A concello aberto...

As veces hai sorte. Esquecidos nos arquivos, agóchanse papeis antigos cheos de presente. Documentos – faro que saltan o tempo para romper esquemas caducos, fotos fixas do pasado, prexuízos da modernidade urbana que nos envolve, dende a que pensamos que todo se está inventando de cero, ou que todo está constantemente comezando. As veces hai sorte, porque os atopamos ou nos atopan, e saltan ante nós para axudarnos a desandar a desmemoria e construír outros relatos nos que ollarnos.

Significa que detrás hai unha comunidade que se considera como tal, que se xunta e debate sobre a súa realidade, que toma acordos e os executa. É un acta, unha ventá aberta a unha realidade pouco coñecida e pouco estudada en Galicia: a dos concellos abertos

Tal é o caso dun documento localizado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense: unha Ordenanza sobre montes do século XVI1. E por que un simple papel vello, de tinta corrida e letra ilexible, resulta tan revelador? Pois por todo o que contén e, o que é máis importante, por todo o soporte social que o fixo posible. Significa que detrás hai unha comunidade que se considera como tal, que se xunta e debate sobre a súa realidade, que toma acordos e os executa. É un acta, unha ventá aberta a unha realidade pouco coñecida e pouco estudada en Galicia: a dos concellos abertos.

O concello aberto é un órgano de autogoberno e autoxestión das comunidades rurais, vinculado á comunidade inmediata, a do lugar, a da aldea ou a da parroquia, segundo o caso. É unha xuntanza ou asemblea da veciñanza, unha práctica regular, periódica ou en función das necesidades, que se viña facendo dende tempo inmemorial. Estaba constituído polos habitantes dunha aldea, e neles se resolvía todo o relacionado coa vida en común, que o era todo ou case todo: os cultivos, o gando, o regadío, o aproveitamento do monte comunal, do muíño... A legalidade a marcaban os usos e costumes que fan da praxe fonte de dereito. A autoridade a outorgaba o peso da comunidade que colectiviza necesidades, recursos e estratexias de supervivencia, de tal maneira que, quedarse fóra, resultaba un mal negocio.

A legalidade a marcaban os usos e costumes que fan da praxe fonte de dereito. A autoridade a outorgaba o peso da comunidade que colectiviza necesidades, recursos e estratexias de supervivencia, de tal maneira que, quedarse fóra, resultaba un mal negocio

Hai quen sitúa a súa orixe nas organizacións xentilicias prerromanas, quen nos “conventus publicus vivinorum” xermánicos, quen se vai máis atrás na súa procura, ao mundo castrexo, pero o certo é que estaban xa presentes na Alta Idade Media e que se mantiveron con forza ao longo de toda a Idade Moderna. Segundo o historiador Pegerto Saavedra2, a fórmula organizativa pola que a veciñanza se xuntaba a modo de concello, estaba estendida por toda a nosa xeografía e era especialmente intensa na provincia de Ourense. Era un sistema caracterizado pola fluidez e a razón de ser principal da maioría deles, era a xestión dos montes abertos ou comunais, elemento básico do que podemos chamar propiedade comunitaria neste país.

Coa entrada na época contemporánea, da man da construción do estado liberal e a súa armazón legal e institucional, a realidade do concello aberto queda á marxe do novo deseño local. O municipio imponse como institución de corte representativo e, aínda que se confunden os nomes de concello e municipio, non son o mesmo nin en relación á súa circunscrición nin, por suposto, en relación ao carácter de abertos. Democracia representativa fronte a democracia directa?

A supervivencia é maior do que poderiamos esperar e algúns elementos chegan ata os nosos días... as Comunidades Veciñais de Montes en Man Común?

Grazas á clásica obra de Nicolás Tenorio, La Aldea Gallega, sabemos que na zona de Viana do Bolo, nas primeiras décadas do século XX, seguían celebrándose concellos abertos e funcionando como entidades xestoras do común, e Fariña Jamardo rexistra 180 para a comarca da Limia nos anos setenta, e describe a figura dos alcaldes pedáneos como unha reminiscencia deste sistema de goberno propio das entidades rurais3. Así que a supervivencia é maior do que poderiamos esperar e algúns elementos chegan ata os nosos días... as Comunidades Veciñais de Montes en Man Común?

