Universidade de Santiago: deterioro e silencio

Deterioro e silencio. Resulta moi evidente que a Institución e, sobre todo, o Servizo Público que presta non formou parte das preocupacións do seu goberno

Nos últimos anos a Universidade de Santiago vive un proceso de deterioro moi notorio. En parte, trátase do mesmo deterioro que vive a sociedade en xeral: recorte de servizos, restrición de dereitos en xeral, aumento das desigualdades, desprotección social, desregulamentación do mercado de traballo, recorte drástico e brutal das liberdades e un proceso de aculturación preocupante. Mais a USC reprodúceo con dinámica propia; renunciando á súa autonomía e someténdose cos síntomas característicos da anorexia: negala e disimulala con enganos. Enganan obviando os recortes en medios materiais e humanos, mais tamén enganan na xestión desastrosa de servizos con privatizacións e prioridades sometidas a criterios clientelares, presumindo de éxitos en ránkings tan enganosos como as enquisas, anunciando accións que non realizan e estudos que non teñen nin intención de facer, reestruturacións gatopardianas, etc. Deterioro e silencio. Resulta moi evidente que a Institución e, sobre todo, o Servizo Público que presta non formou parte das preocupacións do seu goberno.

É certo que estruturalmente a universidade é unha democracia moi precaria, decimonónica, na que o PAS e, en especial, o estudantado se presupoñen menos capaces de tomar decisións responsables ca o PDI. A pesar de todo, a democracia é unha cultura, unha ética que vai máis ala dun procedemento e, incluso, dun sistema político; por iso no Sistema Universitario Galego (SUG) e concretamente na USC, houbo unha participación democrática de alto nivel por algunhas organizacións estudantís e sindicais que tiñan unha cultura de profunda ética democrática e que foron hexemónicas especialmente no período que vai de LRU á LOU.

Pouco a pouco a Universidade parécese máis á Xunta administrativamente porque o goberno, apoiado nas estruturas pouco democráticas, tamén foi construíndo redes clientelares e converténdose nunha oligarquía universitaria que ten o mesmo sentido patrimonial do poder

Podemos dicir que desde o punto de vista da democracia, a universidade galega era “sitio distinto” no contexto dun país de feble cultura democrática e gobernado, agás en dous períodos breves e circunstanciais, polos herdeiros do réxime. Mais o sitio distinto xa non é distinto, pouco a pouco a Universidade parécese máis á Xunta administrativamente porque o goberno, apoiado nas estruturas pouco democráticas tamén foi construíndo redes clientelares e converténdose nunha oligarquía universitaria que ten o mesmo sentido patrimonial do poder. O cadro de PAS da USC, que viña desa ética democrática, caracterizouse sempre por ter un compromiso coa institución e un sentido de Servizo Público moi recoñecible e recoñecido, xa sabemos que sempre hai de todo, pero maioritariamente esta era a actitude que nos últimos anos se destruíu; aplicando somníferos que acabaron con calquera síntoma de participación; anulando a representación sindical con estratexias de enredo calculadas para non chegar a nada ou chegar a cuestións miserables até desprestixialos diante de traballadores e traballadoras e conseguir a discrecionalidade impune que lles permite, incluso, incumprir acordos asinados. O mesmiño que fixeron no ámbito xeral.

Preguntarédesvos, e os sindicatos! Que fixeron? Pois sobrevivir. Algúns teñen hipotecas que os converten en colaboradores necesarios. Outros claman diante do silencio máis estrondoso do persoal, apático e decepcionado

Preguntarédesvos, e os sindicatos! Que fixeron? Pois sobrevivir. Algúns teñen hipotecas que os converten en colaboradores necesarios. Outros claman diante do silencio máis estrondoso do persoal, apático e decepcionado. Hai sospeita, acriticismo, confusión creada por un sistema brután de desinfomación contra o que é excepcionalmente difícil loitar con información, porque ambas se mesturan no calculado espectáculo de simplificación e non hai maneira de combatelo. A RAE xa incluíu no dicionario a palabra POSVERDADE: Distorsión deliberada dunha realidade, que manipula crenzas e emocións co fin de influír na opinión pública e en actitudes sociais. Engádese a modo de exemplo: Os demagogos son mestres da posverdade. Non se di que os medios de comunicación son os auténticos creadores. Tamén practica a posverdade a RAE?

Que sen Medios de Comunicación libres non pode haber liberdade nin democracia é algo de aceptación común, mais, se a continuación aseguramos que somos unha democracia moderna estamos facendo unha distorsión deliberada da realidade...

“Tiñamos a crenza de que coa democracia abandonabamos certos medos, pero cambiámolos por outro medo colectivo e xeral que nada ten que ver coa tortura ou coa censura. É o constante temor a perder o emprego, un medo que limita e condiciona totalmente a vida de quen o padece. E ese medo aliméntao o verdadeiro goberno do mundo de hoxe, o poder das multinacionais que o conforma todo á súa propia lóxica. Unha lóxica que impón un perigoso acriticismo que medra coma unha mancha de aceite por todo o mundo. Parece que a norma é non pensar, non reaccionar, non criticar”. Saramago: O pesimista utópico

O sistema fainos sentir que é imposible cambiar nada, é unha das súas armas poderosas. Mais a dignidade deberíanos impulsar a intentalo, antes de que comecen a saír casos coma os da URJC

O próximo 23 de abril haberá eleccións a reitor e a representantes no Claustro da Universidade de Santiago; o sistema fainos sentir que é imposible cambiar nada, é unha das súas armas poderosas. Mais a dignidade deberíanos impulsar a intentalo, antes de que comecen a saír casos coma os da URJC.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.