0 Gardados para despois

Henrique del Bosque Zapata

Separación de poderes ou contos para crentes

Si, agora toca repetir de cotío a ladaíña de que na España a separación de poderes goza de mellor saúde que no resto do mundo. Igual que a democracia, os dereitos fundamentais, as garantías xurídicas, os servizos públicos e as competencias autonómicas. Certamente, sempre toca repetir até o cansazo cando o déficit e as carencias fanse de abondo evidentes e o risco de perder a fe cega, que por isto é fe, ameaza con facilitar a recuperación de certa capacidade de visión. Porque as crises e os conflitos teñen a virtude de desvelar a miseria que se agacha detrás das solemnes afirmacións dos que viven e mandan grazas á todo un construto de idiotización masiva, e de amedrentamento para cando o anterior fracasa.

E xa que daquel principio político imos falar cómpre, cando menos, facer un sinxelo repaso do que significou e  significa. Así, a separación de poderes implica que as funcións lexislativa, executiva e xudicial deben estar separadas coma poderes independentes, coa fin de estabelecer un sistema de controis, contrapesos e equilibrios que limite a concentración de poder e o exercicio dun xeito despótico de gobernar. John Locke, no Segundo Tratado sobre o goberno civil, e Montesquieu, no Espírito das Leis, déronlle forma formulándoo coma división ou separación de poderes perante a fundada desconfianza nun poder político tentado, permanentemente, de someter ao lexislativo e ao xudicial.

Pois visto o que está a acontecer no Reino, e o xeito de estruturación da administración de xustiza, os motivos para a desconfianza semellan superar a dúbida razoábel. Por unha banda aparenta que o poder xudicial, en múltiples ocasións, está a actuar coma correa de transmisión do poder político, resolvendo en perfecta consonancia coas necesidades e ideario do mesmo, avalando e xustificando un modelo social involucionista no social, no económico e no político. Seica isto non debería sorprender desde o momento en que o máximo órgano de goberno dos xuíces é designado, a fin de contas, polos partidos políticos maioritarios; o mesmo que o Tribunal Constitucional. Todos os vinte membros do Consello Xeral do Poder Xudicial son eleitos, a partes iguais, polas dúas Cámaras. O seu Presidente éo, á súa vez do Tribunal Supremo. Os doce membros do Tribunal Constitucional repártense entre catro eleitos polo Congreso, catro polo Senado, dous polo goberno e outros dous polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Que non se dea un efecto de retroalimentación entre os partidos maioritarios, goberno e xustiza parece difícil de concebir, agás por unha poboación acostumada  a crer en milagres, convivir con bandeiras a media hasta por festividades relixiosas, soldados armados acompañando procesións, simboloxía fascista impune e unha corrupción ostentosa e segura de si mesma.

Porén existe tamén, na mesma dirección mais en sentido inverso, unha estratexia enormemente preocupante e que se está a utilizar a modo de control e imposición sumamente eficaz. Neste caso delégase no poder xudicial, aparentemente neutral ideoloxicamente e irreponsábel politicamente, a execución de medidas que deberan ser políticas, co seu correlato de suplantación e sustración de debate e de deliberación social nos ámbitos que terían de servir para contrastar diferenzas e tomar decisións. O poder xudicial acaba tomando un papel protagonista na vida política, porque á mantenta a ás agachadas, se lle está atribuíndo, como a xurista italiana Susanna Pozzolo ten advertido, a interpretación moral da Constitución e do dereito; aspecto este que remata ocasionando un grave problema de compatibilidade co equilibrio de poderes que se di defender e que deixa aberta a porta ao antidemocrático “goberno dos xuíces”. Claro que se defendemos a democracia non só coma un ritual de elección de representantes, senón coma a participación da cidadanía na vida activa da súa comunidade e na toma de decisións que lle atinxen, podemos entender que desde a xestión da involución se pretenda dotar de superioridade moral (para ser traducida en legal) a órganos e instancias que funcionan con esquemas de despotismo ilustrado. Ademáis, quen controla ao controlador? Quen controla a un poder que supervisa a todos os demáis, pero que só se supervisa a si mesmo, nun rexime herdeiro dunha transición tutelada e cuxos xuíces non disimulan para nada a súa adscrición ideolóxica conservadora?

Neste panorama, a interferencia dos poderes resulta ser o síntoma dunha democracia altamente deficitaria, ateigada de tics autoritarios e, por se fose pouco, embarcada nunha travesía recentralizadora para cuxo fin non escatima ningún tipo de medios e recursos. O estado de dereito, o imperio da lei, acaban convertidos en palabras de orde para sacrificar o debate, o diálogo, a negociación, a palabra, é dicir, os dereitos e a democracia. Un rexime enfermo que nos seus estertores non dubida en recorrer á represión e ao adoctrinamento da poboación sen ter en consideración os efectos de perversidade na convivencia entre os pobos e o deterioro da condición cidadá.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Acerca de Henrique del Bosque Zapata

Mestre de ensino medio e ensaísta.