0 Gardados para despois

Manuel Monge

Catro golpistas no Salón Real da Casa do Concello da Coruña

O ditador Franco xa morreu hai 42 anos, pero os golpistas seguen aí, no chamado Salón Real do palacio municipal de María Pita, con catro retratos grandísimos, presidindo acontecementos importantes da vida da Coruña: recepcións, visitas institucionais, sinaturas de acordos ou convenios etc.

José Calvo Sotelo

Foi ministro na Ditadura Militar do Xeneral Primo de Rivera. Cando se proclama a República en 1931 emigra a Italia –temeroso de que puidesen pedirlle responsabilidades pola súa actuación ministerial– procurando o amparo do ditador fascista Benito Mussolini. Regresa en 1933, liderando Renovación Española e posteriormente, en 1934, o Bloque Nacional, formación política de extrema dereita. Foi elixido deputado por Ourense en 1933 e 1936. A corrente monárquica que dirixía evoluciona cara a posicións fascistas e Calvo Sotelo convértese no portavoz fascista máis destacado e nun dos máis destacados instigadores da sublevación militar contra a República. Declarado partidario do fascismo, participou activamente na organización do Golpe de Estado, que se executou despois do seu asasinato.

Despois do triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936, Calvo Sotelo intensifica o seu discurso catastrofista e os perigos que ameazan: “Ya sabemos lo que sería una España roja. La familia deshecha, la propiedad suprimida, la libertad anulada del todo, el triunfo de las turbas, la violencia, todo lo que queráis; la muerte de infinidad de españoles”; “Las fuerzas proletarias españolas se disponen a dar un segundo paso revolucionario, que será la instauración del comunismo”. Para Calvo Sotelo, fronte a esta situación que el define como caótica e de desorde, a alternativa estaba clara: o fascismo, porque “España podrá salvarse con una fórmula de Estado autoritario y corporativo”.

O discurso que pronuncia nas Cortes o 16 de xuño de 1936, un mes antes da sublevación fascista ou Golpe de Estado, é toda unha invitación á rebelión militar, que mereceu a resposta de Santiago Casares Quiroga, que era o Presidente do Goberno: “No creo que exista actualmente en el Ejército español un sólo militar dispuesto a sublevarse a favor de la monaquía y en contra de la República. Si lo hubiera sería un loco, lo digo con toda claridad, aunque considero que también sería un loco el militar que al frente de su destino no estuviera dispuesto a sublevarse a favor de España y en contra de la anarquía, si ésta de produjera”. Como Calvo Sotelo insistía en que había anarquía e desorde, a solución estaba clara: levantarse contra o réxime constitucional e democrático da República.

Despois destas graves acusacións de Calvo Sotelo, solicitou a palabra Casares Quiroga, na súa condición de ministro da Guerra, responsabilizando a Calvo Sotelo de que “personas amigas” realicen propaganda entre o exército para provocar a súa  sublevación: “Después de lo que ha hecho Su Señoría (S.S.) hoy ante el Parlamento, de cualquier cosa que pudiera ocurrir, que no ocurrirá, haré responsable ante el país a S.S. No basta por lo visto que determinadas personas, que yo no sé si son amigas de S.S., pero tengo ya derecho a empezar a suponerlo, vayan a procurar levantar el espíritu de aquellos que pueden creerse que serían fáciles a la sublevación, recibiendo a veces por contestación el empellón que los arroja por la escalera; no basta que algunas personas amigas de S.S. vayan haciendo folletos, formulando indicaciones, realizando una propaganda para conseguir que el Ejército, que está al servicio de España y de la República, pese a todos vosotros y a todos vuestros manejos, se subleve...Gravísimo Sr. Calvo Sotelo. Insisto: si algo pudiera ocurrir, S.S. sería el responsable con toda responsabilidad”.

Unha persoa como José Calvo Sotelo que é responsabilizado directamente polo Presidente do Consello de Ministros, o coruñés Casares Quiroga, da sublevación militar do 18 de xullo de 1936, non pode ter un recoñecemento social na Coruña. Así o entenderon xa numerosas cidades, que consideran a existencia de rúas dedicadas a Calvo Sotelo como incompatíbel coa democracia e como un insulto á memoria dos represaliados polo franquismo.

En Curtis, alcaldía do PP con maioría absoluta, a rúa Calvo Sotelo de Teixeiro foi substituída por Buenos Aires. En Córdoba, alcaldía do PCE, cambian en 1980 a rúa Calvo Sotelo por Capitulares. En Guadalaxara a rúa Calvo Sotelo foi substituída por La Concordia; en Barcelona por Francesc Maciá. En Logroño, con alcaldesa do PP, a rúa José Calvo Sotelo pasa a chamarse Presidente Leopoldo Calvo Sotelo. En Valencia cambian a rúa Calvo Sotelo por Paseo de Ruzafa. O pleno de Pontedeume de 14 de xullo de 1989, sendo Belarmino Freire alcalde polo PSOE, cambia a praza Calvo Sotelo pola tradicional praza Real. En Palencia, alcalde do PSOE en decembro de 1999, eliminan Calvo Sotelo, que pasa a chamarse Praza de León. En Pontevedra, alcaldía do BNG, cambian en 2002 a rúa Calvo Sotelo por rúa da Estación. En Vila Real (Castellón), pasa a chamarse Jaume I. En Oviedo, alcalde do PSOE, en decembro de 2016 cambian a rúa Calvo Sotelo por Federico García Lorca. En Sarria, alcalde do PSOE, o pleno de decembro de 2016 aproba cambiar a rúa Calvo Sotelo por Liberdade. En Astorga, alcalde do PSOE, o pleno de 29 de maio de 2008 cambia a praza Calvo Sotelo por praza da Liberdade. En Cidade Real, alcaldía do PSOE, cambian en decembro de 2016 a praza Calvo Sotelo por praza de España. O pleno da Deputación de Pontevedra aproba por unanimidade (tamén o PP) retirar a Calvo Sotelo o título de Fillo Predilecto da provincia. Como contraste, Calvo Sotelo ten oito distincións na Coruña: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao Calvo Sotelo, IES Calvo Sotelo (depende da Deputación); placa na entrada do vello cárcere provincial e retrato no salón da Alcaldía; é Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto. Todo un record!