Veciños e veciñas que se xuntan a son de campá, no adro da igrexa, na praza... As normas consuetudinarias xorden das propias comunidades que as elaboran de forma consensual, debatendo e acordando ordenanzas, a modo de parlamento do pobo. No caso de León, no que os concellos abertos e as xuntas veciñais resisten ata o día de hoxe, as súas ordenanzas foron postas por escrito durante toda a Idade Moderna e son unha fonte valiosa de coñecemento sobre a súa natureza e devir4. Para Galicia non contamos con esa fonte nin con estudos en profundidade sobre o tema. É algo que se sabe pero non se coñece.

É por iso que o presente achádego gaña tanto valor; porque, aínda que illado, peza solta dunha realidade ampla e descoñecida, achéganos a un momento concreto, alá polo ano 1593 no que a veciñanza do lugar de Gondulfes, en Ourense, xúntase para compartir e deliberar ao redor do monte  comunal.

Fronte a dicotomía da propiedade pública fronte á propiedade privada (sempre individual) do pensamento liberal-capitalista, atopamos aquí outra forma de posuír, a comunal, que non pertence ao estado nin as súas institucións, é pola tanto entraría na esfera do privado, pero que reviste un carácter colectivo

Nunha análise pormenorizada de dito documento atopamos información moi valiosa sobre os montes “balutos e concejiles”. En primeiro lugar somérxenos na complexidade do sistema de propiedade preliberal. O documento comeza recoñecendo os diferentes poderes que operan no lugar, que está dentro do señorío xurisdicional do bispado de Ourense e da Abadía de Servoi.  A superposición de autoridades e a pluralidade de poderes vixentes, complementarios, era o habitual. A propiedade era unha realidade complexa, diversa, na que dominio directo e dominio útil estaban separados, e, onde o común e o colectivo era compatible con ambos, a través dos foros colectivos, como é o caso. Fronte a dicotomía da propiedade pública fronte á propiedade privada (sempre individual) do pensamento liberal-capitalista, atopamos aquí outra forma de posuír, a comunal, que non pertence ao estado nin as súas institucións, é pola tanto entraría na esfera do privado, pero que reviste un carácter colectivo.

Un segundo aspecto que nos achegan estas Ordenanzas é a da existencia do concello aberto como institución de goberno e xestión comunitaria dos recursos. No documento recóllense fórmulas que nos remiten a el: “estando juntos e unanimes a son de campana tañida como lo tienen de costumbre en su concejo” ou “todos los vezinos del dicho lugar presentes y a voz de concejo”. Noméanse ás persoas presentes, entre elas o merino do couto, o procurador xeral do concello e o bigario, cargos vinculados á entidade xurisdicional o primeiro e representativos do propio concello os dous seguintes. Pero, quen constitúe o concello? Toda a veciñanza. Como se xunta? A son de campá. E cal é o elemento instituínte e lexitimador? A costume. É importante destacar aquí a inclusión entre as persoas asistentes de dúas mulleres viúvas, o que nos permite preguntarnos se a súa participación directa ven da súa condición de mulleres sen home, sen cabeza de familia que as “represente”, suxerindo que as dinámicas de participación colectiva directa daquela, tampouco eran igualitarias.

Un terceiro elemento de análise fai referencia ao uso e manexo dos recursos cunha vontade de sostenibilidade. A preocupación fundamental polo que se ditan estas Ordenanzas é o estado de degradación do monte pola alto nivel de extractivismo que soporta, tanto pola corta de leña para vender como pola extracción de “torgos” e “furces” para a elaboración de carbón para as forxas dos ferreiros:

“muchos vezinos del dicho lugar lleban los dichos montes en carros a vender fuera del lugar y se hazia mucho carbon para ferreros conque el  monte estaba todo destruido y asolado y senque se pusiese orden por ello se acabava y el lugar no se podia sustentar por perder la mayor parte de su sustentancion de los dichos montes”

Un terceiro elemento de análise fai referencia ao uso e manexo dos recursos cunha vontade de sostenibilidade

Sustentar a vida do monte e, con ela, a vida da comunidade, era a grande preocupación. O manexo do colectivo procuraba o equilibrio entre poboación e recursos, a eficiencia do uso en base a súa sostenibilidade. Podemos entrever aquí un sistema socioecolóxico en equilibrio? Unha mostra do que Martínez Alier chama o ecoloxismo dos pobres? Dende logo, si parece contradicir o dito tan estendido de que “o común non é de ningún” ou a idea da traxedia dos comúns de Marvel Hardin, que ve no común un elemento de desvalorización social que leva, inevitablemente, á degradación do mesmo, ambas ideas en sintonía coa lóxica liberal que fai da propiedade privada individual a única garante da eficiencia. Contra isto, na presente Ordenanza a veciñanza xunta en concello aberto declara:

