Gañar a ilusión

Unha máxima coa que estou en desacordo é querer é poder, que é unha maneira que ten o mundo liberal de nos dicir que se non chegamos máis arriba foi porque non o quixemos abondo.  Porén, existe unha proposición na que creo con firmeza. Non é moi profunda nin comprometida, pero sempre me resultou fiable. É esta: coidado que veñen os nosos. Loxicamente, sempre intento votar o que considero mellor, pero procuro depositar o voto con coidado, non vaia ser que gañe a miña opción e comecen os desenganos a e as desilusións a me abafar.  Véxome mellor na observación ou na crítica do contrario que dando a cara polos meus. Así é que cando se celebra a festa da democracia eu vou aos colexios electorais con cara de funeral, pois ningún resultado me acaba por entusiasmar.

Coñezo unha persoa que, coa súa particular visión da democracia, exerceu por dúas veces o seu dereito a voto nas mesmas eleccións. Á mantenta, fixo trampas duplicando o seu voto, pois intentaba compensar o carrexo de vellos, que non entendían nada de nada por aquela altura. Puido pasar isto porque estaba no censo da cidade na que vivía,  e tamén figuraba no padrón da súa vila, pois ninguén de aí o sacara. Que ilusión tan grande e tan efémera! Xusto lle durou até o momento de peche dos colexios, cando xa se albiscaban os resultados de sempre.

Democracia é unha palabra grega que significa poder do pobo. En realidade, en Atenas só podían votar os que tiñan estatus de cidadáns; homes que estaban no cume da pirámide social. Por baixo destes situábanse os non cidadáns, os libertos, os escravos e as mulleres. Autonomía universitaria é un sintagma nominal constituído por un substantivo (autonomía) e un adxectivo (universitaria). As persoas confiadas no significado recto das expresións han pensar que a xente da universidade decide o que pasa dentro dela. E isto é incerto: o profesorado funcionario doutor con vinculación representa o 51% do voto, así que este colectivo, constituído por uns dous mil membros, decide o que pasa dentro dunha universidade de cerca de vinte e cinco mil persoas. A autonomía universitaria e a democracia grega están valoradas en exceso ata que se observan os fenómenos desde cerca. O  sistema de castes que rexe a universidade española é tal que unha parte substancial dela exerce de observadora a bordo dun barco que vai á deriva.

Nas eleccións a reitor da USC do luns 23 non me entrego con paixón ningunha. Supoño que votarei por Antonio López e o seu equipo por aquilo de a ver se nos equivocamos doutra maneira. Pero se gaña non vivirei o problema de que triunfe un dos meus. Terei a sorte de non ter que subir á palestra na súa defensa. Un PAS da universidade española non é de ninguén máis que do seu propio colectivo e das súas propias ideas.

Malia todo, manter certa ilusión é esencial para que sigamos en movemento e loitando polos nosos soños. De aquí ao luns voume ilusionar unha vez máis, pois perder ese afán é peor que a frustración mesma. A estas alturas é mellor un novo desengano que unha nociva incerteza. Só as ilusións e a crenza no colectivo nos axudan a ser mellores. Estou disposto a ilusionarme unha vez máis. Espero non acabar sendo un cínico desilusionado.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.