Repunta

Na ría de Ferrol chamámoslle repunta ao tempo intermareal, esa media hora en que a marea nen rube nen baixa. Vale para o momento da pleamar e tamén para o do nível máis baixo das augas. Estamos na repunta de En Marea.  Da baixamar, evidentemente. A partir de agora só compre ir rubindo.

Sintetizo os porqués da miña militancia en En Marea:  eu crin e creo que é unha boa fórmula, un bon instrumento político para un proxecto nacional galego, soberano, non dependente, mais construido con pluralismo e a confluencia de ideoloxías da esquerda –nacionalistas ou non-- e as opcións progresistas, incluídas as que teñen no ámbito estatal o seu marco de actuación, sempre que se veña a aceptar que é no espazo galego onde se han de activar as propostas e o traballo político, sen supeditación a estratexias doutros ámbitos.

Con exemplos claros, unha organización política que teña a súa base nas plataformas locais municipalistas, que han de ser plurais, abertas  e soberanas, ocupadas na construcción democrática dende o nível básico dos concellos. E que a súa aportación a un proxecto nacional para Galiza se conforme mediante a adscrición individual a En Marea.

A función dos partidos políticos que deron en chamarse “motores auxiliares” nen se discute nen se dificulta, senon que se favorece. O espazo ofrécelles un marco de coincidencia axeitado para a acción política, a promoción das súas propostas e dos seus cadros, e a obtención da influencia e da representatividade que premian o traballo e a capacidade. So se lles demanda a súa actuación leal, a sinceira competencia e o contraste democrático das ideas.

En Marea é unha organización política –partidaria, si—mais non é un partido político como os outros. É un espazo que permite avanzar na unidade popular, na confluencia, no traballo común.  Un instrumento para a procura da hexemonía da esquerda e con vontade de gobernar. E aí colle todo o mundo que estea a favor dunha transformación radical da sociedade.

Quen non quere que este espazo teña consolidación e funcione como foi pensado o que pretende realmente é substituir a formación do pensamento político e a creación de propostas polas decisións das partes e os seus pactos e componendas.   Anova, Podemos e Esquerda Unida son tres forzas que teóricamente coinciden no groso do cambio e difiren tanto no proxecto para Galiza como o seu encaixe na forma de Estado, mais sorprendentemente configuran un corpo único e sólido cando se trata de impedir o desenvolvemento da marea, na validez dos seus órganos e na vixencia das súas decisións asemblearias.

O asunto choca máis cando falamos de Anova. Este partido, que é o do promotor intelectual da fórmula de confluencia, Beiras, renuncia a ser o impulsor da marea, a súa organización e expansión, combate a súa estruturación e ao seu voceiro Luis Villares e, en definitiva, a idea mesma da alternativa de confluencia.

Durante todo este tempo dende a Asemblea de Vigo, En Marea soportou desautorizacións, cuestionamentos e saídas de tono por parte de diversos membros de Podemos, Esquerda Unida, Anova, e dos tres alcaldes das cidades onde gobernan plataformas municipalistas teóricamente implicadas na marea.   Paralelamente –e nunca mellor dito—ensaian con pouco éxito unha presunta coordinación das plataformas que, no fondo, o que pretende é impedir a formación da proposta política nacional, reservándoa aos partidos da coalición.

Durante este tempo, os esforzos de Luis Villares, a Coordinadora e a maioría do Consello para manter a unidade e a coerencia nas posicións, para coidar do equilibrio de todas as sensibilidades foron sempre contestados por sucesivas, continuas e persistentes declaracións inamistosas das voceiras de Podemos e de Esquerda Unida, comunicados oficiais de Anova e do seu voceiro, e periódicas intervencións críticas da tripleta de alcaldes.

O caso de Paula Quinteiro está a servir para armar ruído e facer dano a En Marea, por máis que no reparto das lesións vaia levar a pior parte a propia deputada e quen a apoian, salvando a posición os órganos de En Marea, o seu Consello e Coordinadora e o propio Luis Villares, coidadosos da ética e da boa imaxe da organización e da dignidade das adscritas e da esencia da vida democrática.

Trátase dun tema resolto, si. Non pode PQ seguir representando nen a En Marea, nen á xente que votou, nen a parte algunha da sociedade galega. O escándalo ficou ben servido e obrigou á organización a tomar postura e desmarcarse de actuacións que non se poden aceptar.

Mais a cuestión de fondo era previa e imparabel.  Este incidente que so á protagonista e as súas amizades de troula noitébrega pode ser imputabel, destapa a ficción da unidade e impide seguer como ate agora no espectáculo triste dunha organización presuntamente de todos na que varias partes mazan sen piedade, descalifican e cuestionan mesmo a costa de inviabilizar o proxecto, mentres as xenuinas representantes das persoas adscritas son ás únicas preocupadas da prudencia, da lealdade aos aliados e de, ao fin, presentar a outra meixela.

Hai tres elementos que se xuntan no tempo co episodio dos retrovisores, a saber: 1) Podemos e EU afirman que non están en En Marea, e que os seus deputados –elexidos en listas polas adscritas de En Marea—non son de En Marea nen se deben aos seus criterios. 2) Podemos decide que ás próximas municipais haberá de ir, en todo caso, co seu nome na papeleta, agás o caso de “marcas consolidadas”, que serían as tres cidades onde as plataformas obtiveron alcaldía. E 3)O grupo parlamentario, constituído en órgano supremo, non acepta as decisións do Consello, e mesmo asegura que pase o que pase a deputada seguirá no exercicio das súas funcións .

A maior paradoxo, isto sucede cando o Plenario de En Marea, por iniciativa do propio Beiras, aprobou unha ponencia para a suxección do grupo parlamentar no Congreso ás competencias do Plenario.

Dito sexa doutra maneira, antes do Plenario o grupo no Congreso facía o que lle daba a gaña e despois del tamén o fai o grupo no Parlamento de Galicia.

E, claro,  non pode ser.  As deputadas ignoran, entre outras obrigas, a de acudir aos Plenarios. No caso de PQ e no día de autos acudiu ao edificio e, sen identificarse nen entrar, pasou unha ociosa xornada de cafetería en compañía doutros membros de En Marea, singularmente dirixentes de Anova, a molestar aos asistentes, e a facerse ver, en intención inexplicabel e nunca plausibel.

Sospeito que rematou a ficción, son tempos de aclararse. Partidos, persoas e, nomeadamente, as parlamentarias.  Por respecto ás adscritas, por respecto ao electorado que nos apoiou, por un mínimo de transparencia e honestidade, porque corresponde a calquera interpretación dos principios democráticos, resulta imperativo que dean en manifestarse con nitidez, que todas saibamos a que atérmonos.

As que acreditamos na convocatoria de confluencia, nos procedementos unitarios, nos principios de participación e de cambio, nos códigos de comportamento ético, merecemos claridade. Porque a marea está en marcha, pese a todo.

As mareas e agrupacións locais vanse conformando polo mapa do país. O traballo de Luis Villares e a súa equipa van dando os froitos apetecidos. Para incomodidade dos partidos, as bases gañan os plenarios e activan os órganos, crean mareas sectoriais, abórdanse asuntos principais que preocupan á sociedade e se elaboran todo tipo de propostas políticas. Quizáis por iso tanta agresividade, tanta inxusta provocación. Porque a marea está en marcha, agora si nun punto de inflexión.

Estamos na repunta.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.