“Y tan queremos que para nuestros aprovechamento de nuestras casas se aprovechen todos los vezinos del dicho concejo de los dichos montes y pastos roçando paciendo montando y arrancando cada uno lo que hubiere menester en su mesma cassa y no mas”

A prioridade é clara, a necesidade das familias é a que debe marcar o aproveitamento “y no mas” para que o monte non esgote os seus recursos e poda reproducirse tanto a si mesmo como á comunidade que o habita. Non hai libre albedrío, hai autoregulación, sentido de continuidade,  preservación dos recursos.

Enlazando co anterior, como cuarta idea forza, vemos que hai regras, normativización, control e vixilancia. E para iso, era preciso lexislar, ditar ordenanzas e establecer multas no caso do seu incumprimento. Nestas Ordenanzas acórdanse tres restricións: que non se poda vender leña sen o consentimento do propio concello, que ningunha persoa de fóra do lugar poda pacer o seu gando no monte e que non se faga carbón para forxas de ferreiros. E cada norma vai acompañada da súa multa ou sanción, sendo a última a do propio desterro. Seguindo a Elinor Ostrom5, atopámonos ante un caso clásico de xestión dos bens comúns exitoso, xa que hai un recurso, o monte, unha organización social, a do concello aberto e unhas regras, as ordenanzas. Así como tamén un mecanismos de distribución  dos recursos nos que se establecen criterios de inclusión e exclusión; é só a veciñanza do lugar a que pode ter acceso a eles.

En quinto lugar, cabe destacar que, unha vez feitas as Ordenanzas, elévanse aos outros poderes para que as recoñezan co seguinte parágrafo final:

“Y atento que todo lo arriba dicho es servicio de su senoria utilidad y procecho de sus rentas y en bien y pro comun de sus vasallos y del dicho concejo pedimos y suplicamos a sus senoria sea serbido mandar ver estas ordenanças y provarlas y confirmarlas y mandar a su alcalde mayor y al merino de este coto que las executen guarden y cumplan segun  y de la manera que en ellas se contiene y lo firman de su nombre los que saben firmar y por los que no saben lo firma el padre (...)”

Hai forza, autoridade, lexitimidade e capacidade de decisión nestas palabras, o cal amosa o grao de penetración que este sistema de gobernanza debía ter no momento no que foron escritas. A dirección na que se constrúen as normas é de abaixo a arriba, resultando o concello aberto unha institución lexislativa, unha especie de parlamento de aldea que dita normas e vixía o seu cumprimento.

Abríndonos ao pasado sen prexuízos, se cadra, algo podemos aprender para repensar o presente e soñar outros posibles futuros

En resumo, este documento do 1593 sérvenos para resaltar a importancia do monte, a importancia da comunidade, e a simbiose entre ambas na Galicia precapitalista. E a preocupación pola súa sustentabilidade, achéganos a unha lóxica reprodutiva da que hoxe estamos ben lonxe. Pero, quizais o máis importante que estas Ordenanzas traen consigo é que poñen de relevo a existencia de espazos de participación e de goberno directo da colectividade rural ao longo dos tempos. Hai mitos que vale a pena revisar á luz de documentos deste tipo, e un deles pode ser o do atraso económico, social e político das sociedades labregas tradicionais, para deixarnos sorprender polo seu saber facer. Abríndonos ao pasado sen prexuízos, se cadra, algo podemos aprender para repensar o presente e soñar outros posibles futuros.

 

Notas

  1. Arquivo Histórico Provincial de Ourense (Fondo Clero 498, folio 72)
  2. Saavedra, Pegerto: Los montes abiertos y los concejos rurales en Galicia en los siglos XVI-XVII: aproximación a un problema. Cuadernos de Estudos Galegos (1982)
  3. Fariña Jamardo, X: Concellos Abertos na Limia, Xunta de Galicia, Santiago, 1982.
  4. Rubio Pérez, L. M: El sistema político concejil en la provincia de León, Universidade de León, León, 1993
  5. Ostrom, E: El gobierno de los bienes comunes: la evolución de las instituciones de acción colectiva. México, D.F.  Instituto de Investigaciones Sociales, Universidad Nacional Autónoma de México: Fondo de Cultura Económica, 2011.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.