0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

O acivro e a involución

Os que andamos a paxaros coincidimos en que este inverno foi moi bo en canto a números de determinadas aves invernantes. En efecto, estes meses observamos uns bos números de tordos de diferentes especies e mesmo especies tan pouco comúns nesta parte da península como os bonitos e rechamantes bicogrosos. 

Quizais isto non signifique nada para a maior parte da poboación. Non lle hai moito que facer.  A realidade é que ademais de ser unha auténtica lección viva de ecoloxía supón un espectáculo natural fascinante,  perfectamente accesible a todo o mundo e gratis por completo.  E aínda hai máis. 

Nos primeiros días de xaneiro na Espiñeira, na Terra Chá, unha zona que se supón excepcional para as aves invernantes pero que xa hai anos que viviu tempos moito mellores, acollía a un pequeno grupo de tordos dun par de especies, entre eles tordos rubios. O grupo, efectivamente, era pequeno, quizais en torno a 50 exemplares. Mentres, no Campus Sur de Santiago de Compostela, estudantes e profesorado tomaban café, alleos todos eles, ao tremendo fenómeno que tiñan a apenas uns metros de distancia: centos de tordos rubios, máis de trescentos, ducias de merlos e un pequeno grupo dos extraordinarios bicogrosos alimentábanse no propio Campus, un sitio que non agardamos que teña tanto interese ecolóxico como a Terra Chá. Que marcaba a diferenza? Que facía que nun Campus urbano invernaran máis aves que nunha área agrícola e gandeira aparentemente máis natural? 

A resposta estaba a poucos metros dunha cafetería e era evidente para todo aquel que levantara a vista uns segundos: uns pés de acivro. Entre eles, varios cargados dos seus bonitos froitos vermellos que os tordos e moitas outras especies comían día tras día nos momentos máis delicados do inverno. E así é como se escribe a supervivencia de multitude de especies, con pequenos procesos que son bastante evidentes a nada que un saque os ollos uns segundos do seu dispositivo electrónico e se deixe traspasar por un chisco de natureza e un pouco de coñecemento. 

Tal e como fan aos raposos e moitos outros carnívoros, moitas aves dispersan as sementes pola paisaxe a gran distancia contribuíndo a modelala e a manter procesos ecolóxicos dos que dependemos. Eses centos de tordos do Campus espallaron multitude de sementes de acivro, moitas delas xerminará e algunhas converteranse en árbores adultas que cumprirán importantes e gratuítas funcións ecosistémicas das que dependemos. 

Ao mesmo tempo que este fenómeno ocorría, a non moita distancia, na Xunta de Galicia, alguén tiña a patética idea de derrogar a Orde de protección do acivro con data do 10 de decembro de 1984, é dicir, en plena administración de Fernández Albor que aínda non contaba nin con Consellería de Medio Ambiente. Esta Orde foi mantida polas sucesivas administracións de Fraga.

Lembro ben cando  se promulgou porque eu era un dos moitos que estabamos detrás teimando para que non se cortara esta especie ao chegar o Nadal. E lembro ben que nunca se esgrimiu a idea de que o acivro en si estivera ameazado ou en perigo senón que cumpría unhas funcións ecosistémicas realmente importantes. Aves e acivros xogan, por exemplo, un papel activo na recuperación de superficies queimadas axudándonos a non perder máis chan, a non deteriorar máis o ciclo hídrico ou capturar carbono atmosférico.

Todo isto ven a conta de que a requirimento do COBGA  (Colexio Oficial de Biólogos de Galicia) a Consellería ven de dar unha resposta displicente sobre o tema: ""Esta situación non supón ningún obstáculo para calquera tipo de iniciativa que se puidera impulsar para a súa posible incorporación no Catálogo galego de especies ameazadas (…) debendo acreditarse suficientemente unha situación de ameaza que fixera necesaria a súa catalogación…".  E dicir, a Consellería pensa que só se unha especie ten unha situación numérica problemática merecería protección. Aparte de que determinar cifras ou o limiar de conservación para calquera especie é unha tarefa máis que complexa, as especies non só se protexen ou se desprotexen, polo seu número, senón polas funcións ecosistémicas que teñen. Isto que foi entendido perfectamente no ano 1984 pola Xunta de Galicia pois parece que non ten cabida na mesma administración a día de hoxe.  Estamos pois en condicións de afirmar que o nivel científico técnico e o nivel político das políticas da Xunta de Galicia na época de Fernández Albor eran, fora de toda dúbida, moito máis sólidas que as actuais. E aínda habería que engadir que o coñecemento científico actual sobre ecoloxía avanzou significativamente neste anos. Dalgún xeito, na Administración de entón alguén había coa materia de ecoloxía aprobada. Hoxe apenas chegarían a 1º de educación primaria coa súa simplista e limitada concepción das matemáticas.

Se fan isto cunha especie de funcións tan obvias, de tanto interese para a sociedade (inda que este argumento é perigoso), non quero imaxinar que poden opinar doutras especies coas que os efectos sobre os ecosistemas non son tan obvios e mesmo poden ser difíciles de comprender, por exemplo no caso de depredadores apicais como o lobo ou o oso, ou mesodepredadores como o raposo. Por non falar de "números".

A realidade é que os pés de acivro espallados por aquí e acolá son un molestia para plantar especies de crecemento rápido, piñeiros e eucaliptos, e parecera que a avaricia das empresas de sempre, que comercian co desastre do ben común, non está suficientemente colmada. Para quen traballa a Xunta de Galicia?  por que? para que?.

Publicidade

{C}{C}

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos