Moito despois de Maio

Negámonos a reducir Maio a unha revolta cultural que só perseguía a liberación sexual, a experimentación con drogas e un cambio de costumes que unha mocidade melenuda e irresponsable lle esixía ós seus aburridos e acomodados pais

Medio século despois de Maio do 68 é difícil ser militante do movemento xuvenil e non poñerse a pensar que nos di aquilo para transformar a sociedade hoxe. Negámonos a reducir Maio a unha revolta cultural que só perseguía a liberación sexual, a experimentación con drogas e un cambio de costumes que unha mocidade melenuda e irresponsable lle esixía ós seus aburridos e acomodados pais. Esa é a imaxe do fracaso: como anunciara Debord, ou se realiza o proxecto ou se converte en Espectáculo. As imaxes e as caricaturas non dan conta dunha folga xeral secundada por 10 millóns de traballadores, nin das experiencias de democracia obreira, de control da produción e de exercicio de autoridade na fábrica e a universidade que se dan naqueles días en Nantes, París, Caen, Rouen...mais se algo  aprendemos de Maio é que a alienación non se restrinxe á xornada laboral. O ocio, o corpo, a organización da vida, do tempo ou do coñecemento tamén son campos de batalla. Unha lección importante nun tempo no que a subxectividade que máis triunfa é a que consegue ser máis consumida.

“Cambiar a vida” non é máis que opoñerse a que a única relación permitida sexa o consumo, que nos reúne a todas nunha totalidade ó tempo que fragmenta a vida social que queda fóra da súa lóxica e convértenos en átomos que nos responsabilizamos de todo individualmente

Maio do 68 estoura despois de tres décadas de mellora nas condicións de vida da maioría social. O Estado de benestar prolóngase con emprego na industria, avance da tecnoloxía e contratación de milleiros de traballadores para unha produción cada vez máis automatizada. Pola contra, o noso contexto é o dun empobrecemento que non para dende hai unha década, do avance e consolidación do emprego precario, temporal, sen dereitos, mal pagado e no sector servizos. Non podemos formularnos unha vida autónoma, tecer lazos comunitarios sólidos é cada vez máis impensable, o Estado protéxenos cada vez menos e é cada día máis represivo. É certo, non somos aquelas estudantes nin aquelas traballadoras. A formación superior xa non serve para cubrir postos de traballo nunha sociedade que necesita man de obra cualificada e os traballadores da Renault xa non representan a forma de emprego maioritaria nin en Galicia nin en Europa.

Voltamos ó fracaso: aquilo contra o que loitaban obreiros e estudantes en cidades e vilas de todo o planeta leva cinco décadas triunfando. Anunciaron combater unha sociedade na que o poder económico e as súas regras deixan de estar sometidas a control político e democrático, fanse autónomas e impregnan e dominan todas as demais esferas da vida. “Cambiar a vida” non é máis que opoñerse a que a única relación permitida sexa o consumo, que nos reúne a todas nunha totalidade ó tempo que fragmenta a vida social que queda fóra da súa lóxica e convértenos en átomos que nos relacionamos e nos responsabilizamos de todo individualmente.

O 68 pon de manifesto a escisión total entre o movemento obreiro  tradicional e o novos movementos sociais que emerxen arredor do movemento estudantil e xuvenil, do feminismo e das loitas anticoloniais

O 68 pon de manifesto a escisión total entre o movemento obreiro  tradicional e o novos movementos sociais que emerxen arredor do movemento estudantil e xuvenil, do feminismo e das loitas anticoloniais. Se  cincuenta anos despois compartimos que o obxectivo último segue sendo liberar o tempo e gañar autonomía fronte ó goberno do capital, o que nos toca reformular son as formas de organizarnos para conseguilo. Temos por diante a tarefa de traballar no social para construír refuxio e atopar, entre tanta fragmentación, a institucionalidade necesaria para quitarlles o que nos rouban e para que a democracia non deixe nada fóra. A loita por unhas condicións de vida dignas temos que organizala tamén arredor da precariedade, dos dispositivos ideolóxicos que nos disciplinan en forma de autoaxuda e emprendemento; da vivenda, o ensino, a cidade ou as pensións  É unha tarefa colectiva ser quen de entender que ou todas as partes que traballamos no social sumamos e abordamos urxentemente estas realidades ou non temos nada que facer.

Pensar hoxe Maio do 68 é unha oportunidade para analizar vellas fronteiras e superalas, para facer que o movemento avance sen renunciar a nada despois de medio século de derrotas

Pensar hoxe Maio do 68 é unha oportunidade para analizar vellas fronteiras e superalas, para facer que o movemento avance sen renunciar a nada despois de medio século de derrotas. Fronte a tanta represión, tanta pobreza e  tanto mercado impoñendo a súa lóxica ó conxunto das nosas vidas é imprescindible a alianza, a cooperación e o entendemento entre esas dúas partes, entre sindicato e movemento social, para poder chegar a todo o emprego que non está representado nin ten mecanismos para loitar, para poder seguir facendo do traballo e das súas condicións de reprodución social un campo de batalla no que gañar.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.