0 Gardados para despois

Alberte Blanco Casal

Galiza necesita un Plan Forestal diferente

Anda rolando por aí o borrador da revisión do Plan Forestal de Galicia (RPFG), un instrumento fundamental para establecer a estratexia forestal do noso país para os próximos vinte anos. Na miña opinión, o máis importante dun documento destas características sería que servise para establecer con precisión o estado do monte galego, en canto ás súas debilidades e ameazas, para poder encarar con éxito a estratexia que poña en valor as oportunidades e fortalezas que, sen dúbida, ten o sector forestal galego.

Propoño que se faga unha política proactiva de redución desta especie en 200.000 ha —en bosques puros e mixtos— ata situala nos parámetros que se prevían en 1992, pero cunha tendencia á baixa, á vista do impacto negativo que produce no monte galego

Sen embargo, chama poderosamente a atención que unha das ameazas máis importantes, que pon en perigo o presente e o futuro do noso monte, como é o gravísimo problema da expansión incontrolada do eucalipto, sexa tocada de maneira tímida ata o punto de que se considere normal que esta especie se incremente no futuro noutras 25.000 ha máis. Que en 1992, cando se redactou o PFG, os seus autores non se decatasen dos riscos que representaba esta especie podería estar xustificado pola relativa pouca experiencia que había naquel entón, pero na actualidade os coñecementos sobre este particular son amplos e contundentes, e como proba basta con citar o informe dun comité científico do Ministerio de Agricultura feito público recentemente. Por tanto, afrontar este problema é unha cuestión de vida ou morte para o monte galego.

A cuestión nesta altura non está na mera consideración teórica de que estamos diante dunha especie alóctona, que se “podería” expandir de forma incontrolada como causa dos incendios forestais. Tampouco estariamos especulando se afirmamos que a proliferación desta especie é, á súa vez, unha das causas máis importantes da propagación e proliferación de numerosos incendios, causando graves problemas edafolóxicos, ademais de provocar, finalmente, consecuencias devastadoras na capa vexetal erosionando os nosos montes. Por desgraza, o problema está en que todo isto xa sucede, e dunha forma dramática e acelerada (como se observa nos cadros anteriores), esixindo que poñamos remedio urxente a esta tendencia caótica e destrutiva do noso bosque. Debería ser motivo de reflexión, especialmente para aqueles que amosan dúbidas fronte ao dramatismo desta situación, coñecer que nos 26 anos transcorridos dende a aprobación do PFG a expansión do eucalipto xa case duplicou na actualidade as expectativas que se marcaban para 2032. É dicir, 14 anos antes de cumprirse o plan, os obxectivos están totalmente desbordados e o eucalipto fóra de control. Sobre a gravidade desta cuestión tiven a oportunidade de falar na comisión especial do Parlamento galego hai unhas semanas e funme coa impresión de que a miña intervención fora acollida de forma moi positiva por todos os grupos parlamentares. Mais, chegou o momento de pasar das palabras aos feitos.

Córtanse anualmente o equivalente a unhas 30.000 ha de eucalipto e o ritmo das talas de substitución que eu propoño son 10.000 ha/ano con outras especies non agresivas e máis rendibles, como as caducifolias de calidade, deficitarias no mercado forestal do noso país

Porque se non actuamos xa sobre a estrutura forestal do eucalipto, de manterse a tendencia actual, esta especie podería chegar a ocupar máis de 600.000 ha en Galicia nos próximos anos. Sería un desastre irreversible de consecuencias incalculables. Por iso propoño que se faga unha política proactiva de redución desta especie en 200.000 ha —en bosques puros e mixtos— ata situala nos parámetros que se prevían en 1992, pero cunha tendencia á baixa, á vista do impacto negativo que produce no monte galego. É un obxectivo viable a vinte anos, o prazo que se prevé para a vixencia da RPFG. Hai que ter en conta que se cortan anualmente o equivalente a unhas 30.000 ha de eucalipto e o ritmo das talas de substitución que eu propoño son 10.000 ha/ano con outras especies non agresivas e máis rendibles, como as caducifolias de calidade, deficitarias no mercado forestal do noso país.

Aínda estamos a tempo, pero lamentarse só cando arde o monte non serve de moito se non sacamos conclusións e actuamos,  e os prazos cada vez acúrtanse máis

Por último, se poñemos a situación do monte galego en correspondencia coas conclusións tiradas pola comisión internacional que avaliou os lumes de Portugal do pasado ano resulta incuestionable que deberiamos aplicar as súas ensinanzas tamén a Galiza. Apuntan os expertos á comenencia de promover bosques en mosaico con especies de baixa combustibilidade, ademais de practicar unha ordenación do territorio e da estrutura forestal. Tamén conclúen algo que levamos defendendo dende hai moito tempo: a necesidade dunha silvicultura que xestione convenientemente o exceso de biomasa na subcapa boscosa e na interface urbano forestal co obxecto de poder combater de maneira eficaz o risco de incendios. Aínda estamos a tempo, pero lamentarse só cando arde o monte non serve de moito se non sacamos conclusións e actuamos,  e os prazos cada vez acúrtanse máis.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Acerca de Alberte Blanco Casal

Profesor numerario de Tecnoloxía de Ensinanza Secundaria. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador de varios diarios dixitais, ademais da revista do Fórum Galaico Transmontano editada en Chaves (Portugal). En abril de 2013 publicou a súa primeira novela: Arcadia. Os gardiáns do segredo.