0 Gardados para despois

L. C. Carballal

O país orballoso das fervenzas con píntegas

Otero Pedrayo definiu Galiza como a “Terra dos mil ríos”, esaxerando moito non tanto o número de correntes fluviais que a percorren coma a súa categoría, dado que as máis delas non pasan de regueiros e regatos. Loxicamente se unimos a esta abundancia fluvial unha orografía maioritariamente montesa temos como resultado a existencia dunha notábel cantidade de saltos de auga. A abundancia deste fenómeno natural provocou que o galego teña tamén unha bo número de denominacións para el. O estándar recolle sete sinónimos de fervenza, claramente a forma preferida no galego escrito, no dicionario da RAG: abanqueiro, cadoiro, freixa, ruxida, ruxidoira, salto (de auga) e seimeira; incorporando ademáis o cultismo: “catarata”, (< lat. cataracta) para denominar as fervenzas enormes propias doutras xeografías, e os patrimoniais: “cachoada”, “cachoeira”, “cachón”, “callón” e “pincheira”, para denominar as fervenzas pequenas.

Porén, ademais dos recollidos polo dicionario normativo hai una chea máis de sinónimos, así consultando o “ALGa VI. Mapa 46. Fervenza, cadoiro” podemos engadir os seguintes: fervencedo, cervenza; ruxidoiro, ruxideira; chorro (de auga), cholro; feixa, breixa; pincha de auga; caldeiras (de auga); calexa (de auga); xurreira; gorvia; penedas (de auga); pesca; rixa; caída (de auga); (auga) pendente; baixada (de auga); (auga) corrente; socalco (de auga) etc. Todos eles coa particularidade de seren denominacións en xeral moi locais, polo que se podería dicir: “dime como se chama a fervenza da túa contorna e direiche de onde es”. Aínda que tamén é certo que o máis espallado é o castelanismo “cascada”, que, así e todo, non pode ocultar a forma patrimonial que aparece en moitas ocasións como topónimo na zona.

Non adoitan ser moitos os conceptos que presentan tal cantidade de sinónimos, mais entre eles están as denominacións para o anfibio “Salamandra salamandra”, que ten no dicionario da RAG nove sinónimos: becha, bicha, pinchorra, píntega, sacabeira, sacarrancha, salamanca, salamántiga e sapagueira; sendo a cuarta e a oitava as preferidas como formas máis usuais. Tamén aquí poderiamos saber a comarca de alguén só coñecendo como chaman a este anfibio urodelo na súa zona. Se consulto o traballo sobre nomenclatura de anfibios e réptiles de Miguel A. Conde Teira (Cadernos de Lingua 13, 1996) podo engadir máis 23 denominacións ás antes citadas: bronca, pesoia, pezoia, pezoira, pinchobra, pinchorla, pinta, pozoña, roncha, sabandilla, sabandixa, sabanduxa, sacarroña, salamándega, salamandra, salamánteca, salamántega, sarabandixa, saramaganda, saramaganta, tarta, zampexa e zaramela. E aínda podemos engadir máis variantes: pintárraga, píntiga ou salamántica. Coido que entre os animais soamente o lagarto ápodo “Anguis fragilis”, escáncer ou liscanzo como formas estándares no dicionario da RAG –ao que lle cumpriría unha boa revisión en bioloxía–, presenta unha cantidade semellante de denominacións en galego.

Hai outro concepto relacionado coa auga que tamén ofrece unha morea de sinónimos: a chuvia miúda, tan abondosa na nosa terra. Para ela soamente o dicionario RAG proporciona 22 sinónimos: babuña, babuxa, barbaña, barbuña, barbuza, barrallo, barrufa, barruñeira, barruzo, breca, chuvisca, froallo, lapiñeira, mexadeira, mocalleira, morriña, morriñada, orballo, parrumada, patiñeira, poalla, poalleira e zarzallo. Mais engadindo variantes poderiamos chegar á centena; só de “orballo” reúno nove: erballa, erballeira, erballo, esballo, orballa, orballada, orballeira, orbelleirada e urballo. De novo poderíase adiviñar o lugar de nacenza ou de residencia dun galego por como denomina a chuviña. Non obstante, tanta riqueza léxica ten os días contados, pois tanto a castelanización coma a estandarización do galego levan consigo a súa irremediábel perda.

Como vemos, sempre é a auga o elemento que relaciona a existencia dos tres conceptos naturais que dan orixe a tal variedade de denominacións para eles. Bieita auga!

Publicidade

Acerca de L. C. Carballal

Levo case media vida dedicado ao estudo e á defensa do galego, dende a miña posición de amador, polo que procuro axudar, alá onde me acollan, no desenvolvemento e defensa do galego, dende a miña modesta situación. Actualmente tamén colaboro co proxecto de nomenclatura científica que está a desenvolver A Chave