Miguel Primo de Rivera

Participou como militar nas guerras de Cuba e Filipinas, ascendendo por méritos de guerra a tenente xeral; foi capitán xeral de Madrid e sendo capitán xeral de Cataluña encabeza un Golpe de Estado en 1923 –co visto bo do rei Afonso XIII– que instaura unha Ditadura durante máis de sete anos. O Directorio Militar que preside anula as liberdades democráticas.

En Logroño, alcaldesa do PP, cambian a rúa Primo de Rivera por Ateneo Riojano. En Palencia, con alcaldía do PSOE, o 9 de decembro de 1999, Primo de Rivera cambia a Avenida de la Antigua Florida. En Peñarroya-Pueblonuevo (Córdoba) cambian por unanimidade (alcaldía do PSOE, PP, IU) en abril de 2017 a rúa General Primo de Rivera por Peñas Rojas. En Valladolid, alcaldía do PSOE, cambia a Emilia Pardo Bazán. En Vila Real (Castellón) pasa a chamarse Avenida del Mar.  Zaragoza aprobaba por unanimidade (alcaldía do PSOE, PAR, PP, CHA, IU) en outubro de 2010 cambiar o nome do parque Miguel Primo de Rivera por José Antonio Labordeta. Na Coruña Miguel Primo de Rivera aínda ten unha rúa e un retrato no concello.

Mario Muslera y Planes

Formou parte do Directorio Militar da Ditadura de Primo de Rivera do 19 de setembro de 1923 ao 3 de decembro de 1925. Apoiou a sublevación do 18 de xullo de 1936 e foi un dos xefes castrenses do levantamento en Donostia. Como Calvo Sotelo, figura nunha placa á entrada do vello cárcere.

Severiano Martínez Anido

Ten tamén un retrato na 2ª planta da Deputación da Coruña, obra do pintor Fernando Álvarez de Sotomaior. Foi axudante do rei Alfonso XII e director da Academia de Infantería de Toledo de 1912 a 1914. Gobernador militar de Barcelona en 1919 e despois gobernador civil de 1920 a 1922, destacou pola represión policial contra as organizacións obreiras, especialmente a CNT. Facilitou a organización do Sindicato Libre, que provocou o asasinato de centos de obreiros, e aplicou a “Lei de fugas”. O historiador británico Hugh Thomas sinalaba sobre a súa actuación nesta etapa: “Se hizo famoso por su crueldad, un tipo de represión que no se había visto en España en varias generaciones. Apoyó a los Sindicatos libres, que parecían cada vez más una unión patronal de rompehuelgas”.

Relevado como gobernador civil de Barcelona en outubro de 1922, é destinado a Melilla como comandante militar e desde alí apoiou o golpe do xeneral Miguel Primo de Rivera, ocupando distintas responsabilidades: subsecretario do ministerio da Gobernación, habilitado coa capacidade do ministro; delegado do Directorio Militar e encargado da Xunta Central de Abastos en 1924; ministro da Gobernación en 1925, ocupando tamén a vicepresidencia do goberno. Sae do goberno en xaneiro de 1930 coa caída de Primo de Rivera. O goberno da II República expulsouno do Exército e marchou exiliado a Francia, pero en 1935 e despois de trunfo electoral en 1933 da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), José María Gil Robles, ministro da Guerra, recoñece os seus dereitos como militar na reserva co rango de tenente xeneral, que perde, novamente, en marzo de 1936 co trunfo do Fronte Popular.

Cando se inicia o levantamento militar e fascista o 18 e xullo de 1936 regresa a España, apoiando ao exército sublevado. Foi nomeado presidente do Patronato Nacional Antituberculoso e xefe dos Servizos de Seguridade Interior, Orde Pública e Fronteiras en 1937, dependente directamente de Francisco Franco. Ministro de Orde Pública no goberno de Franco en febreiro de 1938 (segundo Hugh Tomas, foi nomeado “con el fin de sembrar o pánico entre los republicanos”), organizando a represión policial nas zonas controladas polo goberno de Franco. Como ministro estableceu as primeiras relacións coa Alemaña nazi para a formación da policía política española, que desembocaría en 1942 na creación da Brigada de Investigación Social (a temida Brigada Político Social do franquismo). Asinou un acordo con Himmler, xefe das SS, para a extradición mutua de “delincuentes políticos”. Morreu o 24 de decembro de 1938.

No sumario instruído en 2008 polo xuíz Baltasar Garzón da Audiencia Nacional Martínez Anido estaba na relación de 35 altos cargos do franquismo imputados polos presuntos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.

Estes retratos, outros xa retirados, así como placas das rúas, monolitos, esculturas franquistas etc. deberían formar parte do Museo da Cidade (temos unha extraordinaria oferta de museos, pero este aínda está pendente), nun apartado específico para recuperar a memoria histórica da ditadura criminal de Franco e como homenaxe ás vítimas da represión franquista.

Outro día falarei do “Camarada Fraga” (non confundir con “Don Manuel”), que é Fillo Adoptivo da Coruña desde 1968.

Publicidade

Acerca de Manuel Monge

Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.