcada por dúas coordenadas: a transición da pintura figurativa a un territorio máis abstracto e poético (os cadros teñen títulos: Campos minados, Universos paralelos, Terras altas, A forza das mareas, Tarde violeta de tormenta...), e tamén polo salto do óleo e o acrílico ata realizar obras a medio camiño entre a pintura e a escultura: os seus cadros foron adquirindo relevo e forma coa utilización de materiais recollidos nos seus paseos pola rúa, polos montes e nas frecuentes visitas a minas antigas. O artista recolle materiais de refugallo e devólveos á vida transformados en arte.

Se na anterior exposición predominaban as cores ocres e terrosas, nesta ocasión utiliza cores máis vivas, que aportan luz a algúns dos cadros. Cubillo está construíndo unha lenta traxectoria artística, moi sólida e coherente. Hai unha busca permanente da austeridade. E hai tamén un certo carácter lúdico nesta obra recente; imaxino ao autor fronte ao cadro seleccionando arames e madeiras coma quen constrúe un puzle. A pesar da gran evolución realizada o artista posúe un mundo propio e presenta unha obra moi recoñecible en calquera das súas etapas.

Publicidade

Acerca de Pablo Vaamonde

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005). Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005 polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia. Coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),  que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario.