Liberdade de expresión

A expresión é o modo de comunicar algo que unha persoa considera evidente, ao resto das persoas. Hai modos refinados, como son os artísticos, a musica que emprega sons, a pintura, cores, a literatura palabras. En xeral é a lingua a maneira máis habitual de comunicarmos o que pensamos.

Neste sentido unha persoa da cidadanía española ha ter liberdade para facer un escrito rexeitando a monarquía, xa desde a súa propia existencia, inadmisible na sociedade do s. XXI, ou  do absurdo de facela coincidir cunha Constitución democrática, ou da necesidade de suprimir esa anomalía na reforma constitucional que se anuncia. Estes ou outros criterios, incluso se son minoritarios, deben ser manifestados libremente.

Queimar publicamente unha fotografía, do rei ou doutra persoa, é unha acción pueril, necia e groseira, que demostra, non a liberdade, senón a incapacidade de expresión. O humorismo ten dado bos exemplos de como manexar figuras para facer crítica con sutileza e intelixencia. E, ademais, facer rir.

Queimar un retrato, creo, non é unha expresión, e de selo, é tan mesquiña que pode producir un efecto contrario ao que pretende.

Podo opinar o mesmo da queima de bandeiras, uns tecidos que sempre me molestaron por introducir, coa súa violenta e bélica presencia, valores que non comparto.

Como símbolo dun estado teñen sentido nos barcos, por exemplo, pero non para demostrar supremacías onde “as vosas vaguidades cumprido fin terán”, extensibles ao mundo enteiro, cando a militancia supera o diálogo democrático.

Outra expresión que invade os medios de comunicación mostra o odio contra unha muller negra que matou o fillo do seu compañeiro. Neste caso os media déronlle unha cobertura excesiva fomentando a reacción vingativa de xente sensible á manipulación.

Contrasta esta resposta coa inexistente publicidade que se fai dos abundantes e reiterados asasinatos de mulleres a mans da súa parella durante todo o ano. Siléncianse.

Permanecen no anonimato. Tampouco se indaga na identidade, vida, traballo, características físicas ou psíquicas, do asasino. De haber comentarios, son de sorpresa. Sempre pareceu un home normal, cando non un traballador exemplar.

Os asasinatos de mulleres no sistema privado, non son para tanto, e non merecen unhas palabras de condolencia no comezo das intervencións no Parlamento dos respectivos líderes dos partidos, como fixeron no caso do neno Gabriel. (Pobre criatura. Indígname que lle segasen a vida. Toda persoa ten dereito á vida. Cómpre respectala sempre.)

Alguén argumentará que ao tratarse dun neno toca máis a fibra sensible das persoas. Ignoran a cantidade de criaturas asasinadas como violencia de xénero, como vinganza contra as nais. 

Outras moitas quedan orfas, e cunha ferida de por vida difícil de curar, despois de contemplar o asasinato da nai.

Non existe obxectividade nos medios de comunicación. Pero tampouco nos políticos ou na cidadanía que se deixa arrastrar por sentimentos máis acordes con sociedades arcaicas e sen leis, por rancores patriarcais que nada teñen en común coas reivindicacións das mulleres, vítimas fundamentais. As feministas buscamos cambiar os valores sociais para acabar coa misoxinia, co odio. Tomen nota e exemplo. Non é incrementando o castigo como se evita o delito.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.