0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

En presencia da ausencia

“Facer un chamado á unión entre escritura, memoria e presente é innecesario na obra tardía de Mahmud Darwix; na súa mentalidade non están disociadas”. Deste xeito sintetiza Jorge Gimeno, nun prólogo a En presencia da ausencia, a pulsión vital que alenta á autobiografía do finado poeta palestino. Unha pulsión na que a memoria do asasinato e a desposesión do fogar e da terra é o punto de partida que dota de sentido, coherencia e horizonte, non só á historia política da Palestina que tanto amaba e coñecía, senon tamén á súa propia identidade como escritor e persoa.

Hai dúas liñas neste curto máis riguroso prólogo de Jorge Gimeno que, ao meu xeito de ver, diagnostican perfectamente porqué a maioría da alta intelectualidade Europea e occidental non pode, non quere ou non está capacitada para entender, non só a natureza profunda da carnicería colonial do estado de Israel nos territorios ocupados de Palestina, senon tamén a historia cultural e política de Oriente medio, África, Latinoamérica, Asia e, en definitiva, calqueira realidade non euro-americana :  son aquelas nas que fai referencia ao quietismo Heideggeriano que paraliza á cultura Europea das últimas décadas.

En rigor, por quietismo Heideggeriano hai que entender esa tendencia de certos homes cultos – a sabedoría é cousa ben diferente da cultura – a elaborar meta-teorías fixas e estáticas conservadas en académico frasco de formol, coas consecuencias pertinentes á hora de tomar como feito demostrado ou demostrable o que non é máis que unha frívola especulación mental sen referencia á realidade empírica, con tódolos seus matices, mudanzas e complexidades.

Este quietismo ten, abofé, a súa plasmación política, cultural e pseudo-científica nas institucions culturais, xornalísticas, académicas e políticas da Galiza. Non é cousa de agora : quen se atreva a aplicar sen concesions unha análise dos “textos sagrados” escritos polas vacas sagradas do galeguismo cairá pronto na conta do moito que as citamos sen coñecelas, do pouco que as lemos en profundidade, do moi pouco que as sometemos a crítica dende a nosa contemporaneidade, do nada que as reflexionamos e pensamos e do case nada que contrastamos as súas vidas e obras cunha historiografía decente e globalmente integrada que observe á Galiza máis alá do seu embigo : unha cousa é querer pensarnos e reflexionarnos a nós mesmos dun xeito auto-referencial, e outra, ben diferente, é confundir, por interese ou por despiste, o autóctono – o propio dun lugar – co único, co auténtico ou co exclusivo en extensión a outras paisaxes xeográficas e culturais.

Dende a infancia, na diáspora, acostumeime a vivir en presencia da ausencia, nunha situación de absoluta incerteza e fraxilidade. Ese mirar aos ollos dos teus pais en terra incógnita e sentir que existe outra, tamén incógnita, coma desexo e horizonte. Nin o movimento nin a quietude me pareceron nunca perpetuos, senon complementarios e circunstanciais, coma complementaria e circunstancial é a nosa condición nómada e sedentaria, guerreira e pacífica… ou calqueira outra pauta social de conducta que queira reflexionarse e que se alonxe da asfixiante tiranía interpretativa do pensamento binario cando non se aplica para invisibilizar a condición real de verdugo e víctima.

Porque, sí, teño unha obsesión, unha de tantas que ronda polo meu sistema neuronal, nervioso e cardiovascular. Unha obsesión en forma de soño que non deixa de proerme no corpo coma átomos hiperactivos con punta de alfinete : é o soño do derradeiro grito da muller asfixiada pola mirada androcéntrica baixo a tradición e a vangarda de certo galeguismo, quer nas súas versions máis ácrata-libertarias, quer nas súas versions máis liberal-conservadoras.

De momento, non digo máis. Compre saber administrar estratexicamente os silencios e as enerxías : que o onte e o hoxe do europeísmo, da xeración nós, do nacionalismo contemporáneo e das vangardas pasen polo confesionario sociolóxico. Halles cumprir, e será gratis, mais tirá, abofe, custes tan traumáticos coma necesarios.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Acerca de Diogo Tabuada