A dereita nacional-conservadora e as mulleres

O pasado 8 de marzo as mulleres escribiron unha nova e brillante páxina na historia da súa dura e longa loita pola igualdade. Unha loita na que si ben non están soas pois atopan unha crecente solidariedade de amplos sectores da poboación si  choca, en Galiza e en España, con fortes resistencias por parte dun sector minoritario pero poderoso social e politicamente. Así, a mais que xustificada indignación das mulleres galegas e españolas pola súa situación de desigualdade e discriminación está atopando por parte dos respectivos gobernos unha resposta mais propia de ideoloxías e políticas xa non so conservadoras senón tamén profundamente reaccionarias tal que nos fan recuar a longa noite de pedra do franquismo. Supoñen unha volta ao nacional-conservadorismo que tan ben reflicte a eirexa católica quen, no seu paroxismo, chega a acusar as mulleres feministas de “levar o demo dentro”. Fronte ao que poida parecer todo esto sucede na Galiza e na España do século XXI nón nas dos reis católicos (século XV) cando, por caso, aínda existía o dereito de pernada.

Seguramente haxa que empezar dicindo que os argumentos que se utilizaron para descalificar os actos dos días 5 e 8 –que contaron cunha presenza masiva de mulleres quen recibiron un amplísimo apoio social- son, de seu, falsos polo que volven a deixar en evidencia a estos/as políticos/as de dereitas por ter un descoñecemento tan elevado da realidade que lles rodea. Así, por caso, cando din que as mulleres deberan facer unha folga á xaponesa para asi “demostrar a súa capacidade” ademais de insultar as traballadoras xaponesas e españolas, na súa ignorancia parecen descoñecer que no Xapón fanse folgas como no resto dos paises. Mais aínda, non saben que a orixe desta lenda urbana é española. Sobran mais comentarios: para que precisan tal coorte de asesores?

Neste desvario os/as dirixentes do Partido Popular chegan a acusar as mulleres feministas, polas súas xustas reivindicacións, de “atacar ao capitalismo”. Están así de novo dando mostra da súa supina ignorancia, pois estes dirixentes deberan saber que estas reivindicacións aínda quedan lonxe das políticas que se aplican en estados europeos como os escandinavos (Suecia, Finlandia, Dinamarca). Estados que ninguén pode calificar de anticapitalistas pero dos que si se pode asegurar que están entre os máis avanzados, xustos, igualitarios e con maior nivel de vida no mundo. Estados nos que, por caso, a muller ten un papel relevante e moi paritario tanto no mercado de traballo como nas institucións públicas e no conxunto da sociedade. Estados nos que as taxas de actividade e ocupación femininas están entre as mais elevadas do mundo –ambalas dúas por riba do 70%- o que lles permite ter un desemprego femenino moi baixo -en torno ao 5%-. Comparense por caso eses indicadores cos das mulleres galegas: 48,8% de taxa de actividade, 40,5% de ocupación e 15,2% de paro. Indicadores que reflicten as enormes dificultades que atopan as mulleres galegas para incorporarse ao mercado laboral

Dificultades que teñen causas políticas como, por caso, as políticas de emprego e benestar social que se aplican en España e Galiza. Políticas de emprego que consolidan tanto baixas taxas de actividade e ocupación e altas taxas de desemprego femininos como elevadas fendas salariais entre os homes e as mulleres. Mentres nos estados europeos nórdicos a fortaleza tanto dos sindicatos como das asociacións de mulleres posibilitaron que a fenda salarial media sexa a mais baixa de Europa –e seguramente do mundo- variando entre o 15 e o 16%. En España e Galiza a debilidade sindical e a mingua da negociación colectiva que derivaron das (contra)reformas laborais facilitaron que a fenda salarial medrara ata superar o 29,1% e o 28,7% respectivamente -podendo chegar nalgúns sectores a case o 51%- situándose así entre as máis elevadas da Unión Europea. Unha fenda salarial que se dispara consonte medra entre as mulleres a precariedade laboral: o 76% dos empregos a tempo parcial están ocupados, non voluntariamente, por mulleres entre as que a temporalidade (28,4%) e claramente superior que nos homes (25%).

Se as políticas de emprego aplicadas en España e en Galiza afondan na desigualdade e a discriminación laboral por razón de xénero o mesmo sucede coas políticas públicas de benestar e moi en concreto  con aquelas que afectan as funcións que facilitan a incorporación da muller ao mercado de traballo: vellez e familia/infancia. Funcións, ámbalas dúas, cuxo déficit incrementado polas políticas de axuste fiscal amais dunha peor atención aos/as vellos/as e a infancia supón unha maior carga para as mulleres pois en Galiza, como en case toda España, este déficit público de atención leva a que recaia nelas os coidados dos/as nenos/as e os/as vellos/as. Unha situación que fai que o número de mulleres galegas con “un traballo invisible”, por desempeñar as labores do fogar ou atender a familiares maiores, enfermos ou dependentes –preto de 180.000-, sextuplique ao número de homes -30.000-, sendo ademais a segunda maior causa de inactividade (28,3%) entre aquelas.

Estas evidencias empíricas confirman que, en Galiza e en España, as causas da desigualdade de xénero son políticas. Políticas públicas, como as citadas, que afondan na desigualdade e na discriminación deica as mulleres. Velaí que actos como os dos pasados días 5 e 8 de marzo, mal que lle pese a patronal galega, estean máis que xustificados, sexan necesarios para reverter tales políticas. Sexan necesarios para mellorala sociedade e facela mais xusta.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.